A nova dirección no PSdeG e as tarefas pendentes

Vense de celebrar en Santiago de Compostela o congreso extraordinario do PSdeG, que pese a súa brevidade e escaso contido programático, serviu para moito máis que a mera elevación á secretaría xeral de Gómez Besteiro. Foi unha primeira escenificación do grao de realidade que cabe agardar que acaden as promesas do candidato nos feitos do secretario xeral e permitiu tamén albiscar na súa proposta orgánica os apoios políticos con que este pretende levar a bo porto o seu mandato.

Por JL Valcarce | Compostela | 03/10/2013

Comparte esta noticia
Se ben pode ser cedo para sacar conclusións, o certo é que a proposta orgánica xerou algunhas sorpresas que se reflectiron nunha porcentaxe de voto sensiblemente inferior á do secretario xeral e que poden respostar ao que algúns interpretamos coma un compromiso de Gómez Besteiro con certas maiorías territoriais do partido.
 
En todo caso, esta nova dirección vai ter que afrontar diversas cuestións pendentes, xa que se ben Pachi Vázquez deixou a Secretaría Xeral co mérito de ter conseguido o ensaio das eleccións directas (un tanto descafeinadas e contraditorias pola esixencia de avais e o seu carácter meramente consultivo) o certo e que deixou tarefas pendentes que teran que se solventar o antes posible, particularmente se Gómez Besteiro quere manter o creto acadado nas primarias. 
 
Entre esas tarefas diabólicas que non poden admitir máis demora está a situación de Dª María del Carmen Silva, quen continúa a día de hoxe sendo concelleira en Vigo e deputada no Congreso, situación que supón o incumprimento dos Estatutos Nacionais e Federais no seu mandanto imperativo de que os afiliados non poderán desempeñar simultáneamente dous cargos institucionais, agás naqueles casos no que un cargo derive doutro (caso dos concelleiros e deputados provinciais).
 
Se ben cabería pensar que se trataba somentes dunha cuestión de egos enfrontados ou dunha forma de socavar a Pachi Vázquez, eu son dos que pensa que  ante todo era un continuo acto de desorientación política, unha oposición contra o senso común e unha deformación da propia actividade política, concibida coma unha sorte de propiedade acaparable en troques de coma unha responsabilidade.
 
A ninguén se lle escapa que o exercicio dilixente dun cargo institucional precisa tempo e enerxía. As posibilidades de adicarlle ambas cousas desaparecen no intre en que se pretende exercer dous cargos de responsabilidade a un tempo. Os cidadáns poden lexítimamente considerar que os seus representantes non poden facer ben a súa laboura ao estar pluriempregados ou incluso sospeitar que algunha das responsabilidades (ou ambas) carecen de verdadeiro contido ao non esixir esa exclusiva adicación.
 
A representación institucional e os cargos públicos non son cromos que se poidan coleccionar ou privilexios para o desfrute persoal ou alimento do propio ego, senón responsabilidades que deben ser exercidas para satisfacer o interés colectivo  antepondo o servizo á sociedade a calquera veleidade particular. Se alguén olvida iso hai que llo recordar polos medios pertinentes e non quedar nun silenzo cómplice, mirando cara outro lado, e moitos menos permitir que se persiga a aqueles que pulan polo cumprimento das normas. Por iso, se o PSdeG quere verdadeiramente reconstruirse e ofertar unha opción política que obedeza ás necesidades do momento, a nova dirección nacional ten que comezar por arranxar  unha situación incoherente coas súas normas e co sentido último da acción política, da ética, e da xustiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
J.L. Valcarce José Luis Valcarce Rodríguez (Pontevedra, 1980). É avogado especialista en Dereito Tributario. Militante das Xuventudes Socialistas de Galicia dende o ano 1996 e do PSdeG-PSOE dende 1998, tivo diversas responsabilidades en ambalas dúas organizacións (secretario xeral da agrupación de Compostela de XSG, membro da Executiva Nacional Galega de XSG, membro do Comité Local de Santiago do PSdeG-PSOE, etc.) e participou coma delegado en diversos congresos nacionais e federais do Partido Socialista e da súa organización xuvenil. Forma parte da corrente de opinión do PSOE Izquierda Socialista, da que é portavoz en Galicia."