Mesa e colectivos educativos sentan un modelo para a "plena normalización" do galego no ensino

A proposta, que se presentará aos grupos políticos, inclúe unhas liñas básicas e unha planificación para diferentes etapas do alumnado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2020 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

Un novo modelo que aposte pola normalización e a recuperación da lingua galega. Esta é a premisa principal da que nace a proposta de bases, presentada este martes pola Mesa e varios colectivos do mundo do ensino, para impulsar o idioma no sistema educativo nas diferentes etapas do sistema.

A proposta conta, de momento, co apoio da Mesa, CIG-Ensino, Anpas Galegas, AS-PG, CSIF, Nova Escola Galega e STEG, aínda que está aberto á espera de que se sumen outras organizacións sociais, sindicais e políticas. De feito, os impulsores iniciarán os contactos cos diferentes grupos, á espera de que poidan contar con este ideario de cara aos próximos comicios do 12 de xullo.

A aposta é moi clara: a plena normalización lingüística no ensino e un modelo que sitúe o galego como lingua vehicular no sistema educativo, combater a discriminación, e lograr a plena competencia en todos os idiomas. Para lograr estes obxectivos, a proposta apunta a necesidade de dotar os centros de profesores suficientes, material en galego e mesmo unha memoria económica que traslade estas medidas en certezas a través dos orzamentos.

O documento presentado polas organizacións propón dous modelos de aplicación para os diferentes niveis e en función da contorna no que sitúa cada centro, un deles de carácter transitorio para aqueles lugares nos que o uso a lingua galega sexa moi minoritaria. Neste sentido, partindo dun mínimo do 50 por cento de materias, traballaríase para lograr un aumento progresivo para lograr o máximo legal, con medidas de apoio ao alumnado con necesidades de reforzo.

Principalmente, este modelo progresivo contémplase para educación infantil e primaria, co fin de que en secundaria, bacharelato e FP poida estenderse ao máximo que permita a legalidade.

PLANS DE FORMACIÓN

O plan establece que a lingua de uso sexa o galego, tanto na comunicación interna como externa, do mesmo xeito que nas actividades extraescolares. Para iso, elaborarase un plan de formación para a comunidade educativa, co fin de apoiar e garantir a competencia plena para impartir as materias e niveis e promover unha actitude favorable. A administración velaría pola aplicación da planificación e rendería contas cunha avaliación do seu estado cada dous anos, para tomar as medidas correctivas necesarias.

Tamén se propón que o 'Mestrado de Profesorado de Secundaria' se imparta en galego e conte con 20 créditos de formación sociolingüística e de cultura galega, e que todos os procesos selectivos docentes conten cunha das súas probas neste idioma, na que se demostre a competencia oral e escrita.

"UN PRIMEIRO PASO"

Durante a súa comparecencia pública, Marcos Maceira (A Mesa) lembrou que en agosto se termina o prazo dado polo Consello de Europa sobre as carencias detectadas no último informe do grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas. Neste sentido, esta proposta quere ser "un primeiro paso" e parte dunha premisa "sinxela", con obxectivos "claros", nos que se ten en conta "a realidade social" e o contexto de cada centro.

"O ensino debe responder as necesidades da sociedade", e agora mesmo "non o está facendo", advertiu, como reflicte a "cada vez menor" presenza do galego nos espazos sociais, de uso e de lecer, tanto na televisión como en dixital, entre outros exemplos das carencias que existen para poder vivir con plenitude neste idioma.

O acto contou tamén coa intervención de portavoces das diversas entidades que subscriben a proposta, como Lucía Barreiro (AS-PG), Santiago Quiroga de Nova Escola Galega, Fernando Lacaci (Anpas Galegas), Suso Bermello de CIG-Ensino, José Carlos Fernández Balado (CSIF) e Maica Couto (STEG).

Presentación das propostas de 'bases para a normalización  do ensino en Galicia'. A MESA
Presentación das propostas de 'bases para a normalización do ensino en Galicia'. A MESA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Pois bem certo é, "cada vez menor" presença do galego nos espaços sociais, de uso e de lezer”. Não há cinema em galego (olho falo de cinema em galego não de cinema galego, alguém pode pensar que veremos algum filme de Star Wars em galego?), na TDT temos 2 de 30 canais, nas plataformas digitais 0, revistas (mais ou menos 0), livros (quando livros de Gerônimo ou Tea Stilton há em galego?)...É claro que não há materiais didáticos em galego...Para quando apostaremos pela bi normativa que nos permitiria aceder a todo nalguma das variedades da nossa língua. Ou é que já estamos satisfeitos com que as nossas crianças aprendam o nosso idioma como idioma “exótico/folclórico” ...parece que queremos que o galego seja o novo “inglês nível meio” dos meus tempos...