As ondas de calor serán máis intensas, frecuentes, duradeiras e extensas na península ibérica

Varios estudos apuntan a un escenario futuro moi complicado, cun aumento xeral das temperaturas máximas, dos días de calor extrema e dos períodos de seca.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A península ibérica será azoutada nas próximas décadas por ondas de calor cada vez máis extremas, cun aumento significativo xeral da súa intensidade, frecuencia, duración e extensión espacial. Un novo estudo asinado por investigadores do EphysLab (Environmental Physics Laboratory) da Universidade de Vigo e do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela súmase á xa inxente literatura científica que alerta dunha situación irreversible se non mudamos o actual modelo de produción e consumo masivos, causante duns niveis de contaminación xa insoportables para o planeta e para a nosa saúde, e da destrución de hábitats, desaparición masiva de especies e redución da biodiversidade.

Calor extremo
Calor extremo | Fonte: EP.

A nova achega científica alerta de que, de aquí ao ano 2050, a intensidade das ondas de calor na península ibérica podería duplicar a rexistrada entre os anos 1971-2000, cun aumento do 104 % de media para todo o territorio. O peor escenario prevese para zona centro-oriental, elevándose ata o 150 % para a costa mediterránea e os Pireneos.

A comunidade científica internacional traballa con catro escenarios diferentes nas súas proxeccións, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríanse diferentes impactos do cambio climático. Así, o escenario RCP2.6 é o máis optimista, cunha redución de gases; os RCP4.5 e RCP6.0 son os de estabilización das emisións, e o RCP8.5 é o escenario extremo, cun nivel moi alto de emisións seguindo a tendencia actual de aumento a nivel global. O RCP4.5 (intermedio) e RCP8.5 (extemo) son os escenarios cos que máis traballa a comunidade científica, dados os escasos e lentos pasos que se deron até agora para frear as emisións de gases.

Neste estudo empregáronse proxeccións de temperatura para o período 2021-2050 baixo os escenarios RCP4.5 e RCP8.5 do proxecto EURO-CORDEX. Os datos obtidos comparáronse cos rexitros do período 1971-2000.

A porcentaxe de cambio proxectado polas simulacións para o número medio anual de días de onda de calor foi do 104% para toda a península, en ambos os dous escenarios; os cambios máis notables evidéncianse nas mesetas, na franxa mediterránea e na zona dos Pireneos, mentres que Portugal, Galicia, a costa cantábrica e a parte suroccidental de Andalucía mostran, en xeral, incrementos menores (por baixo do 100 %).

Encoro de Portomarín afectado pola seca.
Encoro de Portomarín afectado pola seca.

Con todo, os investigadores observaron que no escenario RCP4.5 os maiores cambios se prevén na zona centro-oriental, no RCP8.5 os valores altos afectan practicamente a todo o territorio, excluíndo unha estreita franxa ao longo da costa atlántica e parte do Cantábrico oriental.

A duración das ondas de calor mostra un aumento con valores superiores a 15 días na rexión mediterránea e un mínimo de 6 días no norte e oeste. Ademais, no escenario RCP8.5, as ondas de calor prolongadas (máis de 10 días) esténdense practicamente por toda a península, agás na costa atlántica, onde a duración media oscila entre 6 e 7 días. Unha análise de tendencias espaciais do número anual de días de ondas de calor mostrou que os valores máis altos se rexistran nos Pireneos, no interior e no sur da península Ibérica.

As análises indican que se podería chegar a unha media anual de entre 30 e 65 días de ondas de calor ao ano no período 2021-2050, cunha tendencia global de 6,4 días máis de calor extremo por década no escenario RCP4.5 e de 7,6 días por década no RCP8.5.

“As tendencias proxectadas duplican as observadas no período 1971-2000. As diferenzas entre os dous escenarios aumentarán a partir da segunda metade do século XXI, cando os escenarios comezan a mostrar un comportamento máis diferente, cun maior aumento de temperatura no escenario RCP8.5”, explican os científicos.

Polo tanto, “espérase que as ondas de calor sexan máis intensas nos dous escenarios futuros”, advirten.

