A confianza

Cambiar as cousas parte dun mesmo, pero precisa dos demais.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 07/10/2020

Comparte esta noticia
Hai case un cuarto de século á Seat non se lle ocorreu outra  cousa que bautizar o seu novo modelo como “Arosa”. Pequena indignación do público galego, ante o que a empresa facilitaba a quen quixese pórlle ao coche a pegatina co nome correcto. Non consta que ninguén o fixese.  Desde hai un par de anos anúnciase o Hyundai KONA. Está ben que teñamos sentido do humor pero obviamente o que amosa é una total falta de respecto pois ó fabricante non se lles ocorreu venderlles aos portugueses un coche con ese nome. Sen embargo, hai un par de anos os de Ford sacaron unas cuñas radiofónicas nas que un locutor, facendo de animador circense, presentaba criaturas de feira coma a muller barbuda e “la cigüeña que habla gallego”, mais uns meses despois xa falaba ruso. A pasividade do mexan por nós non é permanente, pero si o máis frecuente.  
 
Os de R, agora propiedade da vasca Euskaltel, decidiron facer eficiencia e pechar o servizo en galego.  O inicialmente chamado “Grupo Galego do Cable” que, por certo,  naceu das institucións galegas, foi xunto coa ONCE innovador do uso do galego na súa comunicación institucional (por ben quea  maioría dos seus servizos audiovisuais foran en Español, nunca fixo produción propia coma fai Mobistar). Como está de interiorizado o lugar dos galegofalantes na escala social que calquera “currito” ninmileurista que colle chamadas de calquera servizo de atención ao cliente permítese dar leccións de por que non fai falta que te atenda en galego. Coma sempre, a cousa non queda máis ca nun ruxerruxe individual. Calquera outra cousa esixe organización.  
 
 Non votamos cos pés, nin coa carteira. Coma ir mercar ao tamén euskaldun, pero máis consecuente, Eroski onde todo está en Galego. Noutras cadeas do país o galeguismo reside nos comerciais empoderadores con modelos madrileños. Tampouco protestamos porque ao renovar o pasaporte, podemos facer a reserva telefónica en galego, pero logo cando che din a data non se entende.   Hai anos Orange tiña a publicidade en galego e os seus teléfonos viñan con esa opción (eu unha vez merquei en Bélxica un deles liberado), e agora non. Ninguén di nada. Cando, hai xa moitos anos, Canal Satélite Digital lle gañou á FORTA a retransmisión dos partidos da Liga, que durante máis dunha década foa patrimonio da TVG e o En Xogo de Pampín (e que tanto fixo para normalizar o idioma daquela, eliminando prexiuizos e renovando o léxico), ante o cambio a filial de PRISA dera a opción de escoitar a locutores en galego. Non durou máis dunha tempada por falta de demanda.  
 
Os dereitos non existen se non se exercen. Se a Google tira da Wikipedia española para usar en Galicia a toponimia da Doma e Castración é porque non hai quen sexa capaz de artellar unha campaña comparando esta barbaridade coma se lla estivesen facendo aos pobos primixenios ou “First Nations” americanas. Para que lles chegase á central de Mountain View California. Xa verías como rápido recuaban. Hai que ter en conta que grazas a Google podemos ler de inglés a zulú en galego, ir a Xapón e ler automaticamente as reseñas dos hoteis e restaurantes en correcto galego. Nunca ninguén lles pediu facelo e moito menos llo facilitou institución algunha. Pero unha cousa é a central e outra a sucursal madrileña Google España, que vive de colocar publicidade.   
 
Claro que esta falta de demanda visible ten consecuencias reais e monetarias. Así o denuncia Nikis Galicia que por ter a web en galego non aparece ao principio das buscas da web, o que lles supón un prexuízo económico, ata o punto de ter que traducir parte dela ao español.  Antes se tiñas configurado o buscador, o teléfono e o navegador en galego saían sempre saía o contido en galego antes. Pode ser decisión comercial ou que o algoritmo simplemente deduce que usamos as versións e webs en galego moito menos do que dicimos facer.  
 
De feito, cando se monta una breve indignación nas redes porque os topónimos non están en galego en tal buscador, ou a máis recente sobre que boten os debuxos do Xabarín na TVG semella que vén de xente que nunca lle deu por pór os seus aparellos en galego, e no caso do Xabarín nunca lle deu por baixar a  app do Xabarín na tableta ou no móbil ou simplemente pórlle aos fillos a TVG2 polas mañás e polas tardes. Desa polémica, o que é esixible é que non pode ser que os teus fillos vexan exactamente os mesmos debuxos có pai hai TRINTA anos. Como tampouco é de recibo que o Director Xeral da TVG diga que non pon o cinema en galego en Prime Time porque non hai audiencia e non dá ingresos publicitarios, habendo como hai dúas canles de televisión galega. Igual é que hai moitos que viven e moi ben das institucións galegas aos que os supostos estigmas da telegaita e as risas porque Sue Ellen está bébeda téñenas gravadas baixo da boina mental. E iso que Charlton Heston e Han Solo soan moito mellor en galego ca no orixinal.  
 
O cidadán que para todo se apea na responsabilidade da administración deixa de ser cidadán para converterse en servo. En todo caso, o mínimo é valorar o traballo dos que si fan algo. A Wikipedia galega, a Galipedia, ten 167.230 artigos. E unha das linguas que ten máis entradas, e ata hai pouco tiña moitísimos máis artigos ca idiomas coma o árabe ou linguas moi faladas de Asia e África. Se algunha vez editástedes unha páxina (normalmente a relacionada coa vosa parroquia de orixe), veredes que non é tan doado facelo. Das 110.707 contas de usuario rexistradas na Galipedia, 266 estiveron activas durante o último mes. Eses douscentos heroes voluntarios merecen moitísimo máis o noso recoñecemento ca persoeiros que reciben a Medalla de Ouro de Galicia porque o seu pai funcionario estaba destinado aquí cando naceu e desde entón “ejerce de gallega” e vén de cando en vez comer os nosos percebes, que ricos son.  
 
Ao igual coa asociación para a Defensa do Patrimonio de Galicia (APATRIGAL) ou iniciativas máis individuais pero non menos eficaces coma MaltratodaPaisaxe no uso das redes para denunciar e amosar o país real, ese que non lle importa nada a degradación do entorno. Ata con varias décadas de retraso o sector institucional sumouse ao uso das novas tecnoloxías con Galicia Nomeada, a aplicación posta en marcha pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia para a recolleita colaborativa da microtoponimia e que nuns meses xa leva 4.000 nomes cos que evitar as barbaridades que se atopan no catastro e non digamos nas devanditas webs de mapas. Ser cidadán, ser persoa, non precisa de pórse detrás dunha pancarta a berrar. Nin de prescindir de gastar 1.000 euros para viaxar ao Exeo turco en vez de dárllos á Mesa. Só hai que vivir sendo consecuentes co que un di pensar. 
 
 Ás veces supón simplemente distinguir o esencial do accesorio. Como en vez de indignarse porque un empresario pagou para que un feixe de persoeiros foran falar ao chamado “Foro La Toja” prestar atención ás propostas que ese mesmo día propuxo o Foro Económico de Galicia para salvar o monte galego do presente desastre ecolóxico e humano. Ou pensar que reverterlle o Pazo de Meirás ao Concello de Sada non fai nada por evitar que mañá haxa neste mundo sesenta galegofalantes menos ca hoxe.  
 
Supón, sobre todo, apostar por un ben que entre nós é dos máis escasos. A confianza. Ou como din os sociólogos agora, o “capital social”. Os galegos seríamos neoliberais avant la lettre: aparentemente minusválidos para colaborar, non xa a nivel global, senón nos niveis máis inmediatos, quedamos na busca da solución individual e a queixa que non vai a ningures pero que nos fai sentir mellor. Coma aquel que emigrou para non ter que lidar cos prexuízos dos seus compatriotas pero escrebe columnas mensuais laiándose deles. 
 

Dez anos da Galipedia
Dez anos da Galipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA