E logo non había miragres

Non vou negar unha certa responsabilidade da cidadanía nos altos níveis de afección vírica desta terceira ondada da pandemia.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 17/01/2021

Comparte esta noticia
Levamos xa dez meses de pandemia e coñecemos abondo o que vai e o que non vai, canda varias medidas adicionais de dubidosa ou moi curta eficacia.Mais o verdadeiro problema desta enxurrada actual é a estratexia desenvolvida polos políticos á fronte da Xunta de Galicia, única competente no que atinxe ás medidas sanitarias contra a Covid-19. Porque aproximadamente o 60% dos contaxios son responsabilidade das xuntanzas familiares non protocolizadas.
 
É dicir, os verdadeiros responsábeis son o presidente Núñez Feijóo e máis o conselleiro de Sanidade Julio Gª Comesaña, que propuxeron a total permeabilidade das persoas que residían fóra do País para visitar aos seus familiares e máis a xuntanza de dous núcleos familiares, malia recomendar xuntarse só no seo do núcleo familiar. Polo menos, no que atinxe á “barra libre” decretada pola Xunta para as visitas desenvolvidas entre as 07.00 e as 23.00 dos días 23, 24, 25, 30 e 31 de decembro de 2020 e 1 e 6 de xaneiro deste ano. Malia que un mesmo  recoñeza que a Noiteboa e o Nadal supuñan unha certa excepción  pola parcial falla de coñecemento na dimensión da enxurrada pandémica durante decembro.
 
Máis Feijóo e Comesaña a mantenta permitiron as enxurradas de amplo contacto interpersoal da Fin de Ano e Reis. Para a fin do 2020 ou primeiros do 2021 era nidio e evidente o problema sanitario da nosa Galicia, tamén xeral no contexto estatal e europeo, mais o alcalde da primeira cidade de Galicia, Abel Caballero, adheriu esta demagoxia xunteira  amosando o seu xorne neglixente, ao presidir o 6-X último unha Cabalgada de Reis na que partillaron 30.000 persoas. Os dous políticos máis votados de todo o País amosaron de vez  a súa falla de responsabilidade.
 
Núñez Feijóo habería acreditar na súa responsabilidade como Presidente deste País sen abdicar das súas responsabilidades no Goberno do Estado, que ten amosado a mesma incompetencia ca os rexedores do Monte Pío e San Caetano. Mais semella que segue xogando ser o campión europeo da modalidade deportiva de lle botar a culpa aos demáis (aínda non recoñecida na Olimpiada de Tokio) e non quere desenvolver a súa función de Presidente dun país europeo, culto e desenvolvido, como é a nación que nos une.
 
Non había miragre galego.  

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, tras o comité clínico. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, tras o comité clínico. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.