Intentémolo!!!

Estaba a reflexionar (con certa ironía) sobre da serie de acontecementos que levaron a esta desolación e desesperanza na que estamos mergullados, e chegando a sisuda conclusión, que aínda sendo importantes as accións determinantes, concretas ou puntuais, …. non foron tan só os cambios lexislativos, nin reformas laborais, nin cretos públicos á banca privada, ni tan sequera a corrupción, nin a deshonestidade nin as actuacións mafiosas de algúns da casta política, … Iso son consecuencias da actitude que nos conduciu irremediablemente a onde nos dirixíamos….

Por Manel Cardoso | A Coruña | 28/02/2013

Comparte esta noticia
Parece que acontece considerar que o sistema actual, favorece entramados ou estamentos que lles interesa pouco a transparencia, que non funcione, e así de un xeito ou outro, aceptar como natural unha certa cota de corrupción. Certo é, entendo, que a sociedade, a xente do común, podemos estar manipulados pola “falla de información”, pero isto non se pode estender permanentemente no tempo.
 
Hoxe en día sabemos que temos un valor engadido no que é, o ensino e a sanidade pública, aínda que tamén noutros servizos…, a privatización dos mesmos, os recortes, a xestión para desacreditar o público, foi de que, en estes intres xurda a indignación, como unha bomba de reloxería, e se espalle.  O pobo si pode!!! Pero ata de agora estivemos ollando para outro lado a maioría, e de aqueles barros viñeron estes lodos. 
 
Tivemos o sentimento profundo e asumido por parte da sociedade  de que a política é algo alleo e lonxano (porque a maioría política do bipartidismo, imposibilitou o contacto fluído do pobo coa súa representación parlamentaria). O convencemento, cicais inducido por estes políticos, de que o PÚBLICO non pertence ao común e, en consecuencia, a clase dirixente non ten que render contas acerca de cómo o xestiona.
 
Consideramos lóxico, ante esta forma de pensar dominante, que si nos rouban a bicicleta do portal da nosa casa, procedamos a presentar a correspondente denuncia ante a autoridade, coa aportación do nome do ladrón si o coñecemos ou temos sospeita da autoría e esperamos, que dita autoridade tome as medidas necesarias para resarcirnos do dano e proceda ao correspondente castigo do autor do feito. Pero, pasamos de defender o noso en canto de PÚBLICO se tratara, por atoparmos con muros onde nos damos coa testa na parede…Todos fomos testemuñas mudas dos enriquecementos súbitos por parte dalgúns da caste política, desde o alcalde do pobo ata do sarxento comandante do posto da Garda Civil…E non por iso fomos quen de sentir que o montante dese enriquecemento foi a costa do noso patrimonio común.
 
Non o sentimos ata que esgotouse o roubar do PÚBLICO e comezou a rouba-lo que consideramos o privado. E cando para soster a caste dirixente, vímonos privados dos bens aos que entendíamos/entendemos que o dereito nos asiste, comezando a protestar, a indignarnos ou a considerar que tiñamos/temos que tomar partido.
 
Asistimos indolentes á construción de paseos marítimos onde non hai costa, a auditorios onde non había orquestra, a aeroportos onde xamais preveuse que aterraxe ningún avión, a aulas de interpretación onde o único que podíase interpretar era o descaro do dirixente da quenda, a autovías financiadas por fondos europeos onde se rematou pagando peaxes a compañías privadas, a megaportos  onde a única finalidade dos mesmos era revalorizar os terreos afectados, ... E coa autoconvicción de  que esas actividades xeran empregos e riqueza para os cidadáns, non nos percatábamos de que os que nos pagaban os salarios eramos nós mesmos e que os beneficios da bacanal sempre rematan nas mesmas caixas.
 
Fomos quen de ‘xustificar’ a corrupción, chegamos a comprende-la facéndonos cómplices por omisión. Votamos reiteradamente a corruptos declarados, asistimos impávidos a como se rescataban bancos privados con cartos públicos, como se concederon subvencións millonarias a proxectos que só existiron na imaxinación dos ben ubicados. Como os que nos gobernan en calquera ameto - alcaldes, concelleiros, deputados autonómicos, cargos de confianza, cuñados, adosados, amigas íntimas, ministros, ministrables - recuperaron o milagre da multiplicación dos pans e os peixes e con soldo declarado no seu IRPF conseguiron un patrimonio equivalente a corenta veces máis do  que matematicamente lles correspondía na proporción a seus ingresos. E asentiamos comprensivos a aqueles comentarios “Roubou…é certo…pero fixo moito pola cidade…e/ou empregou a moita xente”
 
E agora, que o resultado é que para que eles sigan vivindo como sempre viviron necesitamos comer máis arroz que carne, ducharnos có cronómetro, enviar a nosos fillos a emigración, desexar que os avós duren como as pilas duracel para seguir a paga-la hipoteca, nos percatamos de que non queremos xogar ao xogo doutros, de que non queremos subvencionar a aqueles que eliximos para dirixirnos, nin a seus donos, nin a seus patrocinadores, pero cicais tarde para que as tiritas conteñan a hemorraxia…
 
Un país é ante todo seus habitantes. O seu benestar  é a única e maior das obrigacións de aqueles foron elixidos para xestiona-lo, e esa premisa parece que se perdeu, diluíndose entre discursos pseudoeconómicos que nos fan dirixir a ollada a árbore para que non podamos olla-lo bosque.
 
A gran cuestión é que é o necesario e que é o superfluo. Que é o que necesitan os cidadáns para xestionar o ben común.
 
Sabemos algo: que cada día emitimos 400 millóns de euros de débeda pública para facer fronte as obrigacións do Estado e mentres o taxímetro sigue correndo e cada día estamos mais endebedados, escoitamos a casta debatendo ata a saciedade sobre o sexo dos  anxos e a fórmula de pan raiado.
 
Baixemos á incómoda realidade, acerquémonos de unha forma cotiá e vulgar a estas grandes incógnitas para as que no fan falla comisións de sabios ni de tecnócratas, nin  de políticos máis obsoletos que cintas de casete que aterrezan nas ‘comisións’. 
 
Pois o teito coa neveira chea é o que teñen que asegurarnos  todos aqueles a os que contratamos para que xestionen o público porque moita reforma laboral,  moito despido fácil, pero aos que contratamos para xestionar o noso, temos que soporta-los durante 4 anos aínda que resulten uns absolutos incompetentes e, para agravio maior, encima deshonestos ... E mentres se reúnen en interminables comisións.
 
Rematar este artigo así, dáme un non sei qué ... como se non houbera solución. Pero estou convencido que todo ten amaño. As veces a solución ten que ser radical, porque non vale parchear cando a crise é institucional, por obsoleta e ineficaz. Cuestionamos a necesidade das Deputacións, non necesitamos tantos Concellos e coa a actual funcionalidade do Tribunal de Contas e o Senado (que  vémolos ineficaces),  sen esquecer o papelón da Casa Real.  Si á isto engadimos a crise económica e política, non queda outra que partillar unha ampla alianza para un novo proceso constituinte onde a radicalidade demócrática e participación cidadá traia consigo a transparencia.
 
Quédame moito máis que dicir pero por hoxe ímolo deixar aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA