Monforte e Salceda entran en alerta máxima mentres baixan Cervo e Santa Comba

Mantéñense en 43 os municipios en nivel vermello.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

O municipio lucense de Monforte de Lemos e o pontevedrés de Salceda de Caselas pasaron a nivel 3 alerta, coloreados en vermello no mapa de incidencia do coronavirus en Galicia na última semana, segundo publicou este mércores a Consellería de Sanidade. Estas incorporacións, no entanto, non varían ese mapa-semáforo de incidencia do virus, que se mantén con 43 municipios en vermello.

Así, segundo os datos trasladados por Sanidade, na provincia de Lugo hai cinco concellos en nivel 3 de alerta, o mesmo número que se notificou o martes, tras a incorporación de Monforte e a saída de Cervo. Ademais da capital comarcal da Terra de Lemos, están en nivel vermello Lugo, Viveiro, Vilalba e Chantada.

Na provincia de Ourense o mapa de incidencia non reflicte cambios, e mantéñense en máximo nivel de alerta os municipios de Ribadavia e Xinzo da Limia. Na provincia da Coruña, o número de concellos en nivel vermello baixou de 18 a 17, ao rebaixarse a incidencia de COVID en Santa Comba. Os municipios en alerta 3 son: A Coruña, Ferrol, Narón, Fene, Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, Carballo, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Cabana, Vimianzo, Cee, Ames e Teo.

Mentres, na provincia de Pontevedra, mantéñense en nivel vermello 19 municipios, un máis que hai un día: Pontevedra, Vilagarcía, Ribadumia, O Grove, Sanxenxo, Poio, Marín, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Mos, Ponteareas, O Porriño, Tui, Salvaterra, Salceda de Caselas, A Garda e Lalín.

NIVEL LARANXA

No segundo nivel de alerta, coloreados en laranxa no mapa de incidencia do últimos sete días, hai 27 concellos de toda Galicia, dous menos que hai un día. Na provincia da Coruña están en nivel 2 unha decena de municipios, un menos que hai 24 horas: Ares, Sada, Bergondo, Laxe, Camariñas, Noia, Santiago, Ordes, Santa Comba, e Ribeira; mentres que na provincia de Pontevedra mantéñense en laranxa outros 10 concellos: A Estrada, Caldas de Reis, Cambados, Bueu, Cangas, Moaña, A Cañiza, Baiona, O Rosal e Tomiño.

En Lugo están en nivel 2 de alerta os municipios de Cervo, Burela e Sarria; e, en Ourense, ademais da capital provincial, están en laranxa Barbadás, A Rúa e Verín.

Mapa de incidencia do COVID nos últimos 7 días en Galicia, a 11 de novembro de 2020, segundo os datos publicados polo Sergas.. CONSELLERÍA DE SANIDADE
Mapa de incidencia do COVID nos últimos 7 días en Galicia, a 11 de novembro de 2020, segundo os datos publicados polo Sergas.. CONSELLERÍA DE SANIDADE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta