Alerta tras a morte de dúas persoas por mor da velutina: AGA denuncia descoordinación para loitar contra ela

AGA tamén pide que a Vespa velutina ou o tártago asiático sexa declarada pola Unión Europea como praga en todo o seu territorio.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/05/2020 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A Vespa velutina matou dúas persoas en Galicia en pouco máis dun mes, un home en Santiago e outro en Raxó este domingo. Dúas mortes que para a Asociación Galega de Apicultores (AGA) non fai presaxiar “nada bo”. De feito, denuncia que a loita que se está levando contra a velutina “é desorganizada e cadaquén anda polo seu lado, sexa a Xunta, os concellos, os sectores afectados etc”.

Niño de vespa velutina nas Illas Cíes
Niño de vespa velutina nas Illas Cíes | Fonte: Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

Unha desorganización que se estende tamén ao eido da investigación. “Hai varios proxectos comezados, pero descoordinados e non se albisca unha acción decidida tampouco neste ámbito”, apunta esta entidade nun comunicado.

Por iso, insiste na necesidade dunha maior coordinación e propón por comezar a facer unha campaña de divulgación sobre como deberían actuar as persoas nas diferentes situacións, segundo se trate de apicultores, de traballadores do monte, de labregos ou sendeiristas, sexan alérxicos ou non.

Tamén salienta que o rampeo primaveral, que este ano se viu minguado pola pandemia do coronavirus, é unha ferramenta fundamental “entramentres non haxa outra mellor, mais ten que ser organizada”. Os apicultores din que non vale de nada trampear unha comarca ou un concello, e no colindante non o facer.

Finalmente, AGA tamén pide que a Vespa velutina ou o tártago asiático sexa declarada pola Unión Europea como praga en todo o seu territorio, para poder implementar axudas de cara os sectores afectados por esta invasión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta