Caridade fronte a redistribución

Nos últimos tempos asistimos nas redes sociais recollen a unha sorte de campaña de agitprop dirixida ao mantemento da axuda de 400 euros aos parados de longa duración.

Por JL Valcarce | Ames | 31/01/2013

Comparte esta noticia

O propio Alfredo Pérez Rubalcaba, secretario xeral do PSOE, incidiú na cuestión relanzando unha campaña que considerou pouco menos que a súa acción política fundamental. O certo é que o obxetivo cumpriuse sen moita dificultade, xa que o goberno central decidiu manter o subsidio, entre outras cousas porque o contrario os situaría nun contexto insostible socialmente e claramente pre-revolucionario (o máis poderoso acicate insurreccional nunca foi Marx senón a fame). O gran triunfo de Rubalcaba -conquerir salvar os 400 euros- non era tan difícil de alcanzar, e il sabíao e por iso “arriscou”.

O problema ven agora, xa que os 400 euros non solucionan nada e, máis ben, evidencian a descomposición case absoluta á que ten chegado certo sector autodenominado socialdemócrata ou, segundo a ocasión, progresista, vítima dunha cegueira ideolóxica que o leva a confundir o socialismo cunha sorte de caridade que nada ten que ver coa redistribución da riqueza e, moitos menos, coa transformación da sociedade.

Nun contexto de evidente quebra do sistema económico e de colapso do rexime político o propio sería que a dirección dun partido que se di socialista e que ten un programa máximo claramente marxista ofrecese unha alternativa operativa a un modo de organización económico, político e social que ten amosado o seu fracaso e o seu carácter lesivo. Mais nada de iso se fai e as accións das cabezas visibles limítanse a pedir rendas de fame para evitar a absoluta inanición da clase traballadora, mentres uns poucos seguen acopiando a inmensa maioría dos recursos.

Non lle pido a Rubalcaba que chame á folga xeral revolucionaria, porque ben sei que iso sería coma pedirlle a un bacallao que voase, pero si conviría que asumise que os 400 euros non son senón, no mellor dos casos, un xesto caritativo baleiro para unha clase traballadora expoliada que o que precisa é –como mínimo- traballo remunerado. Iso esixiría, ainda dentro dos límites do capitalismo, a asunción de diversas medidas necesarias como a creación dunha banca pública; a creación dun sector industrial productivo; a recuperación da soberanía enerxética eliminando un sistema oligopolista que nos fai depender dos combustibles fosis cando o que se precisa é desenvolver as enerxías renovables; a transformación do sistema tributario español… Medidas que nada teñen de revolucionario pero que a presión exercida polo aparato (máis inamovible que o Movimiento) nas últimas conferencias políticas impediu acadar, conducindo ao PSOE ás súas horas máis baixas ao convertilo nun mero partido liberal.

Se todo iso se tivera feito no seu momento (como demandamos moitos nos foros pertinentes para iso), probablemente a situación actual fose distinta para a clase traballadora e para o PSOE. Sen embargo, permitiuse que a política económica do PSOE quedase en mans de expertos e tecnócratas alleos por completo á realidade e refractarios fronte os intereses da clase traballadora; xente cuxo grao de desconexión co día a día da inmensa maioría da poboación so se veu superado polas súas ansias trepadoras.

Ise é un dos factores que explica que o máximo dirixente do PSOE insistise en darlle un carácter central da súa acción política a defender subsidios que no peor dos casos poden chegar a ser un elemento máis para manter baixo control á cidadanía e empregarse coma un dogal que refree calquera intento da inmensa maioría por transformar un sistema que beneficia a un limitado grupo de persoas.

Para esta dirección, superada pola realidade, non é preciso nin convinte facer análise algunha do sistema capitalista nin plantexarlle a máis mínima crítica. O capitalismo é algo co que hai que convivir e o socialismo consiste en xogar a dar esmolas de señorona provinciana. Esta concepción explica, ao meu entender, a tardía, insuficiente e excesivamente xeral proposta de pacto político e social fronte ó desemprego masivo, que ten máis de invitación velada á componenda coa dereita que de proposta de transformación económica e social. Eso é, até que consigamos o desafiuzamento de Ferraz, o paradigma dominante: aparecer coma xente responsable e respetable aos ollos das elites (só faltou que algúns lle pedisen aos Reis Magos un goberno de concentración) antes que solventar os problemas da cidadanía conquerindo unha fonda transformación da realidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
J.L. Valcarce José Luis Valcarce Rodríguez (Pontevedra, 1980). É avogado especialista en Dereito Tributario. Militante das Xuventudes Socialistas de Galicia dende o ano 1996 e do PSdeG-PSOE dende 1998, tivo diversas responsabilidades en ambalas dúas organizacións (secretario xeral da agrupación de Compostela de XSG, membro da Executiva Nacional Galega de XSG, membro do Comité Local de Santiago do PSdeG-PSOE, etc.) e participou coma delegado en diversos congresos nacionais e federais do Partido Socialista e da súa organización xuvenil. Forma parte da corrente de opinión do PSOE Izquierda Socialista, da que é portavoz en Galicia."