Fala o estudantado: "Esta folga é un paso máis dunha longa loita por unha universidade pública"

O estudantado galego das tres universidades públicas está en pé de guerra contra unha xestión académica no marco desta pandemia que consideran que non garante a igualdade de oportunidades. Máis alá, "esta crise enfróntanos ao modelo de universidade que queremos", di un dos alumnos da USC. Eis a primeira radiografía deste novo chanzo da loita estundantil. A segunda será sobre o profesorado.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pandemia da Covid-19 trouxo ás tres universidades galegas - USC, UdC e UVigo - a primeira folga telemática da súa historia. Foi o sindicato estudantil Anega quen a convocou o pasado 16 de abril para reclamar a fin do curso fronte á imposibilidade de garantir a igualdade de oportunidades entre o alumnado e debido á discriminación que supón para moitos, por cuestións tecnolóxicas, sociais, psicolóxicas ou económicas, non poder seguir o fío das materias. Dende ese día, quen secunda a protesta non participa nas aulas virtuais nin fai entrega de traballos.

Estudantes universitarios en imaxe de arquivo. EUROPA PRESS-ARQUIVO
Estudantes universitarios en imaxe de arquivo. EUROPA PRESS-ARQUIVO

"Se os reitores non paran o curso, parámolo nós", instan dende Anega. Se ben nin os convocantes nin os reitorados manexan datos de seguimento desta folga, as protestas están prendendo con forza en todas as facultades galegas. O estudantado denuncia as decenas de exames en poucas semanas e a elevada esixencia das universidades en plena pandemia. A xestión académica por parte de reitorados e decanatos non convence, mais o alumnado tampouco se está enfrontando a algo novo. "Este é un paso máis dunha loita longa que seguiremos dando, e que levamos tempo dando por unha universidade pública, democrática, crítica e na que todas e todos poidamos mellorar a nosa condición cívica", afirma Pablo Calviño, estudante da Facultade de Ciencias da Comunicación na USC.

"SEN IGUALDADE DE OPORTUNIDADES"

Son moitos os problemas que se veñen presentando dende que finalizou o curso de maneira presencial. O estudantado fala de falta de organización e de boa comunicación, de falta de recursos telemáticos, de sobrecarga de traballo ou do mantemento dos exames e dos criterios de avaliación sen ter en conta os cambios que a pandemia puido provocar nas condicións de cada estudante. "Dende o comezo demandabamos que a USC tivese en conta un feito fundamental", relata Calviño dende a Asemblea da Facultade, "que a partir do 13 de marzo non se podía avaliar do xeito en que se viña facendo ata ese momento; non se podía finxir que todo seguía igual".

Unha das reivindicacións comúns a todo o estudantado vai por ese mesmo camiño. Concordan no discurso en que non se están contemplando as realidades diversas de moitos compañeiros e compañeiras, algunhas sen acceso a conexións e a recursos tecnolóxicos, outras atravesando situacións difíciles en termos de saúde física e mental ou en termos de relacións e convivencias complexas que se xeran nas casas... As situacións son moi dispares e ningunha delas reúne as circunstancias óptimas para finalizar o curso con normalidade. "Non hai garantías de que todo o alumnado poida avaliarse en condicións de igualdade; estase primando que sexamos máquinas en vez de persoas ás que lles afecta esta situación", fala Adrián Souto, membro de Anega e estudante do Mestrado en Enxeñería Informática da UVigo.

Un estudante traballa cun computador portátil. UNIVERSIDADE DE VIGO
Un estudante traballa cun computador portátil. UNIVERSIDADE DE VIGO

O caso de Lucía, unha estudante de Enfermaría da Universidade da Coruña, é representativo: "Eu tiña a intención de seguir a folga, pero os profesores tomaron decisións sen ter en conta esta protesta e seguiron dando clases, polo que teño que asistir ás aulas virtuais e enterarme dos traballos se quero aprobar", denuncia. Co agravante, ademais, de que dende a súa aldea atopa "problemas para seguir o fío das clases". "Antes deixábanas grabadas, pero agora xa non o fan, e daquela moitas non as podo ver. É habitual que se corte a conexión ou que o programa non responda, moitas veces queda colgado". A pesar disto, das tres materias nas que está matriculada, deberá realizar proba de modo telemático en todas elas.

AVALIACIÓN "FLEXIBLE"

As universidades galegas apostaron nos seus Consellos de Goberno por concluír o curso nas datas previstas e por manter os períodos de avaliación previstos, mais apostando, iso si, por unha avaliación "flexible", de maneira que se primase a avaliación continua sobre a realización dos exames. Con todo, a realidade dista en certos casos do acordado neses consellos. Baixo o paraugas da liberdade de cátedra, boa parte do profesorado mantén as probas en pé. Dende a Asociación de Estudantes de Económicas e Empresariais trasladan que, á parte daqueles "caídos en combate e dos que nada se sabe", outros moitos profesores cambiaron o seu parecer ao longo destas semanas: "A posición era compartida ao comezo, pero logo atopámonos con que gran parte deles deron un cambio drástico de opinión e optaron por facer exames". 

Din sentirse "indefensos" perante esta situación "extraordinaria" na que, ademais, recibiron abondosos correos nos que parte do profesorado alertaba de que a asistencia á clase se ía contar notablemente na nota final. Outras alumnas da UdC denuncian tamén un "endurecemento dos criterios de corrección dos exames". "Dinnos que nos farán tests máis complicados e que nos deixarán menos tempo para dificultarnos a posibilidade de copiar. Paréceme incrible", denuncia. Por parte da Asemblea Aberta de Medicina (USC) tamén critican que "son únicamente dúas materias en todo o grao de Medicina as que optaron por non realizar o exame final". Súmase a isto a queixa de que a plataforma empregada non soporta a programación de probas para un gran número de alumnos.

Por iso, parte do estudantado galego esixe que as materias sexan avaliadas a través de traballos e non de exames. "É como realmente aprendemos", di a estudante da UdC. A outra boa parte do alumnado tampouco lle convence estoutra opción. "A solución proposta segue sen superar as desigualdades que hai actualemente, que tamén atinxe a moitos profesores que non teñen medios de conexión decentes", afirma Adrián Souto, de Anega. "Nós pedimos que se finalice o curso, que non haxa nada avaliable a partir do 13 de marzo e que a superación das materias non conte para media; non pedimos un aprobado xeral". Que facer, daquela, con eses contidos que non puideron darse? "Reclamamos que os contidos esenciais se impartan en cursos extra ou se adapten ao calendario académico do vindeiro curso; e que os non esenciais sexan proprocionados de forma gratuíta ao alumnado para que nós mesmos poidamos acceder". 

Outra das reivindicacións é a devolución das taxas. "Estamos recibindo educación telemática que non se asemella nin en parte á presencial; e ademais, esta situación derivada da pandemia afecta moito á nosa economía", engade Souto.

UNHA CUESTIÓN DE FONDO

"Hai unha cuestión que está de fondo de todo isto e que moitos profesores tamén o teñen en conta: esta crise enfróntanos ao modelo de universidade que queremos". Pablo Calviño, estudante do Dobre Grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, entende estas reivindicacións actuais, neste momento concreto, como un "paso máis dunha longa loita por unha universidade pública, democrática e crítica". "Cómpre poñer en valor a universidade como centro de encontro para aumentar o coñecemento, máis que como unha mera institución para obter un título", engade.

Por iso mesmo, "os docentes non poden ser bustoparlantes nunha plataforma". "Non loitamos tanto por unha medida ou outra, senón por unha visión da universidade que se centre no que debe ser: un centro no que todas e todos poidamos mellorar a nosa condición cívica accedendo a un ensino crítico. Neste contexto tocou defender unha postura, pero esa é a loita que vale a pena resaltar. Este é un paso máis nese camiño longo que a ver a onde nos leva!".

[Na segunda parte desta reportaxe, Galicia Confidencial dará voz á outra parte desta realidade: o profesorado].

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Bismutiño

La realidad es al revés. Las facilidades para la obtención de los títulos se vuelven contra los que los tienen. Al final el que puede se va a una universidad española o extranjera de prestigio, mientras que el que no puede se queda con títulos que no valen para nada. Pero nada, a seguir con la demagogia barata que seguro que tienes puesto fijo en el sindicato nazonal.