Os datos prognostican tamén un aumento da extensión espacial das ondas de calor entre un 6 % e un 8 % por década, o que levará, polo tanto, a un aumento da exposición humana (máis problemas de saúde), un incremento da demanda de enerxía –o que suporá maior gasto para as familias e maiores niveis de contaminación se continuamos con combustibles fósiles–, e tamén un aumento do risco de incendios forestais.

A distribución espacial dos días de onda de calor mostrou unha tendencia de aumento positiva a escala anual en comparación co período 1971-2000.

“As ondas de calor cobren unha área crecente da península e superaron con moito o 50 % da extensión nun gran número de anos”, aportan os investigadores.

O estudo tamén destaca un aumento no número de días para cada nivel de intensidade das ondas de calor (baixa, grave e extrema). O aumento do número medio de días en cada nivel para ambos os dous escenarios foi de 64, 18 e 9 días, respectivamente.

Os eventos extremos aumentan principalmente nas zonas costeiras. Pola contra, os eventos graves e de baixa intensidade aumentan máis ao longo da costa mediterránea e nas rexións do interior. Porén, os eventos de baixa intensidade parecen aumentar de leste a oeste”, clarifican.

En resumo, o estudo indica que se no período 1971-2000 houbo de media 23 días ao ano con ondas de calor, as proxeccións de aquí a 2050 sinalan que estes aumentarán a 44 días no escenario RCP4.5 e a 50 días no RCP8.5. Ademais, “todas as dimensións das ondas de calor aumentarán” nestes escenarios, e a extensión espacial das ondas de calor case se duplicararía no RCP8.5.

“Os resultados apuntan a un aumento significativo da intensidade, frecuencia, duración e extensión das ondas de calor na península ibérica no século XXI, nos escenarios RCP4.5 e RCP8.5”, conclúen os autores do estudo, que vén de ser publicado na revista científica internacional Atmospheric Research, asinado por Nieves Lorenzo, Alejandro Díaz Poso e Dominic Royé.

MÁIS DATOS

O EphysLab publicou recentemente máis datos no último número da súa propia revista, Avances en Ciencias de la Tierra (ACT). En concreto, un estudo sobre a evolución futura da temperatura máxima nas principais cidades da península ibérica no que se fixeron tamén proxeccións sobre os escenarios RCP4.5 e RCP8.5, para analizar como evolucionarán as temperaturas máximas medias, os eventos extremos de temperatura e as ondas de calor durante a estación cálida (xuño-setembro) para dous períodos futuros: próximo (2020-2049) e afastado (2070-2099). Os resultados van na mesma liña.

Con respecto á variación da temperatura máxima media, proxéctase un incremento, da orde de 5º C a 6º C, no sur e interior peninsular, e de alrededor de 4º C en zonas costeiras e do Cantábrico para finais do século XXI baixo o peor escenario.

En relación á porcentaxe de días con eventos extremos baixo o peor escenario, o RCP8.5, espérase que haxa un incremento entre o 10 e o 15 % en zonas do sur e interior peninsular para o futuro próximo. E para finais de século estiman que haberá zonas do Mediterráneo, sur e interior peninsular onde se espera un incremento maior do 45 % de días con eventos extremos, mentres que as zonas do norte e oeste peninsular non superarán o 25 % de incremento de días baixo condicións extremas para finais de século.

Por último, en canto á porcentaxe de días baixo ondas de calor baixa, indican que no escenario RCP8.5 se espera un aumento considerable, sobre todo no futuro afastado, no que moitas cidades do sur e interior peninsular superarán o 40 % de días baixo ondas de calor e mesmo zonas do Mediterráneo superarán o 55 %. Con todo, en zonas do Atlántico e en cidades do norte peninsular o incremento sería moito menor, sen chegar a superar o 25 % de días baixo ondas de calor.

Outro estudo do EphysLab, tamén publicado na súa propia revista-docente en decembro de 2019, calculou para as cidades galegas un aumento das temperaturas máximas a finais do século XXI de 5 a 7 graos e máis días de calor extrema, no peor dos escenarios do cambio climático.

“A tendencia da temperatura máxima é claramente ascendente ó longo do século XXI (2006- 2099) nas sete cidades. Destacan cidades coma Ourense ou Santiago, que presentan un aumento aproximado de 0,7º C por década. Pola contra, as cidades da Coruña e Ferrol serán as que menos sufran dito aumento, con valores por baixo dos 0,5 ºC por década”, aportaron os autores do traballo, que consideraron para os seus cálculos só a estación cálida (xuño-setembro).

Ourense, cun incremento por década de 0,68 graos, sería a segunda urbe máis afectada, seguida por Pontevedra (0,62), Lugo (0,6) e Vigo (0,57).

Así, o incremento medio das temperaturas máximas das sete principais cidades de Galicia sería de 0,58 graos por década, case 6 graos ao final deste século, segundo estas proxeccións.

“Vese que para finais de século está previsto que as medias anuais das temperaturas máximas excedan os 30 grados en Ourense, e os 28 grados en Vigo e Pontevedra, quedándose Santiago tamén preto dese valor. Na cidade da Coruña espéranse as máximas máis baixas para finais de século, con valores próximos ós 23 grados”, explican no estudo.

A evolución interanual e a tendencia no número de eventos extremos futuros mostra que tamén aumentarán os días de calor extrema, con valores que oscilan entre 2,57 máis días/década en Ferrol e 4,14 en Ourense. En Pontevedra serán 3,72, en Vigo 3,58, na Coruña 3,28, en Lugo 2,9 e en Santiago 2,89.

Os valores de tendencia do número de vagas de calor son semellantes para todas elas, coa excepción de Ferrol, que mostra un valor algo menor, cun aumento de 0,38 vagas/década.

Vigo e Ourense (0,53 ambas as dúas), son as urbes con maior posibilidade de sufrir vagas de calor ao longo do século, canda Pontevedra (0,52). Séguenas A Coruña (0,44), e Santiago e Lugo (0,41).

“Durante a primeira metade do século, a presenza de vagas será máis ou menos constante, agás nalgúns picos arredor do ano 2030 para Ourense, Santiago, Pontevedra e, nunha menor medida, A Coruña", describen.

Os investigadores sinalan Ourense como a urbe co "pico máis elevado, cunha media aproximada de cinco vagas (media exacta de 5,3) a finais do século, sendo así a cidade que máis posibilidades ten de ser afectada por este fenómeno climatolóxico".

Pola contra, Ferrol presenta unha "media aproximada de tres vagas (case catro, pois a media exacta é de 3,8) ao cabo do século", sendo a urbe "menos afectada polo fenómeno das vagas de calor”, explican os autores.

Os resultados destes estudos están na mesma liña que outros previos feitos sobre o caso galego. Así, por exemplo, unha investigación realizada por xeógrafos da Universidade de Santiago de Compostela indicou que, desde 1950 ata o presente, a capital de Galicia pasou de 33 días de verán, con temperaturas que alcanzan ou superan os 25 graos, a máis de 60. 

Outro estudo climático, coordinado neste caso polo Departamento de Física da Universidade de Aveiro (Portugal), concluíu que A Coruña pasará de 1,14 ondas de calor e 4,43 días de calor extrema ao ano (datos do período 1986–2005), a 2,14 episodios de calor extrema e 10,48 días ao ano entre 2046–2065. Pero o peor chegará a finais de século, con até tres ondas de calor en 15,62 días ao ano no período 2081–2100.

MÁIS PERÍODOS DE SECAS E DE CHUVIAS TORRENCIAIS

O escenario para Galicia non é alentador. Os modelos científicos apuntan a un futuro próximo con episodios de inundacións e secas cada vez máis recorrentes. Así o predí outro estudo de investigadoras do EphysLab, do Centro de Invetigación Mariña da Universidade de Vigo e do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal), publicado en 2020 na revista científica internacional Science of The Total Environment.

Os resultados para o conxunto de España “mostran unha diminución significativa da precipitación total que se rexistrará anualmente e que afecta principalmente o sur e ás zonas costeiras”, achegan os autores. Esa redución será “máis intensa no escenario RCP8.5, con diminucións próximas ao 20 % durante a primavera, que adoita ser unha das estacións máis chuviosas”, esclarecen.

Para o caso de Galicia, aínda que apuntan que “non é das zonas máis afectadas”, destacan que “se espera unha diminución da precipitación total no verán e primavera, sobre todo no escenario RCP8.5, cun aumento dos períodos secos”. Con todo, “parece verse afectada por un aumento de días con precipitación intensa máis acusado no outono e inverno, o que provocaría un aumento das alertas por inundación”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta