Abanca lánzase á conquista do mercado bancario portugués

A entidade bancaria galega pode converterse nun dos grandes operadores portugueses coa compra de EuroBic. Xornais portugueses daban por pechada a operación de compra de EuroBic, un dos dez bancos máis grandes de Portugal, esta fin de semana. O banco galego confirmouno este luns.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/02/2020 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Abanca comprou o 95% do capital de EuroBic, un banco controlado polos empresarios Fernando Teles e Isabel dos Santos e cuxa operación tería sido fechada durante esta fin de semana, segundo apuntan xornais económicos lusos. Unha operación que converte ao banco galego nun dos máis importantes de Portugal.

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, no I Foro A Toja Vínculo Atlántico.. ABANCA
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, no I Foro A Toja Vínculo Atlántico.. ABANCA

O xornal Eco apunta que a operación de compra se tería fechado esta fin de semana, mentres que o Jornal Económico destaca que sería de case a totalidade do EuroBic, estando así encima da mesa a compra da totalidade do banco no acordo. Hai uns días, durante a presentación de resultados de Abanca, o seu presidente, Juan Carlos Escotet, destacaba o interese en adquirir a entidade lusa, pero sempre e cando controlara, cando menos, o 75% do banco detido por Isabel dos Santos e Fernando Teles.

Isabel dos Santos foi a primeira en anunciar a súa disposición en vender tras estar investigada en Angola, onde posúe numerosos negocios, principalmente no mundo do petróleo. Posúe o 42,5% do EuroBic a través da Santoro Financial Holding SGPS (que detén 25%), con sede en Portugal, e da Finisantoro Holding Limited, que ten 17,5%, con sede en Malta. Agora, e tras ser remiso nun primeiro momento, o outro a accionista, o luso-angolano Fernando Teles, que controla 37,5%, tamén está en disposición de vender..

O EuroBic tamén ten outros pequenos accionistas. Entre eles, Luís Cortez dos Santos, Manuel Pinheiro Fernandes e Sebastião Bastos Labrego cun 5% de accións cada un deles. O outro 5% restante está nas mans doutros investidores. Estes accionistas deberán tamén vender a súa posición a Abanca, segundo fontes coñecedoras do proceso.

OUTRAS OFERTAS

O EuroBic tivo outras ofertas nos últimos días, entre elas, Bankinter, BNP e de empresarios locais. Con todo, as conversas con Bankinter e o BNP Paribas non avanzaron, ao contrario dos rumores de mercado que os daban como interesados. Tamén amosou o seu interese un fondo de investimentos chinés, mais esta proposta non se concretou.

Por outra banda, un grupo de 20 empresarios portugueses, algúns con presenza forte no norte do país, puxo encima da mesa unha proposta polo banco. O xornal Expresado apunta que un representante do grupo, José Fernando Figueiredo, tivo encontros co Banco de Portugal, un deles o pasado venres, para falar da proposta.

José Figueiredo é expresidente da Institución Financeira de Fomento e o grupo de empresarios inclúe a João Rafael Koehler, antigo presidente da ANJE (Asociación Nacional de Mozos Empresarios). O grupo asegurou ao Expresado que ten “capital dispoñíbel para o negocio”. Mais esta “proposta” non recibiu entusiasmo do supervisor bancario, segundo fontes contactadas polo Jornal Económico.

ABANCA CONFIRMA A OPERACIÓN

Finalmente, o mellor posicionado foi Abanca, que acaba de confirmar a operación e que, con esta compra, ten grandes posibilidades de crecemento en Portugal tras facerse co Deutshe Bank e controlar no conxunto do Estado español o negocio da Caixa Geral de Depósitos. Unha operación pola que pagou 384 millóns de euros. Ademais, a operación viuse facilitada pola necesidade de Isabel dos Santos de vender a súa participación en EuroBic tras estar involucrada no 'Luanda Leaks', coa revelación de 715 documentos que recollen a súa implicación en supostas operacións ilícitas no país africano.

EuroBic conta cuns 266.700 clientes, un volume de negocio de 11.699 millóns de euros, un volume de crédito de 5.198 millóns de euros e 6.148 millóns de euros en depósitos. Segundo os datos de peche de 2019, a súa taxa de morosidade é do 6,4%, o persoal ascende a 1.482 empregados e a súa rede está integrada por 184 oficinas.

Abanca conta actualmente con 71 puntos de venda, 500 colaboradores e máis de 80.000 clientes en Portugal. En total, o banco galego ten 800 oficinas repartidas en once países de Europa e América e un equipo integrado por máis de 6.000 profesionais.

ESCOTET


Sobre esta operación, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, valorou como unha "fantástica noticia" a compra do banco portugués, nunha operación que se realizou de forma "acelerada" e "rápida", pero "non por iso moi prudente", debido a que "xorde a oportunidade" dun grupo de accionistas que estaba disposto a vender "no menor tempo posible".

"As nosas primeiras impresións son francamente magníficas, é unha operación con todo o sentido estratéxico, a nosa aposta é ibérica e isto ratifica esa vocación ibérica", valorou Escotet en declaracións este luns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta