O BNG defende nacionalizar as eléctricas ante o "despropósito" da nova factura

O deputado do BNG no Congreso Nestor Rego critica o prezo da enerxía: "Galicia xa pagou os custos sociais e ambientais das centrais térmicas, hidroeléctricas e agora parques eólicos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2021 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso Nestor Rego avogou pola nacionalización das grandes compañías eléctricas para que a enerxía "sexan un ben baixo control público" e así poder evitar "despropósitos" como o novo sistema de fraccionamento horario para a factura da luz.

"É un despropósito que se recomende o consumo de 12,00 a 08,00 horas", aseverou o parlamentario en declaracións aos medios este xoves en Lugo, onde apelou a nacionalizar as compañías enerxéticas como vía para para que a luz "derive nun beneficio social e non dunhas poucas empresas". Para iso, Rego tamén incidiu na proposta da súa formación de crear unha tarifa eléctrica galega que aproveite a condición de Galicia de productura de enerxía.

"Non entendemos por que Galicia, que xa pagou os custos sociais e ambientais na produción de enerxía en termos de centrais térmicas, de hidroeléctricas e agora parques eólicos; teñamos que pagar o custo do transporte a quen consome a nosa enerxía a 600 quilómetros de distancia. O custo do transporte ten que retirarse da factura", remarcou. En relación a este tema, Néstor Rego animou a que se participe na "gran mobilización" convocada este sábado en Santiago en protesta "polo espolio eólico ou espolio colonial".

"Falamos de grandes empresas españolas que pretenden instalar megaparques con gran afectación porque destrúen o noso medio natural e afectan, sobre todo, a terras de produción agraria e gandeira", apostilou Rego. "Despois, os beneficios das eólicas vanse fóra de Galicia, páganse os impostos en Madrid deixando aquí miseria, deixando unha pequenísima parte polo uso destas terras", censurou finalmente o parlamentario do BNG na Cámara baixa.

Arquivo - Néstor Rego no Congreso. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO - Arquivo
Arquivo - Néstor Rego no Congreso. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Bng lacaios de Santi Rey

A este non lle fai caso absolutamente ninguén.