Ceferino formaba parte da miña paisaxe política, o que é tanto coma dicir da miña vida. Nun momento no que a vinculación que manteño co PSdeG-PSOE é feble, Ceferino seguía formando parte dese grupo de compañeiras e compañeiros socialistas polo que -diferenzas aparte- sinto simpatía e afecto tras compartir anos de militancia. Debo recoñecer que se ben nalgún momento teño sido crítico con il, dende as lexítimas diferenzas que se dan en todo colectivo, Ceferino tiña moitas virtudes que o facían unha persoa importante para Galicia e para os socialistas galegos.
Desas moitas virtudes eu quixera recordar unha que na miña persoal opinión é definitoria: unha firme e serea vontade de resistencia. Ceferino Díaz era capaz de afronta-las adversidades (que na vida son moitas) cunha tranquilidade sorprendente. Non recordo que ningunha das súas intervencións en asambleas locais, comités ou congresos non transmitise esa sensación. Era capaz de ser firme sen necesidade de armar escándalo; unha firmeza acompañada dunha sorte de flexibilidade que lle permitiu defender nun contexto complexo e moitas veces adverso as súas concepcións políticas e ideolóxicas, sendo quen de interpretar un papel definitorio no proceso autonómico galego e na sempre inconclusa laboura de construcción dun partido dos socialistas de Galicia.
Coido que esta capacidade para resistir viña tanto da boa armazón ideolóxica de Cefe coma dunha sorte de sano optimismo que o levaba a seguir loitando políticamente por aquello que cría que era o mellor para o País. Nos últimos tempos, nos que a militancia no PSdeG-PSOE é cando menos pouco agradecida, ese carácter seu permitíalle seguir participando cun sereo optimismo nuns debates orgánicos e políticos nos que outros terían claudicado vai tempo.
Precisamente por esas súas virtudes a súa perda neste momento e aínda máis dorosa. Nun momento no que o PSdeG e o propio PSOE xóganse a súa superviviencia como partido socialista e, polo tanto, a súa condición de instrumento de transformación social pola vía do progreso, a voz e o traballo de Ceferino Díaz ían ser importantes e necesarios para a reconstrucción ideolóxica e para afrontar as tarefas que o socialistas galegos teñen pendentes.
Agardo que as verbas que moitos pronuncian estes días en recordo de Ceferino Díaz agromen nunha acción política que honre a súa memoria construíndo o futuro do socialismo galego coa mesma firme serenidade que il tiña.