Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 02/04/2021
Teñan vostedes boa xornada, nestes tempos líquidos e convulsos nos que, por enriba dunha sociedade pouco afianzada en valores compartidos, a pandemia está supoñendo unha nova complexidade que non é doado abordar. Oxalá lles teña ido ben neste tempo pouco agarimoso. Porque o certo é que a moitos de nós non, e a presencia do SARS-CoV-2 está supoñendo moito máis sufrimento, de moitos tipos.
O caso é que hoxe, mirando ao mar, abordo este tema, que ten moitos máis ángulos que os puramente sanitarios, co ánimo de facer énfase en algo que veño contando desde hai máis dun ano, e que ten máis que ver coa estratexia a partir das bases físicas e matemáticas da epidemioloxía que coa praxe clínica. Porque, sendo esta última fundamental para o tratamento da enfermidade provocada por este coronavirus, non é o único modo de velo posible, nin o máis recomendable para centrar determinadas cuestións.
Desde o meu punto de vista, é fundamental tal visión estratéxica para entender que está a pasarnos. Os nosos executivos -de aquí e de alá- formulan medidas para atallar a situación, pero non teñen buscado o máximo premio posible, consistente na erradicación real do virus. Apóstase por unha estratexia de oscilador harmónico amortecido, pero sen ter ben afinados os diferentes parámetros presentes na ecuación diferencial que o rexe e, sobre todo, sen coñecer dabondo o seu funcionamento e sen ferramentas efectivas para facer posible o acordado. Con todo, inténtanse paliar as consecuencias dos elevados picos nas sucesivas ondas da pandemia, pero pouco máis. Non hai estratexia de resolución da mesma.
As sociedades que si apostaron por ela, están a vivir esta crise doutra maneira. Tiveron confinamentos moi severos, un nivel de rastrexo impecable e estratexias de vacinación, cando foi posible, universais e sen descanso. Aquí non. Aquí xogouse a salvar a Semana Santa, o verán, o Nadal, a salvar unha nova Semana Santa e suma e sigue. E xa saben que implica isto en termos de laminación de vidas humanas. E todo, coa compracencia ou o mirar para outro lado dunha parte da poboación, que fai -literalmente- o que lle da a gaña. Pasaron vostedes por algún dos pobos costeiros da nosa Galicia estes días, a escoitar o falar foráneo dos que non poderían estar aquí? Ou que me din das entradas polos aeroportos, con turismo internacional en moitas das nosas capitais? É o camiño cara unha nova suba da enfermidade e da morte, sen dúbida algunha.
Alguén aludirá aos custos económicos doutro tipo de estratexia máis orientada á eliminación do SARS-CoV-2. Non se enganen. Si que é verdade que as axudas directas aos sectores implicados serían maiores, e non testemuñais. Pero o enorme gasto sanitario de hoxe, derivado do elevado nivel de atención en críticos, por exemplo, tamén é un custe moi importante e que, doutra forma, podería temperarse. Ou o asociado ao continuo alto nivel de cribados ante gromos, ou outro tipo de ferramentas propias das estratexias de mera convivencia co virus.
Ben, o debate queda sentado, e seguro que hai voces que poden aportar con moito criterio. Para min, hai un erro que abrangue todo o feito, e non o digo agora a posteriori, senón desde o principio. E este é que nunca pretendemos, como sociedade, plantar cara e cortarlle as ás á transmisión do virus, só amortecer os seus efectos para seguir vivindo máis ou menos coma sempre. Unha estratexia, desde o meu punto de vista, sempre perdedora. E, se non, miren a outras partes do globo, onde o virus é hoxe residual.
jl_quintela_j@telefonica.net