(Vídeo) A matanza de Oseira: o maior crime en tempos de paz caído no esquecemento

No 1909 a Garda Civil disparaba contra os veciños da Parroquia de Oseira, que intentaban protexer o baldaquino do Mosteiro. O resultado foron 9 falecidos.

Por Carlota Álvarez | SANTIAGO | 09/06/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Unha cantiga de cego de finais da primeira década do século XX recolle os feitos que aconteceron en Oseira no 1909. A composición conserva a memoria dunha protesta organizada polos veciños de Oseira con intervención da Garda Civil que resultou en nove mortos e un número difícil de determinar de feridos. Entre os falecidos contáronse unha muller de 22 anos, embarazada de xemelgos e unha nena de 14. A de Oseira recoñécese como a matanza de civís máis numerosa do século XX en tempos de paz. O que os veciños denunciaban era o espolio do Mosteiro de Oseira, que funciona tamén como núcleo parroquial e concentraba a actividade relixiosa do lugar. O bispo navarro Eustaquio Ilundain Esteban, que fora destinado a Ourense en abril do 1905 á idade de 42 anos en contra das súas preferencias, ordena desmontar o gran baldaquino que cubría o altar. 

Mosteiro de Oseira
Mosteiro de Oseira | Fonte: Imaxe propia

"Seica estaban suxeitando aquilo catro homes moi altos, moi grandes, que lles chamaban os xigantes. Eu andei moito polo convento, pero nunca vin aqueles homes”. Alicia Fernández, aos seus 78 anos, recorda como lle describía a súa nai a gran estrutura que se atopaba no convento. Segundo se describe en “Matar a un ruiseñor. Oseira 1909, análisis de una masacre” artigo publicado no 2017 polos historiadores Miguel Cabo e Xosé Ramón Rodríguez Lago, o baldaquino tiña catro columnas salomónicas, coroadas por catro capiteis nos que se  observaban catro anxos recostados que sobre os seus ombreiros sostiñan un retablo con motivos vexetais. Dicíase que tiña labrada unha pomba que era de ouro macizo. O bispo alega o mal estado da peza, e para evitar perigo de derrumbamento, dispón o seu traslado á capital da provincia para ser reparado, pero tamén se oen rumores de que o quere levar para Pamplona. Os veciños - que xa viran levar do mosteiro o reloxo da torre, as campás, parte do coro e varias fontes - cuestionan o deterioro que alega Illundain, e ofrécense incluso a pagar entre todos os gastos da reparación con tal de que non leven o baldaquino de Oseira. 

 Ante as negativas eclesiásticas prodúcense algúns enfrontamentos leves entre os veciños e o párroco, que remata por solicitar o abandono da parroquia. A situación tensábase cada vez máis e o bispo solicita ao Gobernador Civil para que escolte os carpinteiros que mandaba para acometer as obras. Na mañá do 22 de abril de 1909 os oito carpinteiros custodiados por 19 gardas civís acompañados dun sarxento e dous cabos, e ao mando do tenente Gumersindo Salinas Fernández, chegan a Oseira. Os veciños fan soar as campás e acoden á súa chamada varios centos de homes, mulleres e nenos coa intención de evitar as obras. Os obreiros néganse a realizar o traballo ante a presenza ameazante dunha multitude moi numerosa e abandonan Oseira, pero os veciños non desisten da súa protesta a pesar das ordes do tenente Salinas de abandonar o mosteiro. Prodúcense por un lado ordes e amezas para que desistan no seu empeño e abandonen o lugar que non se cumpren, e por outro provocacións, ás que Salinas responde coa orde de abrir fogo contra os manifestantes. 

A única xustificación para que se dese esta orde era que os gardas civís se visen postos en perigo, e sobre isto recóllense versións moi diversas: o Ministro de Gobernación Juan de La Cierva defende que os compoñentes da Garda Civil foron agredidos polos veciños con pedras e con armas, mentres que en La Voz de Galicia do 27 de abril de 1909 aseguran que os veciños non tiñan armas e que Salinas deu a orde sen dar tempo aos veciños a calmarse nin a poñerse a salvo. No chan quedaban os corpos mortos de nove persoas, entre eles, dous adolescentes.

O ESQUECEMENTO

 “O de Oseira quedou como unha cousa máis que pasou, e como tantas outras súmase á conta das traxedias que debemos esquecer”, di Xosé Ramón Rodríguez Lago. Observa que o suceso de Oseira é incómodo para todas as partes: “É incómodo para a Igrexa, é un suceso tráxico que se relaciona con ela. Pero tamén para as posicións máis progresistas e especialmente as máis nacionalistas, porque en Oseira non estamos a falar dunha reivindicación polo progreso, maniféstanse para que non leven o baldaquino, unha imaxe sagrada”. A falta dun sector que se identificase coa reivindicación dos veciños de Oseira e reclamase a atención sobre os feitos fixo que a memoria do tráxico acontecemento non fose máis alá do que se aireou nos xornais e nos discursos políticos nos meses posteriores. Por outro lado, quedou solapado pola Semana Tráxica de Barcelona, que aconteceu en xullo do mesmo ano, e que pola contía das perdas materiais e humanas se superpuxo en relevancia á masacre de Oseira. Ademais, a diferencia da reivindicación de conservar o baldaquino, as protestas en Barcelona si que eran progresistas e o compoñente anticlerical era claro. Para Miguel Cabo o de Oseira é unha especie de antecedente que xa nos pon na pista do que podía pasar en Barcelona en xullo do 1909. 

A ferida colectiva das vítimas e dos sobreviventes contribuíu a que os veciños se decantasen por esquecer o sucedido; en palabras de Rodríguez Lago “esa idea de non mirar ao pasado para esquecer”. Ademais a historia política posterior foi determinante para o seu encubrimento: a ditadura de Primo de Rivera, a guerra civil e despois a represión franquista silenciaron os testemuños dos sobreviventes e dos seus descendentes. 

A HERDANZA DAS TESTEMUÑAS

Ángel Cibeira Trigo (70 anos, de Mirallos), José Moure Gil (70 anos, de San Martiño), Manuela González Rodríguez (25 anos e embarazada de xemelgos, de Betar), Manuel González Guerra (40 anos da Áspera), María Paz Fernández, (14 anos, de Vilanfesta), Ramón Fernández Álvarez (40 anos, de Tanxil), Baltasar Fernández (70 anos, de San Martiño), María Fernández González (48 anos, de Tanxil, e Ramón Fernández González (15 anos, de Ardesende). Estas son as nove vítimas identificadas. Despois de 112 anos da matanza de Oseira, non quedan testemuñas directas do acontecido. Porén, nas familias dos falecidos non esquecen os feitos de 1909. 

Os feitos tiveron gran sona e relevancia, pero tamén comezou a aparecer o medo por parte do campesiñado e da xente da contorna. O día 27 de abril, o xornalista Contreras publicaba no Faro de Vigo o seguinte: “Supongo no equivocarme al opinar que me parece ver cernerse sobre estos desgraciados pueblos la tranquilidad; así lo deseo, pues de lo contrario podríamos tener nuevos días de luto”. O resultado dos acontecementos, 9 falecidos e decenas de feridos, foi inesperado para os veciños, segundo considera Miguel Cabo: “Alí estaba toda a veciñanza e nenos porque ninguén pensou que fose rematar así porque habería que botar moito tempo atrás para que pasase algo parecido, e nas revoltas que se produciron despois (fai referencia a acontecementos como os de Nebra ou Sofán) había o precedente de Oseira”

Pola contra, Alicia Fernández, veciña da aldea de Pieles, recorda a importancia dos feitos: “Foi cando naceu a miña nai, que era a máis vella, e foi cando estaba de coidado de dar a luz da miña nai. E miña avoa dicíalle a meu avó, non vaias, déixaos que fagan o que queiran, pero ti  non vaias. Era a feira de Cea e foi alá, e entón meu avó salvouse, que se cadra tocáballe coma os outros”. A quen si lle “tocou” foi ao tío-avó de Alicia, que morreu o 22 de abril no Mosteiro de Oseira, protexendo o baldaquino como fixeron outros tantos veciños. Alicia tamén conta o medo que a xente tivo despois do ocorrido. Trátase dun tema que moitos querían evitar e algúns incluso encobren. Segundo relata Alicia, fai uns anos un frade negoulle as mortes de Oseira, ao que a veciña de Pieles respondeu: “como me di a min que non foi certo se a min me mataron un tío”. 

 O mesmo sentimento tamén o coñeceu Luís Fernández Gil, veciño de Tanxil e cuxo avó, Ramón Fernández Álvarez, foi unha das vítimas mortais. Os pais de Luís nunca falaron do acontecido, e o que sabe hoxe é polo que lle contaron os seus tíos e irmáns: Non se podía falar de que pasara isto. Daquela fora un acojonamiento; mira como fixeron que nin sequera os deixaron velar, foron enterrados todos xuntos nunha fosa e as familias quedaron con medo”. 

Non se podía falar de que pasara isto. Daquela fora un acojonamiento"

 Ramón Álvarez é o bisneto de Manuela González Rodríguez, a muller embarazada de xemelgos que faleceu nos días seguintes ao 22 de abril por un disparo da Garda Civil. Na súa casa nunca se falaba do acontecido, e o que se dicía era sen “retratar aos culpables”: “eu  recordo de preguntarlle a miña avoa quen a matara e sempre dicía: foron os malos; pero nunca contou nada. Viña dunha época na que había menos cultura, logo veu a ditadura e había medo ao Goberno e ás institucións”, recorda.

No 2009 diferentes sectores da sociedade quixeron impulsar unha conmemoración do centenario. Porén, o alcalde de Cea, tal como recolle o diario El País nun artigo do 2 de agosto dese ano, opúxose para “no molestar a nadie”, un exemplo de como o tema segue a ser incómodo na actualidade, a pesar de non ser unha cuestión que poida enfrontar aos veciños, tal como apuntan ambos historiadores, que entenderían que se estivese relacionado co franquismo se poidesen adoptar dúas posturas contrarias, pero afirman que o de Oseira foi un acto de unión popular, non de rivalidade. 

 Aínda así, aparecen algunhas iniciativas de recordo, como pode ser a levada a cabo polo CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea. Ana Pedrouzo, estudante de maxisterio en prácticas e que está a realizar un TFG sobre o patrimonio, levou a cabo un proxecto sobre os feitos de Oseira cos alumnos de 6º de Primaria. A mestra, natural de Lalín, non coñecía a historia, pero a súa sorpresa foi maior ao decatarse de que na propia comunidade escolar tamén era descoñecida: “Moitos alumnos, e incluso profesores, non sabían do caso. E algúns que sabían do tema dicían que non sabía onde me metía”, comenta. Ana Pedrouzo asegura que non tivo ningún problema, pero si que percibiu que na zona as persoas “querían gardar distancia” co tema. 

Os alumnos non só realizaron traballos de investigación, un programa de radio e un vídeo explicativo, senón que ademais celebraron un acto no colexio, onde instalaron unha placa conmemorativa. Os medios fixéronse ecos do proxecto, mais Ana Pedrouzo sorprendeuse que fosen medios máis grandes e non os locais. A mestra en prácticas quería facer ver como o patrimonio, inmaterial neste caso, é algo de todos e que son os cidadáns quen o elixen. Ademais, considera que polo xeral a educación patrimonial non está moi presente nos centros escolares. 

"A memoria histórica debería ampliarse a máis. É moi importante para entender de onde somos e cara onde imos"

 A lembranza de acontecementos como o de Oseira dependen non só da transmisión académica, senón tamén da cidadanía e dos medios. Miguel Cabo e Xosé Ramón Lago apuntan á importancia da transmisión da historia como fonte de aprendizaxe para entender o presente, pero tamén da memoria histórica. Con respecto a isto, Miguel Cabo conclúe: “Sempre falamos da memoria histórica asociada á Guerra Civil, porque foi unha época moi terxiversada pola ditadura e que houbo un esforzo voluntario por distorsionar. Pero a memoria histórica debería ampliarse a máis. É moi importante para entender de onde somos e cara onde imos. E moita xente segue conservando esa idea de desprezar a cultura rural. O de Oseira pode ser a porta de entrada para que a xente se interese pola épica cotiá da existencia do campesiñado”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta