Documentos, planos e imaxes para descubir os distintos itinerarios do Camiño nunha mostra na CdC

Román Rodríguez inaugura esta exposición no Gaiás para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2021 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

Galicia súmase este mércores á conmemoración do Día Internacional dos Arquivos coa exposición 'Camiños, Paisaxe e Patrimonio', unha mostra que se serve de documentación, planos, expedientes e imaxes custodiadas nas propias instalacións da Cidade da Cultura para ofrecer un percorrido polos itinerarios da Ruta Xacobea.

A iniciativa organízase en dez vitrinas, cada unha delas dedicada a unha ruta, nas que se expoñen todo tipo de textos e documentos relacionados destas grandes vías que vertebran o territorio. Todos os elementos que compoñen as mostras forman parte do Arquivo de Galicia, situado á súa vez no Gaiás.

Estas imaxes, planos e expedientes foron creados para identificar, protexer e promover a difusión destes bens que conforman a identidade do pobo galego e configuran o patrimonio cultural do territorio, e que se sitúan ao longo dos diferentes camiños que conflúen en Santiago de Compostela.

Os traballos de delimitación, recuperación e posta en valor dos diferentes elementos arquitectónicos, paisaxísticos e culturais requiren, á súa vez, dun labor de catalogación e ordenación de todo tipo de documentos e información, como a que esta almacenada nos diferentes arquivos municipais e autonómicos do territorio.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou este mesmo mércores o importante papel dos expertos nestes emprazamentos, en moitos casos oculto ou con falta de visibilidade, pero que resulta "fundamental" para a configuración dun relato histórico "veraz" e dun "coñecemento sólido".

Inauguración da mostra 'Camiños, Paixaxe e Patrimonio'  na Cidade da Cultura
Inauguración da mostra 'Camiños, Paixaxe e Patrimonio' na Cidade da Cultura | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta