Chiquito de La Mezquita

Ya me lo dijo el vicario cuidado con tu hijo Mario tiene una fea manía la de subirse allá arriba. No estudia ni trabaja y de allí nunca se baja y yo siempre me cabreo casi siempre que lo veo.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 16/10/2012

Comparte esta noticia
Era un sábado na semana anterior ás eleccións xerais que todo o mundo sabía que ía gañar Rajoy. Estabamos nun popular restaurante perto de Padrón, recoñecido polo seu cocido “game over”. Unha fotografía de Fidel Castro co dono do local daba a benvida ao visitante: “Ni un paso atrás, ni para coger impulso”. Unhas estrambóticas bambalinas habilitaban un esperpéntico reservado no que se espallaba unha recua boureante dunhas vinte persoas. Homes e mulleres duns cincuenta anos, castelánfalantes todos (alomenos de miolos para fóra): eles co clásico atrezzo de empresario-galego-en-parrillada, isto é, o móbil pendurado do cinto ben gardado en coiro; elas un remedo de directora xeral ou conselleira da Xunta. 
 
Pola conversa podíase deducir que no grupo había uns cantos funcionarios, mesmo algún profesor, así como profesionais liberais. Non faltaban, xa que logo, os títulos universitarios. Mentres un picador pouco ducho estragaba unha cachucha sen piedade, enchoupando de cartílago esmagado a súa camisa de Tommy, un dos comensais, tralo sorbo de rigor á sopa do cocido, guindou á mesa (coa culler na mao dereita, escrutadora) unha pregunta de actualidade: Quen credes vós que sería un bo Ministro de Economía con Rajoy? Sen dubidalo, o cabo da mesa contestou: “Mario Conde”. E coma o coro de La Casa de Bernarda Alba, o resto da cuadrilla asentiu e aplaudiu con convencimento a xenial proposta. Algún atreveuse incluso a alicerzar aínda máis esta opción: “Es un hombre de acción, lo que hace falta en los tiempos que corren”, “sabe de números, eso es indudable”, “que estuvo en la cárcel, que más da, si debían estar todos”, etc., etc…
 
Meses despois temos a Mario Conde como candidato á Xunta de Galicia por Sociedad Civil y Democracia (sic), cun trisquel de avangarda que recorda aquel rollo filonazi dos Ultreias de preguerra. Dun exfalanxista na Xunta preautonómica pasamos a un banqueiro corrupto a comezos do século XXI. E pensar que aínda hai xente estrada nas beiras das estradas por ter defendido a República e a Autonomía, manda truco. Pero claro, neste país onde Manuel Fraga Iribarne era bo e xeneroso, todo é posible. O Condemor é visto por algún coma un Adrián Solovio postmoderno, que despois de dar tombos pola vida sentiu a chamada petrucia da Terra, reconvertido nun minifundista con minifundios en Mallorca, en Toledo, en Ourense… Outra xente considera o Condemor como a materialización dos anceios piñeiristas; o que pasa é que en vez de fixarse na socialdemocracia de Suecia, ao noso banqueiro aquélalle máis a comparanza entre Galicia e Luxemburgo. Eu, para servos sinceiro véxoo máis coma Il Padrino, recibindo homenaxes, medallas e condecoracións na fase final da súa vida, investindo na súa Sicilia natal, empeñado, como Albert Speer o Jaume Matas, en construír unha visión mitificada da súa vida de delincuente, en ter que argallar alianzas e guerras con dinastías rivais, coma os baltáridas de Auria.
 
Un grande colofón para a fracasada interautonomía de Galicia: o Condemor, o Chiquito de La Mezquita, de deputado autonómico. Que lle concedan a medalla Castelao xa, por cachondo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA