Paisaxistas internacionais presentan os seus 'xardíns efímeros' en Allariz

Á poesía é a temática da XI edición do Festival Internacional de Xardíns, localizado nun recinto de case 40.000 metros cadrados ás beiras do Río Arnoia.

Por X.M. Fernández | Allariz | 21/05/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O Festival, que non se puido facer no 2020, volve este ano con forza e xa se pode visitar tras a súa inauguración oficial o pasado 15 de maio

Paisaxistas chegados dende Galicia, o resto da península e diferentes puntos do mundo coma Arxentina, China, Italia ,Colombia, Portugal ou Alemaña, amosarán as súas creacións orixinais especialmente pensadas para a ocasión nunha edición na que a poesía é a protagonista. Figuras das letras coma Rosalía, Pessoa, Federico García Lorca, Machado, Emily Dickinson ou a mesma Xela Arias, homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2021, lucirán nun recinto de preto de 40.000 m2.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz é un gran proxecto multidisciplinar que tenta achegar á cidadanía o gusto pola natureza e a paisaxe a vez que tenta concienciar sobre o coidado do medio ambiente e da súa importancia nos nosos días. Un  espazo ao aire libre onde ano tras ano podemos atopar 10 parcelas en concurso  e desfrutar da parcela dos centros educativos de Allariz e o xardín gañador da última edición (dedicada ao cine) “Sé o heroe da túa propia película” que nesta ocasión coincide co fallo da Asociación Española de Xardinería que destaca ao gañador polas súas características conceptuais, botánicas e de sustentabilidade.

INICIATIVAS PARALELAS

Dende o concello preténdese que todo Allariz respire poesía, e para alcanzar este obxectivo puxeron en marcha varias iniciativas. Por un lado un concurso de escaparates no comercio local no que a poesía e a xardinería son os temas principais a integrar. Por outra banda esta semana comezará unha acción promocional coa hostalería, por medio de azucres coa imaxe do festival e cun poema do poeta allaricense Carlos Da Aira, que se servirá en todos os establecementos da vila.

Así mesmo, estase a valorar a realización de actividades culturais no propio recinto do Festival ata o seu peche en outubro, actividades relacionadas coa poesía pero tamén con outras disciplinas coma a música ou a danza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta