Por JL Valcarce | Compostela | 08/12/2011
Dito douto xeito: o fracaso nas eleccións xerais evidencia a quebra do modelo político e orgánico aplicado pola dirección durante os últimos trinta e catro anos, e a necesidade de acometer un cambio radical no PSOE.
O certo é que en contra do manifestado por varios membros da dirección, non foi a crise económica a que provocou o afundimento electoral, nin a grave desafección da cidadanía co PSOE, nin tampouco unha falla na comunicación, ou a deficiente explicación das medidas adoptadas (teoría que reduce as persoas á condición de imbéciles incapaces de comprender a bondade das medidas adoptadas, en lugar de pensar que á xente simplemente non lle gustan). A causa de que máis de catro millóns de votantes non volvesen a confiar no PSOE está na profunda crise ideolóxica dun partido que non sabe qué é nin qué quere.
Unha breve análise do seu funcionamento até a actualidade amosa que o partido está en mans dunhas vellas elites sostidas unicamente dende o poder institucional. Ese poder era o que dotaba de lexitimidade interna aos cargos orgánicos e o que sostiña economicamente ao aparato burocrático do partido. Ao tempo, os mecanismos de renovación da dirección pasan, na meirande parte dos casos, pola cooptación e por estraños equilibrios de poder. Así, dende 1977 o certo é que a dirección se foi afastando cada vez máis das bases, acabando case por converter o partido nunha sorte de plataforma electoral que sómente sirve para dotar dunhas siglas aos diversos cargos públicos e ás súas candidaturas.
Esta construción orgánica reflicte unha concepción da acción política determinada, na que acadar o goberno deixa de ser un medio para trocarse nun fin en si mesmo. Nalgún momento da acción política se nos esqueceu para qué queremos gobernar, preocupandonos simplemente de gobernar, sen máis. A situación lembra á novela de Joseph Heller “Catch-22”, na que o pai de Major Major adicase a cobrar subvencións por non cultivar alfalfa e cos cartos recibidos merca máis terras de labranza para “máis alfalfa non cultivar”.
Iso explica que os proxectos electorais cos que se concorre ás eleccións sexan, na meirande parte das ocasións, proxectos de un candidato ou candidata, e que se teña instalado no partido unha delirante concepción da “lealdade” cos cargos orgánicos e institucionais, pero que non se predica nin se practica respecto do Programa Máximo nin, en xeral, dos programas políticos e electorais.
Así, a primeira tarefa que temos que enfrontar os/as militantes do PSOE non é elixir un líder (é ademais discutible que, cos actuais mecanismos, realmente dende a militancia elixamos algo). O primeiro que temos que facer é pensar en para qué estamos aquí, para qué é preciso o PSOE e, a partir de aí, reconstruír o partido para que sexa o instrumento axeitado para conseguir eses obxectivos políticos.
Haberá que pensar se o PSOE quere ser sómente un partido que o fíe todo a estar instalado comodamente na “quenda pacífica” ou se está disposto a transformar a sociedade, acudindo á raíz dos problemas e dotándose dun programa económico, político e social que permita construír unha alternativa a un sistema inxusto. En definitiva, haberá que decidir se o Programa Máximo é a nosa aspiración ou unicamente serve para telo nun altar xunto a Pablo Iglesias criando musgo.
En canto non decidamos qué queremos facer, qué proxecto queremos sustentar e defender, qué sociedade queremos construír, qué misión queremos levar a cabo, todo o demais será estéril. Sen acometer esta primeira e fundamental tarefa, o PSOE corre un risco evidente de desaparecer afogado baixo liderados vacuos limitados a explotar até ao esgotamento unha marca outrora exitosa.