Xa son máis de 500 as hectáreas queimadas na primeira gran vaga de incendios do 2021

O incendio rexistrado no Courel rexistra xa máis de 300 hectáreas queimadas, tamén houbo grandes lumes en Cerdedo-Cotobade, Rodeiro e Monforte.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2021 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

Os incendios forestais rexistrados nas últimas horas en Galicia afectaron a unhas 500 hectáreas, delas a maior superficie en Folgoso do Courel, con 280, segundo a última estimación facilitada pola Consellería do Medio Rural. Esta é a primeira gran vaga de incendios do ano e ten lugar no primeiro día de abril, en plena Semana Santa.

En concreto, de acordo cos últimos datos achegados polo departamento autonómico, o incendio de Folgoso do Courel atópase controlado, mentres que se dan por extinguidos os rexistrados nas últimas horas en Monforte de Lemos, tamén na provincia de Lugo, e os dous rexistrados na de Pontevedra: os de Cerdedo-Cotobade e Rodeiro.

No primeiro, deuse por estabilizado ao redor das 18,49 horas e por controlado ás 20,05 horas un lume que se rexistrou na parroquia de Meiraos e que comezou ás 23,43 horas da pasada noite. Neste incendio, foi necesario activar a situación dúas como medida preventiva aínda que, posteriormente, desactivouse ao non haber perigo para os núcleos de poboación.

Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 280 hectáreas. No lugar traballan un técnico, oito axentes, 22 brigadas, 10 motobombas, seis helicópteros e catro avións, entre outros efectivos.

Incendio no Courel
Incendio no Courel | Fonte: BRIF Laza

EXTINGUIDOS

Mentres, ás 18,45 horas, deuse por extinguido o incendio rexistrado en Monforte de Lemos, na parroquia de Marcelle, após comezar o mércores ás 13,53 horas. Após a última medición, a superficie afectada foi de 38 hectáreas, das que 30 foron arboredo e oito de monte raso.

Na provincia de Pontevedra, ao redor das 19,35 horas, deuse por extinguido o incendio rexistrado en Cerdedo-Cotobade, na parroquia de San Xurxo de Sacos, após comezar ás 23,56 horas da pasada noite. Neste caso, foron 52,3 hectáreas as afectadas.

No rexistrado en Rodeiro, na parroquia de Pedroso, deuse por extinguido sobre as 16,59 horas despois de comezar ás 23,40 horas da pasada noite. Segundo as últimas medicións, a superficie afectada foi de 126 hectáreas, delas 120 de monte raso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta