Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/02/2013 | Actualizada ás 18:14
Desenvolver un informe técnico para avanzar nas medidas protectoras e correctoras establecidas na Declaración de Impacto Ambiental da Xunta de Galicia para a extracción de ouro nos montes de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco. Ese é un dos obxectivos do convenio de colaboración asinado entre a ETS de Enxeñaría de Minas e a empresa encargada da explotación do xacemento, Mineira de Corcoesto. A Univesidade non informa se cobrará polo estudio, pero insiste en que o seu pacto coa filal da empresa canadiana é "un acordo unicamente científico". Os veciños opostos á macromina a ceo aberto, que destruirá a metade da parroquia e deixará de producir despois dunha década, criticaron publicamente a labor dos investigadores olívicos.
"Esta parcería en ningún caso indica a toma de postura por parte da Universidade de Vigo con respecto á sinatura dun convenio que ten como fin un traballo de investigación e asesoramento técnico que se limita ao eido científico e que tamén se leva a cabo para outras entidades mineiras galegas, como recolle o artigo 83 da Lei Orgánica de Universidades (LOU)", alega a Universidade.
“Trátase de contribuír a dar unha solución científica ás continxencias que xurdan antes, durante e despois da vida útil da mina, ao tempo que a Universidade desenvolve o seu labor de asistencia ás actividades económicas que se levan a cabo en Galicia no campo da explotación sostible dos recursos naturais”, asegura Javier Taboada, director do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, encargado do proxecto.
O xacemento de ouro de Corcoesto foi explotado ao longo dos anos por numerosas compañías mineiras, como a británica Sagasta Gold, Río Tinto Minera ou Kinbauri Gold, ata que no ano 2010 entrou como operador a empresa canadiense Edgewater, á que pertence Mineiras de Corcoesto.
Tras 80.000 metros de sondeos de investigación realizados pola empresa, a Xunta emitiu unha declaración de impacto ambiental positiva. pero na que se inclúen medidas correctoras e protectoras. A través do convenio marco asinado entre o grupo da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas e a Mineira de Corcoesto, cinco investigadores serán os encargados de elaborar o informe obxectivo co que dar resposta aos cambios pedidos pola Consellería de Medio Ambiente.
Esta colaboración científico-técnica para “traducir en accións prácticas as recomendacións e prescricións recollidas” no informe da Xunta terá aproximadamente catro meses de duración. O convenio dá acubillo ademais a outra serie de actividades, como o acceso aos datos prácticos que se obteñen nunha explotación mineira de última xeración e o desenvolvemento de proxectos de investigación; a organización de actividades académicas, como cursos, conferencias, simposios ou seminarios; o apoio a investigadores e estudantado; o intercambio de publicacións, investigacións ou calquera tipo de material académico de interese; a colaboración en iniciativas culturais ou a mobilidade de alumnado e persoal docente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.