Velaí como este indulto non resolve a cuestión. Seica non o resolve nin para os presos políticos. E malia esta cativeza, que amosa a mínima xenerosidade posíbel para reconstruir un tecido social sán, a dereita extrema e supremacista, canda a vella garda do PSOE (Felipe González, Alfonso Guerra, os presidentes manchego e extremeño, Nicolás Redondo, Joaquín Leguina… ) rexeita os indultos malia apoiar, no seu día, os indultos de golpistas como o xeneral Armada ou de convictos de terrorismo como os antigos membros do Goberno González, José Barrionuevo e Rafael Vera.
Os nove indultos ás persoas presas políticas nin resolven o problema nin o axudan resolver
Ademáis do problema xa sinalado (subsistencia quizais de moi onerosas e artificiosas indemnizacións por unha malversación que non existiu e falla de remisión das penas de inhabilitación), os indultos parciais proxectados para as nove persoas presas políticas non resolven o casos das máis de 3.200 persoas investigadas por distintos Tribunais cataláns e estatais (Xulgados de Instrución 1 e 13 de Barcelona, Tribunais varios de Catalunya, Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, Audiencia Nacional…) por feitos de natureza política e fasquía pacífica posteriores á convocatoria do referéndum do 1-Ou do 2017. Mais, o que tamén é fulcral, non resolven o problema da acusación e eventual orde de prendemento internacional contra o President Puigdemont, os consellers e conselleras no exilio, a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira e máis a antiga voceira parlamentaria das CUP, Anna Gabriel.
O indulto na Constitución do Estado (CE) é un acto discrecional de Goberno, que só pode beneficiar casos concretos, pois que están prohibidos constitucionalmente os indultos xerais (artigo 62.4 CE). Neste contexto, o indulto ás nove persoas presas políticas remata no seu efecto nelas mesmas. Despois vai continuar a represión xudicial, mentres a dereita acusará ao Goberno do Estado de filoterrorista.
A amnistía é o acaído e, ademáis é constitucional
A única saída que abre a porta á concordia que di querer Sánchez é a amnistía. Unha amnistía constitucionalmente posíbel, sempre que se aprobe a medio de lei orgánica que precisa da maioría absoluta do Congreso dos Deputados. A maioría da investidura, precisamente. Saber é querer. Querer é poder.
Os indultos xerais están prohibidos na Constitución, mais non as amnistías, malia que éstas requiran a mesma lei orgánica que regula os dereitos fundamentais e crea, modifica e derroga os tipos delictivos do Código Penal. Unha lei orgánica de amnistía podería extinguir todas as responsabilidades criminais e civís derivadas non só para as persoas condenadas por delictos políticos posteriores á convocatoria do referéndum do 1-Ou de 2017, senón mesmo das persoas investigadas arestora por estes delictos, ao tempo que pecha de vez calquera instrución ou xuizo futuro por estes feitos. É, pois, a solución para restablecer un clima de concordia cara un proceso de negociación bilateral que habería rematar nunha solución plebiscitaria pactada que consulte á cidadanía catalá.
De xeito que a amnistía, en realidade, habería ser un prerequisito, mesmo para o xogo da táboa de negociación Generalitat-Goberno do Estado. Se a esquerda española quere obter o respecto e a confianza negociadora do soberanismo catalán a amnistía é unha condición previa para enfrontar a negociación.
Poderíaseme respostar que parte substancial do Deep State, a dereita española, a caverna dos vellos rockeiros do PSOE e seica o Xefe do Estado rexeitan radicalmente a amnistía. Mais resulta que todas estas forzas e persoas rexeitan con forza e acenos semellantes os propios indultos parciais, que non resolven o problema.
Moi probábelmente sexa o intre de que os soberanistas vascos, galegos e valencianos e cantas máis voces honestas haxa nos demócratas españois expoñan esta necesidade e pechen as fileiras cara a treboada cando decargue.
Porque sen dúbida ha descargar, for cos indultos parciais, sexa coa lexítima e constitucional amnistía.