Por Serafin Pazos | Bruxelas | 09/12/2020
Celebramos este ano o Centenario da Revista Nós. Un esforzo que, coma tantas outras iniciativas, ten máis significado a posteriori có que se lle deu en boa parte da sociedade do seu tempo. Mandáronme a Bruxelas un facsímile do primeiro número, producido polo xornal Nós. Enorme impresión que dá pasar esas páxinas, que na súa normalidade nos separaban da barbarie. Ter nunha man o exemplar do xornal homónimo dese día e a copia da revista centenaria na outra dá unha boa idea do que progresamos, e do que non, neste século. Unha cousa é certa, a historia non é necesariamente circular nin lineal. A historia dos pobos faina a xente, coa vontade e coa coraxe. Sen eses visionarios que, con ilusión e talento suplindo a escaseza de medios face o escepticismo, cando non a aberta hostilidade da boa sociedade da época, non estaría eu escribindo estas palabras nesta lingua. Nin a publicación que as acolle tería existido.
Estase a celebrar no Gaiás unha nova e excelente exhibición “Galicia, de Nós a nós” que dá unha idea do éxito relativo, máis éxito certamente, desa xeración de heroes. Hai algúns galegos para os que estes e outros irmáns foron e seguen a ser os guieiros da xuventude, coma ben ilustra, tal que personaxes de Tarantino, a bolsa que produciu hai pouco Nikis Galicia Neste ano das máscaras vemos a Baltar Blanco cunha co logotipo orixinario de Nós. Ninguén se lembra daqueles que se mofaban deles, así podrezan no esquecemento.
Comentábanme que a TVG non promocionou o suficiente o excelente documental conmemorativo “100 anos de Nós” de Aser Álvarez. En todo caso a difusión (eu vino en directo desde Bruxelas, e pode verse en diferido) están a anos luz do que sería imaxinable hai cen anos. Outra cousa é o interese da xente. Do mesmo xeito hai anos, lembro que estudantes de xornalismo se queixaban de que non cobraban por colaborar coa revista Tempos Novos, durante moitos anos única revista de actualidade en galega, tras os fracasos de Teima, Galicia Internacional, GPS, Bravú, etc. período felizmente superado con Luzes. Non é o desexable, nin a situación socioeconómica é comparable, pero a Risco ou a Castelao non se lles pasou pola cabeza que facer país estivese antes que gañarse un soldo.
Hoxe, aniversario da constitución española, expliqueille ao meu fillo que había 42 anos que a súa lingua deixou de ser ilegal. Non o podía crer, claro, que en Galicia non se puidese falar galego, para que precisa falar español. Inocencia infantil que aínda non é consciente de como, hai un século coma agora, funciona realmente Galicia. Xa non é un delito falarmos galego. Outra cousa é poder atopar traballo, parella, ter certas relacións sociais ou simplemente que non te consideren simpatizante da ETA se o falas tendo algo máis có graduado escolar.
Escóitanse polas redes os laios illados de xente que se queixa da pouca ou mala escolarización dos nenos en galego, cando co gallo da nova lei educativa española, xente coma Losantos anda a dicir pouco menos ca que o Presidente da Xunta é Batasuno e estanse a educar nenos galegos para refundar o Comando Madrid. Persoalmente teño pouca paciencia para o lamento polas esquinas. Que iso teno que solucionar “as administracións”. O contexto xa o coñecemos, pero se non se esixe non se dá. Hai que ser pesado, mesmo obsesivo, para defender os dereitos dun. Tamén hai que colaborar. Iso non, claro. Dito isto, non é un contexto doado, cando os principais obstáculos son os teus propios concidadáns, veciños, mesmo familiares e parella. Tristemente é máis doado educar aos teus fillos en galego no estranxeiro.
Anda Vargas Llosa pintando no País ao español coma lingua perseguida e en retroceso. Igualiño có Quechua, lingua cooficial do Perú e que ata hai poucos anos nin se ensinaba nin tiña un triste telexornal. Se os seus falantes non diminúen tan rápido coma os do galego, sendo ata non hai moito a maioría, é por pura pobreza, non por falta de empeño da elite crioula e aspirantes a que segue a gobernar o país. Por suposto xa saíu o sindicato funcionarial CSIF a protestar pola proposición (non de lei, ollo) para equiparar na práctica os catro idiomas do Estado (por ben que sen eliminación da obriga constitucional de saber español, os seus falantes seguen a ser o grupo dominante non só por número senón por dereito). Por suposto as queixas sindicais non son por un sentido de equidade ou polos abusos e excesos que se poidan dar en Cataluña, senón por pura prebendas profesionais. Descoiden, os que están obsoletos son eles. S ó hai que vivir en Bélxica ou Suíza para constatar que as xestións administrativas, de atención multilingüe, funcionan mellor cando están automatizadas.
Tamén nestes días houbo dous exemplos do futuro probable. O columnista do ABC Luís Ojea entrevista con total naturalidade en español na TVG a Paco Vázquez . Aquel que nos 80 se deixaba entrevistar en galego e foi o primeiro en casar na nosa lingua a comezos da Transición. Tamén cadrei de voltar a ver A Esmorga, na TVE Internacional, cos propios actores dobrándose a si mesmo ao español. A sensación de incomodidade foi a mesma cá de ver, hai anos, ao presentador estraña do Telexornal daquela, facer o mesmo pero nunha versión en español para a canle internacional da TVG.
As inercias son as que son. O país é o que é. Pero coma di a coñecida frase de Ernest Renan, as nacións son un sufraxio diario. Se non se exercen os dereitos, non existen. Hai que ter coraxe. Coraxe de vivir.