Por Galicia Confidencial | Cangas | 26/02/2013 | Actualizada ás 12:07
Lía en La Voz de Galicia de onte (25-02-2012) unhas declaración que o secretario da Real Academia Galega, D. Xosé Luís Axeitos lle realiza ao xornalista Luís Pousa, que me parecían especialmente graves e que confirman o que vimos dicindo algúns (como nós hai días no meu blog ou Fernando Jaureguízar no Cabaret Voltaire) sobre esta institución, que, non obstante, consideramos fundamental para a lingua e cultura galegas. Hoxe a dimisión do Presidente, parece ser que en consonancia coas afirmación do Secretario, fainos volver ao tema da RAG.
O actual secretario da RAG di que esta institución está controlada polo ILGa e mais o Consello da Cultura (…que a ocupan e colonizan…). A min parécenme, en principio, moi duros os termos ocupar e colonizar. Eu, simplemente cando leo, os nomes dos que son académicos, comisións de gramática ou doutras disciplinas lingüísticas, encargados da redacción-dirección-coordinación de dicionarios ou mesmo nomeamento de membros da RAG (conste que non poño en dúbida os méritos de ninguén) constato que sempre son os mesmos e pertencen, especialmente no eido da filoloxía ou do estudo da lingua, ás devanditas institucións (ILGa, Consello). Os nomes do ILGa, Consello ou RAG son sempre os mesmos.
Xa teño dito moitas veces que me estraña a ausencia nestas comisións ou mesmo actos que celebran estas ILGa-Consello-RAG a presenza de persoas que non pertenzan a estas institucións. É rechamante, por exemplo, a exclusión sistemática en todo tipo de conmemoracións do que foi gran figura da filoloxía e da investigación literaria galega Ricardo Carballo Calero. E que conste que eu non son un defensor de Carballo, pois cómpre dicir que non se distinguía pola súa capacidade pedagóxica nin de atracción de alumnos cara ao galego nos tempos do tardofranquismo. Mesmo espantaba, polo seu comportamento un tanto túzaro e moi distante, os alumnos da elección de galego, cando esta materia era optativa na antiga Facultade de Filosofía e Letras. No noso blog bouvard sinalamos ademais as afirmacións machistas sobre Rosalía ou Pondal, que hoxe nos parecen incribles e que realiza na súa célebre historia da literatura galega.
Mais isto non quita para consideralo como unha das grandes figuras da nosa filoloxía e máis da nosa crítica literaria, así como da defensa do galego no tardofranquismo (nos derradeiros anos da vida de Franco, como xa teño contado, na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, o único docente que empregaba o galego como lingua normalizada para todas as actividades eran Carballo e as súas axudantes daquela) mentres que os Constantino García, Ramón Lorenzo, Díaz e Díaz… se expresaban na lingua do Imperio.
Conto esta anécdota, para sinalar o tremendo sectarismo, que, segundo a miña humilde opinión, impera na Real Academia Galega. Se examinamos a lista de filólogos que son membros da RAG todos, absolutamente todos, proceden do ILGa. Ademais o número de filólogos é excesivamente alto, co que constitúen un verdadeiro grupo de poder na RAG, xunto cos escritores da súa corda. A min estráñame que polo seu labor, non só estritamente filolóxico, senón de defensa do galego, non figuren na RAG persoeiros como Pilar García Negro, Freixeiro Mato, Manuel Ferreiro, o mesmo Carlos Callón.
En canto ao secuestro que noutros tempos sufriu a RAG non admite dúbidas o dominio que sobre ela exerceu o grupo Galaxia. Abonde para isto con ler a correspondencia entre Carballo Calero e mais Fernández del Riego publicada por Galaxia ou mesmo a que se envían Piñeiro e Basilio Losada, publicada na mesma editorial.
A RAG, na posguerra, revitalízase na década dos sesenta, mais dominada polo grupo Galaxia, como podemos comprobar na devandita correspondencia. Na Transición e nos primeiros tempos da Autonomía prodúcese un pacto entre Galaxia e mais o ILGa, a cuxa fronte estaba C. García, para dominar non só a RAG senón a filoloxía galega oficial. Nos tempos da Transición e na Autonomía do PP, o ILGa, nado á calor da Ley General de Educación de Villar Palasí e do reitor tardofranquista García Garrido, é xunto co ICE tardofranquista e villarpalasiano da Universidade de Santiago, o encargado de implantar o galego nos centros de ensino, na pequeniña e diglósica parcela que lle daba a devandita lei de Villar Palasí, defendida por franquistas tan relevantes nas Cortes do Movemento como Filgueira Valverde ou Rosón Pérez. É dicir na filoloxía galega prodúcese un pacto a tres bandas ILGa-Galaxia-Renovadores do Tardofranquismo, que vai conseguir, en certo xeito, desactivar a loita progresista para a recuperación do galego. Sabido é que unha das tácticas do poder é asumir as protestas das marxes do sistema para así desactivalas. Isto foi o que fixo a política lingüística ILGa-RAG-Galaxia-Transición, seguindo as instrucións implíciats dos centralistas e castelanistas PP-PSOE. Así se explica que se calase cando na redacción do Estatuto de Autonomía se desbota a obrigatoriedade de coñecer o galego (léase o libro sobre a redacción do Estatuto de Autonomía de Rodríguez Pardo publicado por Galaxia) ou que alguén moi ligado a RAG-Galaxia como García Sabell fixese o papel que fixo cando se recorreu polo PSOE a obrigatoriedade de coñecer o galego na Lei de Normalización Lingüística. Non esquezamos que daquela eran deputados do PSOE no Parlamento de Santiago persoas tan relevantes no Consello como Carlos Casares ou o propio Ramón Piñeiro.
Agora o secretario da RAG anuncia un novo pacto ILGa-Consello-RAG-Consellaría de Educación para que a Academia retire o recurso contra o chamado coloquialmente Decreto de Plurilingüismo. Iso non é nada novo. É a política que se vén levando por estas institucións desde a xa afastada etapa da Transición e do reitorado de García Garrido. O labor do ILGa coas autoridades da Ley General de Educación queda moi claro con só ler o que sobre as actividades desta institución relata o seu fundador, C. García, nas Actas do Congreso de Tréveris (1982). Mesmo, como xa temos dito tantas veces, o ILGa e a RAG optan polo que podemos chamar un galego fácil, moi castelanizado, e por unha ortografía baseada na castelá para que o galego se poida aprender cun esforzo mínimo e mesmo a partir das normas ortográficas básicas e características do castelán. Se lemos a edición última do dicionario dixital da RAG vemos que o número de castelanismos admitidos, co gallo de que están na lingua coloquial, é grandísimo.
Xa que logo, a política ILGa-Consello-RAG sempre foi a de pactar co poder establecido asumindo implicitamente, desde as propias normas ou escollas léxicas ou gramaticais, coa desculpa de se apoiar na lingua falada, que o galego é realmente unha lingua B en relación coa lingua común do Estado, o castelán. Lembremos, como tantas veces teño dito aquí, que nas NOMIG non se fala para nada do emprego dos signos de puntuación e que se asume a norma do castelán a este respecto. Esta postura en relación coa lingua común foi realmente a que defendeu Stalin na antiga URSS, onde permitía as linguas das repúblicas soviéticas e ata dicía protexelas, mais cunha política que terminaría converténdoas en simples variantes dialectais do ruso común. A este propósito sempre se conta a anécdota de que Stalin apostaba por conservar as linguas propias, máis realmente subordinadas ao ruso. Por iso proponse, por exemplo, unha norma do bielorruso moi afín ao ruso; o mesmo se fai co ucraíno. En relación co ucraíno cóntase que se rexeitaron 7500 entradas dun dicionario de 15000 por diferenciárense das rusas e no seu canto entraron como normativas as formas comúns co ruso. Algo semellante acontece no proceso normativizador do galego.
En canto á dotación orzamentaria da RAG e o número de persoas que traballan nela non cómpre pasar isto por alto. Eu coido que o orzamento, aínda que non sexa moito, e o número de persoas que cobran da RAG e traballan nela, arredor de trinta, despois de tantos anos de Autonomía e subvencións ben nos poderían ter ofrecido unha gramática e un dicionario modernos e actuais normativo-descritivos. Nada hai diso.
En canto ao nepotismo, eu só podo dicir, tras unha experiencia profesional no galego e castelán de máis de trinta e cinco anos, que se se consultan os nomes das persoas que forman parte do ILGa, Ramón Piñeiro e do Consello aparecen moitos dos chamados matrimonios pedagóxicos, fillos e fillas, doutorandos cos xefes de cada época… Ao lermos estas listaxes dá a sensación de que a filoloxía galega podería chamarse filoparentela.
Non estou de acordo cando se di, como fai o secretario da RAG, que os soldos son pequenos na RAG. Claro que son pequenos en cartos, mais proporcionan méritos para despois acceder a prazas de funcionarios no Ensino, especialmente no Universitario, onde non hai perigo de paro e ata se pode vivir dando entre seis-doce horiñas de clase á semana. Por outra banda, estes cargos supoñen conferencias de institucións públicas que por pouco pagadas que estean veñen moi ben para completar o soldo de profesor, así como as dietas de viaxes, que permiten facer turismo gratis. Contan tamén estas actividades para poder percibir os famosos sexenios ao labor investigador e docente.
Por último, estas institucións (ILGa-RAG-Consello) cando realizan actos, congresos e semellantes en que se comenta a súa obra nunca convidan máis que as persoas que xa pertencen ás súas institucións ou afíns. Prodúcese o paradoxo de que os mesmos autores das obras son os seus críticos. Calquera desidencia mesmo recibe o alcume de antipatriota, castelanista, vendido a FAES ou cousas polo estilo. O control sobre congresos e publicacións é total. Ben é certo que a internet veu romper con ese monopolio das publicacións tradicionais, que asfixiaba a filoloxía e crítica galegas.
Cómpre sinalar tamén que as normas lingüísticas oficiais foron e son realmente as do ILGa, que son de obrigado cumprimento legal no Ensino, na Administración ou mesmo para obter subvencións a publicacións e todo tipo de materiais en que se use a lingua. O ILGa, a través das consellarías do PP, controlou todo isto, posto que desde calquera consellaría, especialmente das relacionadas co Ensino, o primeiro que se ordenaba era que no libro había que seguir ao pé da letra as instrucións normativas para non ter ningún problema coa súa aprobación-subvención e tamén para que o alumnado non tivese ningún problema nas probas de selectividade. A cousa é tan tremenda que ata un importante cargo do ILGa chegou a prologar un célebre dicionario do remate dos oitenta dicindo que era o mellor que había, feito desde o galego e non sei cantas cousas máis, cando realmente era unha tradución do Anaya escolar español, prologado, co mesmo criterio de autoridade e comercial, polo daquela pope da lingüística española, Lázaro Carreter. Por certo, nós podemos demostrar que nin tan sequera leu ese dicionario.
En fin, a min non me estraña nada que exista ou poida existir ese pacto case clandestino para que a RAG retire o recurso ao célebre decreto de plurilingüismo, pois é o que veñen facendo desde o tardofranquismo as institucións como ILGa ou a RAG, tamén o Consello (lembremos a importancia que neste tivo o franquista expurgador de bibliotecas e locutor ao xeito de Queipo de Llano en Radio Pontevedra Filgueira Valverde) desde os tempos do tardofranquismo para desactivar a causa do galego asumíndoa, mais desvirtuándoa. Non é estraño que desde os primeiros tempos o ILGa, agora tamén a RAG, sexa subvencionado nada menos que pola Fundación Barrié de la Maza. Todos sabemos quen foi e supuxo Barrié de la Maza na franquismo. Non me imaxino a esa fundación subvencionando A Trabe de Ouro ou a Mesa pola normalización lingüística.
Xa que logo, nada novo baixo o sol. Cómpre que todos os galegos e galegas loitemos por ter unha Academia que nos represente a todos os que usamos o galego, sen pactos escuros e aberta a todos e non aos de sempre. Unha Academia que se deixe de parvadas e que nos ofreza, en libro e on-line, un dicionario de uso, gramática normativo-descritiva, ortoloxía e ortografía autenticamente galegas e comprensibles e asumibles para todos. Esta institución será tamén punta de lanza na normalización do galego sen pactos feitos de costas á cidadanía. Este é o momento de o lograr.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.