Por Galicia Confidencial | Allariz | 12/09/2025 | Actualizada ás 22:16
A VII Feira dos Produtos Apícolas desenvolverase este sábado 13 de setembro das 10:00 ás 20:00 horas cun programa que combina tradición, divulgación e actividades para toda a familia.
Durante a xornada, unha ducia de postos achegarán ao público a diversidade dos produtos da colmea: meles de diferentes variedades, pole, própole, cosmética apícola e elaboracións innovadoras ou derivados coma candeas. Ademais de ser un espazo de venda, a feira pretende ofrecer unha experiencia educativa e de concienciación arredor da apicultura e da súa importancia para a biodiversidade.
ACTIVIDADES PROGRAMADAS
11:30 h. Obradoiro sobre apicultura e biodiversidade con As Curuxas. Unha actividade didáctica para público infantil e familiar.
12:30 h. Degustación de produtos da Reserva da Biosfera maridados con mel, da man de Moixo-Cociña, que mostrará como o mel potencia e harmoniza sabores da gastronomía local.
18:30 h. Espectáculo familiar “Miña terra, meu lar”, a cargo de A Trastenda dos Contos, un espectáculo do contador de historias Caxoto que mestura narración oral, humor e concienciación ambiental.
Ao final da feira haberá sorteo de varias cestas para todos aqueles que mercaron ao longo do día.
POÑER EN VALOR A APICULTURA NUN CONTEXTO DE TERRITORIO E COMUNIDADE
"A Feira dos Produtos Apícolas non só pon en valor o traballo dos apicultores e a calidade dos seus produtos, senón que tamén subliña o papel fundamental da apicultura na conservación do medio ambiente e na economía local", comentan dende o Concello de Allariz.
A organización agarda unha ampla participación veciñal e visitante, para que esta VII edición siga fortalecendo o vínculo entre apicultura, territorio e comunidade e lembran que “nun contexto no que os lumes arrasan milleiros de hectáreas en Galicia, a protección das abellas e das colmeas cobra máis relevancia ca nunca, non só como garantes da biodiversidade, senón tamén como aliadas imprescindibles para a recuperación dos ecosistemas e a seguridade alimentaria, razón pola que a AGA e o Concellod e Allariz fan un chamamento á sociedade a apoiar e coidar a apicultura galega”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.