Convocada unha nova manifestación contra a universidade privada de Abanca

A Plataforma en Defensa da Universidade Pública advirte dos problemas que este proxecto, aprobado só cos votos do PP, podería implicar para o ensino superior gratuíto.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Convocada unha nova mobilización para protestar contra o avance legal da nova universidade privada de Abanca. A Plataforma en Defensa da Universidade Pública chama a participar “masivamente” na protesta marcada para as 12:00 horas do vindeiro sábado 12 de xuño en Santiago de Compostela, mesmo escenario da desenvolta unhas xornadas atrás.

Protesta da Plataforma en Defensa da Universidade Pública en Santiago
Protesta da Plataforma en Defensa da Universidade Pública en Santiago

A mobilización partirá do parque da Alameda para demandar a paralización deste proxecto que, ata o momento, sae adiante tan só cos votos a favor do PP e que, a ollos da CIG --unha das entidade que conforma a plataforma-- vén “promovida” polo propio goberno da Xunta, á que acusan de pretender “implantar un modelo de ensino superior privado no noso país”.

“A CIG rexeita este intento do PP de privatizar a universidade convertendo as ensinanzas superiores nun suculento negocio para que entidades financeiras como a de Escotet se lucren co mercadeo das titulacións universitarias”, censuran. Neste aspecto cargan contra a Xunta por conceder esa “licenza universitaria” que “lle vai dar a posibilidade de enriquecerse e de segregar a parte do alumnado da universidade pública, nomeadamente a aquel que teña máis recursos ou o que, como no modelo estadounidense, se endebede de por vida”.

Dende a Confederación advirten tamén do “enorme problema” que isto provocará para o futuro da universidade pública, tanto para o seu financiamento, pola perda de alumnado e de investimento privado, como pola posible perda de titulacións. Por iso anima a “toda a sociedade” galega a mostrar o seu apoio á universidade pública e o rexeitamento á privatización acudindo á manifestación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta