Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/09/2025 | Actualizada ás 12:16
A campaña de escavación arqueolóxica na fortaleza das Torres, en Tomiño, apunta a posibilidade de que foi un fortín estratéxico para conter unha invasión portuguesa no marco da Guerra da Restauraçao. Esta intervención, no marco do proxecto Fortalezas da Fronteira, que conta cun campo de traballo arqueolóxico de mozos impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, está a permitir coñecer novos detalles sobre este encalve defensivo do século XVII.
Así, a arqueóloga e historiadora Rebeca Branco-Rotea explicou que os primeiros traballos de limpeza e sondaxe permiten interpretar que o xacemento, inicialmente identificado como unha batería, puido ser en realidade un fortín construído en terra e con revestimento parcial en pedra.
Este sistema defensivo sería estratéxico para o control das rutas que unían A Guarda con Tui, e Tui con Baiona, e podería ter xogado un papel fundamental para conter unha posible invasión portuguesa cara a estas vilas. O acceso á fortificación consérvase de maneira clara, con restos dun parapeto defensivo, sobre o que se levantaría orixinariamente unha empalizada de madeira. Esta estrutura impedía a visibilidade do interior e servía de protección, xunto a ela documentouse unha plataforma de acceso que conducía ao interior do recinto.
Un dos elementos máis destacados é un sistema defensivo composto por dous fosos e unha contramuralla. Os investigadores consideran que estes dous fosos aproveitaban as antigas trincheiras de explotación mineira de ouro da época romana, adaptadas ás necesidades defensivas da Guerra de Restauración portuguesa do século XVII.
A análise preliminar tamén indica que se usaron materiais propios da contorna, como o granito local e cantos rodados procedentes do Miño. Estes elementos formarían parte do parapeto e dalgunhas zonas revestidas da fortificación. As escavacións continuarán nos próximos meses, co obxectivo de documentar con máis detalle as técnicas construtivas e a organización interna da fortaleza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.