Temas: FRASEOLOXíA

Paremias e expresións galegas equivalentes á castelá “vísteme despacio, que tengo prisa”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 14/06/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Disque cando alguén anda moi apresurado ou moi apertado de tempo, o mellor que pode facer é realizar as cousas con calma e sen bulir de máis, xa que neste último caso (ou sexa, andando lixeiro de máis) o máis probable é que lle saian peor, co prexuízo que isto ocasiona, ou que mesmo as teña que volver repetir, coa conseguinte perda de tempo que supón. Para dar conta dese consello é moi habitual que escoitemos, enunciado ó dereito en castelán, a paremia vísteme despacio, que tengo prisa.

Etiqueta de roupa
Etiqueta de roupa | Fonte: euobserver.com

Pero, coma decote, en galego dispomos tamén dunha extensa variedade de paremias e expresións que fornecen exactamente ese mesmo contido. Vexamos algunhas:

“Vísteme despacio, que tengo prisa”

“Vísteme despacio, que estoy de prisa”

{= Paremias con que se recomenda que cando alguén anda apurado de tempo o mellor é que faga as cousas ó xeito e ó dereito, pois se bole é probable que lle saian peor, co prexuízo que iso ocasiona, ou mesmo que as teña que repetir, polo que vai tardar máis.}

Canta máis présa, máis vagar

“Devagar, que teño présa”

Canta máis présa, máis calma

[E MAIS]:

Canta máis présa, máis lecer

Canto máis présa, máis vagar

Canto máis apuro, máis vagar

Ex.: A ver si para la próxima semana sale a la luz el primer número de la revista. —“Vísteme despacio, que tengo prisa”, querido amigo. Mejor que salga más tarde y hacer un primer número que cause sensación que no adelantarnos y quedar como una revista más.

A ver se para a vindeira semana sae á luz o primeiro número da revista. —Canta máis présa, máis vagar, meu home “Devagar, que teño présa”, meu home Canta máis présa, máis calma, meu home Canta máis présa, máis lecer, meu home Canto máis présa, máis vagar, meu home Canto máis apuro, máis vagar, meu home. Mellor que saia máis tarde e facermos un primeiro número que cause sensación ca non adiantármonos e quedarmos como unha revista máis.

● Tamén:

“Non corras tanto, que teño présa # que levo présa” && “Se tes présa, vai con calma” && Vai amodo, que chegas antes && “Vísteme con calma, que teño présa # que levo présa” && Amodiño, que a faldra é de liño && Pouco a pouco chegaremos antes

● E tamén:

A gran prisa, gran vagar && A más prisa, más vagar && Cuanta más prisa, más calma

A gran présa, gran vagar && Canta máis gran présa, máis gran vagar

● E mesmo tamén:

Apresúrate despacio && [OU MESMO, NUN NIVEL DE LINGUA CULTO, RECORRENDO Á CORRESPONDENTE LOCUCIÓN LATINA]: Festina lente

Apura amodo && [OU MESMO, NUN NIVEL DE LINGUA CULTO, RECORRENDO Á CORRESPONDENTE LOCUCIÓN LATINA]: Festina lente

NOTAS:

1. En determinadas situacións comunicativas estas expresións poderían mesmo compartir contextos de uso coas que veremos na vindeira entrega, que grosso modo se veñen a corresponder coa castelá las prisas son malas consejeras.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Acevedo y Huelves, Bernardo & Fernández y Fernández, Marcelino: Vocabulario del bable de occidente, 1932. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús & Surribas Díaz, Noelia: “Locucións, fórmulas e paremias galegas anotadas por Couceiro Freijomil (1888-1955)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 319-355. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Franco Grande, Xosé Luís: Manuel Leiras Pulpeiro. Obra Completa. Ed. Galaxia, 1970.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta