A Casa de Rosalía, símbolo galeguista na ditadura, busca apoios económicos

A Fundación Rosalía non percibe ingresos regulares das institucións, tan só apoios puntuais como ó que se vén de sumar o Concello de Dodro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Foi polos duros días de 1947 que unha serie de intelectuais comprometidos co galeguismo se lanzaron a unha empresa dobremente difícil: erixir unha fundación na lembranza de Rosalía de Castro. A complexidade da iniciativa viña dada tanto polo clima de represión instaurado polo réxime franquista -se ben xa entón comezaba a dar mostras de apertura- e as complicacións económicas propias daqueles anos.

Casa-museo de Rosalía, en Padrón | Fundación Rosalía
Casa-museo de Rosalía, en Padrón | Fundación Rosalía

Xa nos últimos anos do Franquismo, en 1972, a Fundación Rosalía de Castro entregouse a unha tarefa de indubidable valor cultural que aínda hoxe carece dunha estabilidade económica mínima: a apertura da Casa-Museo da poeta. O difícil obxectivo foi logrado logo dunha ampla campaña de concienciación -que incluíu a colaboración de caixas de aforros ou mesmo o Celta de Vigo- da que se logrou tirar case un millón de pesetas.

Hoxe, case 50 anos despois dese fito, a Casa de Rosalía e a Fundación que a sostén segue ameazada por un futuro económico incerto. Fundada como unha asociación privada nos anos da posguerra, segue -a día de hoxe- sen percibir un ingreso público regular que asegure a súa supervivencia de cara ós anos seguintes. 

APOIO DE DODRO

Esta situación precaria vén de ser suavizada grazas ó apoio económico anunciado recentemente polo Concello de Dodro. Esta semana, o alcalde da localidade coruñesa asinaba un convenio de colaboración para sumar ó consistorio á listaxe de concellos Mecenas da Casa de Rosalía. A sinatura producíase así no seo dun "proceso de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza", destacaron dende o Concelo.

O convenio de colaboración, que foi aprobado no último pleno da corporación pola unanimidade de todos os grupos, contemplará unha achega de 1.000 euros ao longo deste ano para a Fundación. A cambio, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. Mentres duren as restriccións provocadas pola Covid 19 -que supoñen a prohibición de visitas guiadas- os veciños e veciñas de Dodro poderán visitar a Casa-Museo de balde só acreditando a súa procedencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta