Xacementos únicos "abandonados" por Xunta e Fomento

Os xacementos de A Roda de Barreiros e o círculo da Chousa do Rodeiro do Castro de Coeses, os dous en Lugo, levan anos "abandonados", segundo Mariña Patrimonio.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/10/2013 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

Cultura do País, ADEGA e Mariñapatrimonio acaban de presentar unha denuncia perante Patrimonio polo abandono e posibles danos no xacemento de A Roda de Barreiros.

Círculo do xacemento A Roda de Barreiros
Círculo do xacemento A Roda de Barreiros | Fonte: Mariña Patrimonio

Non é o único xacemento que se atopa en situación de abandono. O da Chousa do rodeiro do castro de Coeses, tamén en Lugo, está na mesma situación. Os dous se atoparon pola construción de grandes infraestruturas viarias que, nalgúns casos, como o de Coeses, ameaza a súa existencia.

Curiosamente, os dous comparten certas similitudes ao tratarse de xacementos únicos en Galicia. A Roda, de Barreiros, atopouse en 2006 tras a realización dunha intervención arqueolóxica por mor do trazado da autovía  A-8, que pasaba enriba deste xacemento. Tras a súa excavación saíu á luz un importante e enigmático xacemento que a día de hoxe, e sen estar concluída a escavación, os arqueólogos descoñecen o seu uso e a súa datación.

Dous xacementos ameazados

Na actualidade, os arqueólogos da Xunta din que A Roda pode ter certa similitude co círculo da Chousa do Rodeiro do castro de Coeses, actualmente tamén ameazado tamén polas obras da autoestrada Santiago-Lugo.

Xacemento da Chousa do Rodeiro do castro de Coeses
Xacemento da Chousa do Rodeiro do castro de Coeses | Fonte: Mariña Patrimonio

Hai sete anos, o Goberno bipartito e Fomento decidían variar o trazado da autovía para evitar a destrución de A Roda tras as súas características únicas e logo dunha custosa intervención.

Sen embargo, hoxe atópase nun "lamentable estado de abandono con visibles signos de degradación e destrución", denuncia Mariña Patrimonio. Así, responsabiliza a Fomento desta situación por "non cumprir coa súa obriga de conservar, coidar e protexer este ben patrimonial, amosando unha vez máis o seu escaso interese polo noso patrimonio".

Por iso, esta asociación presentou unha denuncia na Xunta para que sexa o Goberno galego quen obrigue ao ministerio a "adoptar as medidas necesarias para conservar, coidar e protexer este ben patrimonial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta