O Ecosocialismo como doutrina política da esquerda, non é unha pose ‘post-moderna’, non é unha simple adorno de moda, non é unha maquillaxe de cor verde. Pon de manifesto o choque, tal e como di Jorge Richmann, “da sociedade capitalista có límite da biosfera”. Existe a contradición fundamental dun sistema económico baseado na competitividade e no beneficio e as políticas que defenden a cooperación e o medioambiente.
Como proxecto ideolóxico o ecosocialismo xurde a finais do século XX.
Como integrador do socialismo e o ecoloxismo pon novamente e de forma paradoxal, que o desenvolvemento e o crecemento desbocado da economía intimamente relacionada co consumismo entra en contradición, e como define o pensador André Gorz, convertese na “ditadura das necesidades”, ou na “socialización antisocial”, constatando que a valorización das capacidades produtivas do capitalismo, e por tanto dos seus beneficios, esixe un crecemento do consumo como un consumo adicional; creando necesidades artificiais á xente para que teña maiores ansiedades de consumo de forma constante. Moldeando individualmente e desenvolvendo esas necesidades do modo máis rendible para seguir sometendo os consumos individuais aos intereses do capital como rango de lei, e así que o consumo estea individualizado e sexa privado. Por isto, sérvese da publicidade e do marketing para crear a demanda, para satisfacer as máis pequenas necesidades con maior consumo. Deste xeito a economía real convértese nun apéndice das burbullas especulativas sostidas pola industria financeira, xerando esta crise sistémica.
Como vemos, existe unha incompatibilidade entre un sistema económico baseado no beneficio que esquilma as riquezas da terra e pola contra as políticas que defenden o medioambiente. Políticas que están intimamente relacionadas coa defensa da biodiversidade, cambio climático, cunha redistribución da riqueza que imposibilite a especulación, e polo tanto nun senso político dun novo modelo económico sostíbel da sociedade humana e do conxunto da vida no planeta.
Tal e como escribiú Albert Einsten “ o verdadeiro propósito do socialismo é superar e avanzar máis alá da fase depredadora do desenvolvemento humano”. Por iso entendo que o ecosocialismo e a única alternativa da esquerda.
É ben certo que ata o de agora o socialismo para moitas organizacións que se reclaman como tales, seguen ancoradas no paradigma da revolución industrial e filosoficamente no antropocentrismo (o home é o centro do mundo), como no século XIX. O ecosocialismo como parte da esquerda renovada reconecta cunha sociedade cambiante, para dar resposta os dramáticos desequilibrios ecolóxicos, pola lóxica destrutiva da acumulación capitalista e a vez, pasar da concepción antropocéntrica o biocentrismo (vivimos en comunidade con máis especies). Si a natureza non está o ser humano tampouco estará.
Sabémolo, no planeta témo-los recursos limitados: enerxía, alimentos,auga, ...
Por iso o ecosocialismo da alternativas para unha ecoloxía sostíbel có desenvolvemento, promovendo políticas medioambientais ante cambios climáticos, contaminación do aire e a auga, degradación dos solos, deforestación, biodiversidade ameazada e prevención de catástrofes medioambientais. Pero non estamos illados das inquedanzas da cidadanía, da necesidade da xustiza social, da cultura da paz, da soberanía cidadán (radicalidade democrática), promovendo un cambio e nova ética cidadán por unha ecoloxía anticapitalista cun socialismo onde non teña cabida a lóxica do produtivismo consumista. Non todo son dividendos e afondamento na desigualdade social, e si por outra banda, ir cara ao interese xeral, que hoxe está sometido a lobbies multinacionais económicos e financeiros.
Necesítase polo tanto, que o cidadán teña acceso o control de todo o público, control dos traballadores e usuarios para organizar outra forma de desenvolvemento, coa firme converxencia da loita social e medioambiental por unha utilidade social da produción, tendo en conta as necesidades.
Espazo Ecosocialista Galego somos ecoloxistas, somos de esquerdas pero tamén galeguistas porque dende a nosa realidade nacional actuamos no local en conexión coa realidade dun mundo global e interconectado, onde Galicia sexa o centro de actividade e intervención política, con alianzas: nacionais (AGE), estatais (Espazo Plural), europeas (con aqueles que se definan como esquerda renovadora que incorporen a sustentabilidade ecolóxica).
Vivimos nunha realidade nacional e interelacionada que necesitamos mudar local e globalmente.