Temas: FRASEOLOXíA

Formas galegas que dan conta da voz castelá “rato” como espazo de tempo (4ª –e derradeira– parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 14/03/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

E rematamos, que xa ían sendo moito horas, con esta xeira de entregas ó longo das cales abordamos diversas posibilidades expresivas con que contamos en galego para ocupar os mesmos espazos de uso (cando menos, nos contextos que fomos vendo entrega tras entrega) cá voz castelá rato.

Imaxe dun reloxo
Imaxe dun reloxo

RATOS PERDIDOS

Para darmos conta da locución substantiva ratos perdidos (definida no propio DRAE como “ratos en que uno se ve libre de ocupaciones obligatorias y puede dedicarse a otros quehaceres y tareas”) contamos con diversas posibilidades, algunhas das cales serían momentos de vagar # de lecer, momentos libres, tempo de vagar # de lecer ou tempo libre.

Ex.: Siempre que va de viaje lleva algo de ganchillo para ocupar los ratos perdidos.

Sempre que vai de viaxe leva algo de labor de gancho para ocupar os momentos de vagar os momentos de lecer os momentos libres o tempo de vagar o tempo de lecer o tempo libre.

Ou mesmo tamén, naqueles –bastantes– casos en que a dita locución castelá funciona como adverbio ó ir precedida normalmente das preposición a ou en, simplemente empregando (reiteramos, entre outras posibilidades) as secuencias cando + verbo ter + (tempo de) vagar; cando + verbo ter + (tempo de) lecer; ou cando + verbo ter + (tempo) libre.

Ex.: Va avanzando en su tesis a ratos perdidos.

Vai avanzando na súa tese cando ten vagar cando ten lecer cando ten libre cando ten tempo de vagar cando ten tempo de lecer cando ten tempo libre.

A CADA RATO

En galego dispomos de varias locucións para manifestar que algo acontece ou se produce de xeito reiterado cada pouco tempo, coma por exemplo a cada canto (tamén cada canto) ou a cada pouco (tamén cada pouco).

Ex.: Durante el embarazo tenía que ir al baño a cada rato.

Durante o embarazo tiña que ir ó baño a cada canto a cada pouco cada canto cada pouco.

PASAR UN BUEN RATO # UN MAL RATO

Para indicar que ou ben se goza, ou ben que se sofre ou se pasa mal, durante un certo período de tempo, en castelán non é raro escoitar que se pasa un buen rato ou un mal rato, respectivamente.

En galego, cando menos no que á nosa experiencia se refire, e xunto con outras posibles opcións (entre elas, a de empregar algunha das voces sinónimas de anaco como “espazo de tempo, normalmente non longo” ás que fixemos referencia na rúbrica “ESPERAR UN RATO”, coma por exemplo bocado, cacho, pedazo ou algunha outra, máis ou menos acaídas en función do contexto), non é raro botar man da voz anaco como equivalente de rato para cubrir estes espazos de uso, mais en non poucas ocasións con alteración da orde dos elementos do sintagma nominal: isto é, antepondo o substantivo ó adxectivo, de tal xeito que as locucións quedarían como un anaco bo ou un anaco malo, respectivamente (sen prexuízo do emprego, así mesmo, da colocación coincidente coa do castelán).

Ex.: Pues ya ves, aquí estamos, pasando un buen rato con los amigos y arreglando el país.

Pois xa ves, aquí che estamos, pasando un anaco bo un bo anaco cos amigos e amañando o país.

Ex.: Hasta que les confirmaron que su hija no iba en el autobús accidentado pasaron un mal rato.

Ata que lles confirmaron que a súa filla non ía no autobús accidentado pasaron un anaco ben malo pasaron un mal anaco.

PARA RATO (=PARA LARGO)

Para os contextos do castelán ir/ser una cosa para rato (ou para largo), ou tener alguien con una cosa para rato (ou para largo), dispomos en galego da locución preposicional para tempo, así como tamén, nos máis dos contextos, das locucións para lonxe ou para moito. Isto sen contar con para longo, respecto da cal non dispomos de datos abondos como para poder sequera intuír ata que punto pode ser debida ou non á influencia do castelán.

Ás ditas locucións podemos engadir, a maiores, a secuencia verbal levar tempo, igualmente susceptible de ser empregada nos mesmos ámbitos de uso, coas oportunas adaptacións que requira cada enunciado en cuestión.

Así mesmo, e máis ou menos axeitadas en función dos contextos, tamén se pode botar man de locucións como para bastante/moito tempo, para (un) longo tempo ou para un tempo longo (sen contar con outras posibilidades, coma por exemplo a de ir con calma):

Ex.: La votación para los nuevos estatutos va a ir para rato.

A votación para os novos estatutos vai ir para tempo vai ir para lonxe vai ir para moito vai ir para bastante/moito tempo vai ir para (un) longo tempo vai ir para un tempo longo vai levar tempo vai con calma .

Ex.: Id cenando, que aquí todavía tenemos para rato.

Ide ceando, que aquí inda temos para tempo que aquí inda temos para lonxe que aquí inda temos para moito que aquí inda temos para bastante/moito tempo que aquí inda temos para (un) longo tempo que aquí inda temos para un tempo longo que aquí inda nos vai levar tempo que aquí imos con calma.

É de facer notar que en non poucas ocasións tamén se pode empregar, no canto de ir ou ter, o verbo ser, habitualmente baixo a forma da perífrase verbal ir ser e adaptando o enunciado de tal xeito que o verbo se conxugue en terceira persoa, moitas veces cun suxeito gramatical que tende ó impersoal:

Ex.: A votación para os novos estatutos vai ser para tempo. [Ou mesmo tamén, neste caso, co verbo ter: A votación para os novos estatutos vai ter para tempo.]

Ex.: Ide ceando, que aquí (isto) inda vai ser para tempo.

Ex.: —¿Para cuánto tenéis todavía? —¡Uf!, no sé, pero creo que aun va para largo.

—¿Para canto tedes aínda? —¡Buf!, non che sei, pero creo que inda é para tempo pero creo que isto inda ten para tempo.

 

De igual xeito, e se cadra máis asociadas a contextos de uso familiares, se pode botar man de expresións fraseolóxicas coma levar tamancas, levar zocos ou haber lorán, que debullamos a seguir máis polo miúdo:

● As dúas primeiras dan a entender que un asunto, circunstancia ou cousa (que serían os entes que funcionarían como suxeito gramatical) vai demorar ou vai tardar en resolverse ou finalizar.

Ex.: La votación para los nuevos estatutos va a ir para rato.

A votación para os novos estatutos vai levar tamancas vai levar zocos.

Ex.: Id cenando, que aquí todavía tenemos para rato.

Ide ceando, que isto leva tamancas que isto vai levar tamancas que isto leva zocos que isto vai levar zocos.

Ex.: —¿Para cuánto tenéis todavía? —¡Uf!, no sé, pero creo que aun va para largo.

—¿Para canto tedes aínda? —¡Buf!, non che sei, pero creo que (isto) leva tamancas pero creo que (isto) vai levar tamancas pero creo que (isto) leva zocos pero creo que (isto) vai levar zocos.

● Pola súa banda, a terceira das secuencias (haber lorán) emprégase, tal e como podemos deducir pola forma verbal haber, en construcións sintácticas impersoais, isto é, sen suxeito gramatical, de xeito tal que se viría a corresponder coa secuencia castelá haber para rato.

Ex.: La votación para los nuevos estatutos va a ir para rato. & En la votación para los nuevos estatutos va a haber para rato.

Na votación para os novos estatutos vaiche haber lorán.

Ex.: Id cenando, que aquí todavía tenemos para rato. & Id cenando, que aquí todavía va a haber para rato.

Ide ceando, que aquí (inda) vaivos haber lorán.

Ex.: —¿Para cuánto tenéis todavía? —¡Uf!, no sé, pero creo que aun va para largo.

—¿Para canto tedes aínda? —¡Buf!, non che sei, pero creo que che hai lorán pero creo que che vai haber lorán.

NOTAS:

1. A expresión levar zocos está recolleita, na fonte da que nós a tiramos (véxase a parte de biliografía) coa variante levar zoques, mentres que a de haber lorán recolleuse na fonte orixinal coa variante haber larán.

2. Nótese a imaxe a que remiten as expresións levar tamancas e levar zocos (ambos os substantivos fan referencia á mesma realidade, inda que na entrada zoco do DRAG non se reflicte –con toda probabilidade, por mero despiste ou esquecemento– tamanca como vocábulo sinónimo de zoco na primeira acepción deste): quen leva postos tamancas ou zocos vai andar máis amodo ca quen leva un calzado, digámolo así, máis corrente, de aí que un asunto ou circunstancia que leva tamancas ou zocos vai demorar máis do que quixeramos ou do que entenderiamos por máis ou menos normal ou previsible.

Por un carreiro non demasiado afastado circula tamén a paremia haber lorán, na medida en que un lorán é unha persoa que foxe do traballo, polo que se entende que o traballo ou asunto do que teña que dar conta vai tardar máis ca se se encargase del unha persoa que non fose lorana ou palanquina.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou fundamentadas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”1, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta