As forraxes ecolóxicas: o mellor sistema para aumentar a produción de leite e a diminuír custos

As terras dunha explotación láctea de Allariz albergan un proxecto que busca forraxes máis sustentables e rendibles .

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Consellería do Medio Rural, está a desenvolver un campo de demostración na comarca da Limia para avaliar o comportamento produtivo de rotacións de forraxes ecolóxicas para a  produción de leite.

O obxectivo, informou a Xunta, é contribuír a unha maior sustentabilidade das explotacións ecolóxicas da zona, a través do incremento da produción e da redución de custos na alimentación das vacas.

En concreto, as terras dunha explotación láctea de Allariz están a albergar unha acción deste proxecto, que parte da necesidade de buscar novas forraxes máis sustentables e rendibles para ofrecer como alternativa en zonas de produción intensiva como son as parcelas de regadío da comarca ourensá.

Así as cousas, nas terras de regadío da Limia púidose avaliar o rendemento e o valor nutricional do cultivo ecolóxico de tres especies forraxeras de verán -millo, sorgo, pasto do Sudán e un híbrido de sorgo con pasto do Sudán-, establecendo unha rotación con cultivos de inverno constituídos por unha mestura de trevos anuais con raigrás. A maiores, analizouse a implantación de pastos mixtos a base de gramíneas e trevos cunha composición botánica diversa.

Tras dous anos de probas, non só se constatou "un incremento da cantidade e da calidade das forraxes", se non tamén "un aumento da produción do leite por vaca", á vez que se reduciu o custo da alimentación dos animais.

Para consolidar a iniciativa, os traballos seguen actualmente adiante co obxectivo de reafirmar unha alternativa de cultivos a catro anos nas parcelas de regadío que integran rotación con prados. Así mesmo, búscase facer un seguimento e mellorar os pastos en terreos de secaño, explorando a posibilidade de introducir leguminosas mediante técnicas de sementeira directa e en superficie.

Sementeira ecolóxica na Limia.. XUNTA
Sementeira ecolóxica na Limia.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta