A herdanza e os herdeiros

O Banco de España acaba de facer públicas as súas estimacións sobre o comportamento da economía española no último trimestre do pasado ano. E o que constatan é o que cada persoa pode sentir estes días na rúa: que a economía está, máis que fría, conxelada.

Por José Blanco | Lugo | 24/01/2013

Comparte esta noticia
O que di o Banco de España é que no último trimestre do ano o PIB rexistrou unha caída intertrimestral do 0,6%, o que implica unha caída do 1,7% en taxa interanual. De forma que a economía española tería caído en 2012 un 1,3%.
 
Tamén di algo extremadamente grave: que os salarios dos traballadores caeron, mentres os prezos sufriron "unha marcada aceleración como consecuencia das subidas nos prezos da enerxía e do efecto da alza do IVE e de prezos administrados sobre os prezos finais". É dicir, empobrecimiento xeral.
 
Estes días tamén coñecemos que a Comisión Europea dá por sentado que o Goberno vai ser incapaz de cumprir os obxectivos de déficit, até o punto de estimar que España pechou 2012 cun déficit do 7% (do 8% se se conta o custo do rescate financeiro).
 
Até aquí os datos. Agora un comentario.
 
O último ano de Goberno do Partido Socialista pechouse cun déficit do 8,9% do conxunto das administracións públicas, fronte ao 6% comprometido con Bruxelas, desviación producida na súa maior parte nas comunidades autónomas. Baste lembrar como a Comunidade de Madrid tivo que admitir que o seu déficit fora máis do dobre do inicialmente comunicado ou como a Comunidade Valenciana tivo que acabar igualmente admitindo tamén un punto máis de déficit que o inicialmente recoñecido.
 
Pois ben, o que a Comisión Europea acábanos de dicir é que se non fóra polas dúas ampliacións dos obxectivos de déficit concedidas a España o pasado ano, a desviación (ou o incumprimento) do Goberno do Partido Popular en 2012 sería practicamente o mesmo que o rexistrado en 2011.
 
É dicir, o Goberno do Partido Popular vai incumprir o seu único obxectivo, aquel en cuxo altar sacrificou todo para tentar trasladar á cidadanía a imaxe dun Goberno eficaz. Pero o espello que escolleu, o do déficit, devolveulle a imaxe da súa propia ineficacia.
 
O problema non é, obviamente, a imaxe do Goberno: o problema é que o Goberno esixiu un sacrificio maiúsculo aos cidadáns, recortando en todo (en educación, en sanidade, en pensións, en dependencia, en dereitos laborais, en prestacións por desemprego, en salarios dos empregados públicos?) e non conseguiu nada, só sufrimento. Certamente, este Goberno aplicouse en facer realidade a máxima dun dos seus ministros segundo a cal gobernar "é repartir dor".
 
Sufrimento innecesario que, ademais, sumiu ao noso país nunha profunda depresión económica, como testemuñan os datos dados a coñecer polo Banco de España e os centos de miles de españois que perderon o seu emprego en 2012 (coñeceremos os datos da EPA en breve, pero até o terceiro trimestre eran máis de medio millón).
 
Cando o Partido Popular tomou as rendas do Goberno, herdou unha economía que pechara o ano crecendo un 0,4%. Tras un ano de xestión, esa economía pechou 2012 decrecendo o 1,3%. E o peor é que o peor comportamento foi o do último trimestre, síntoma de que non parece que a depresión tocase fondo.
 
Quizais é que o problema non está na herdanza e si nos herdeiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Blanco José Blanco López, coñecido como Pepe Blanco, é un político do PSdeG-PSOE que naceu en Ferreira de Negral (Palas de Rei) en 1962. É deputado no Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo. Ministro de Fomento, Senador, presidente do Consello da Xuventude de Galicia, concelleiro de Palas de Rei e Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia son algúns dos seus cargos da súa dilatada traxectoria política.