Así se arruinan as marxes das estradas, refuxio tamén para flora e fauna

"Que as marxes das estradas se convirtan en zonas importantes para a conservación da biodiversidade cóntanos ata que punto destrozamos os hábitats naturais". Falamos con Germán Orizaola, investigador Ramón y Cajal que nos explica a importancia destas zonas aparentemente "pobres" que tampouco estamos a respectar. Tamén as posibles consecuencias.

Por Alicia Casas | Compostela | 26/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As marxes dunha estrada ocupan só un par de metros a cada lado do asfalto pero as estradas son liñas continuas de quilómetros e quilómetros que cruzan todas as zonas de todos os mapas. Esas marxes que ocupan escasos metros e percorren quilómetros e quilómetros son das poucas zonas nas que flores silvestres, polinizadores e pequenas aves aínda atopan condicións óptimas. E non é porque o chan presente unhas condicións especiais, é que están deixadas e sen uso. Non son parques, non son xardíns, non son praos agrícolas, non se asfaltan: son zonas relativamente salvaxes libres de pesticidas.

Biodiversidade nas marxes das estrada.
Biodiversidade nas marxes das estrada. | Fonte: Fonte: Plantlife.

No verán de 2014 acontencía nun condado inglés o que The Guardian deu en chamar a revolución silenciosa das flores silvestres nas marxes das estradas. Un inverno suave e unha primavera cálida e húmida daban paso a un crecemento "desmedido" da herba e non había cartos para segala. Os veciños queixábase mentres, calados, grandes tramos de estradas se transformaban: aumentaba a biodiversidade, medraban as flores silvestres e as mariposas e outros insectos regresaban en masa.

Precisamente, e hai non moito, unha investigación, con Thomas Vanneste como autor principal, realizada en Reino Unido e publicada en Journal of Applied Ecology, mostraba como as beiravías (e os sebeiros) podían albergar mesmo máis especies de plantas que os bosques e pastos correspondentes. A investigación suxería ademais ás administracións promover a súa "conservación" e xestionar as características locais para mellorar a calidade do hábitat.

"Os británicos lévannos moita vantaxe, porque son os que máis estudaron este tema, e efectivamente son áreas extraordinariamente ricas", di Germán Orizaola, investigador Ramón y Cajal da Universidade de Oviedo, experto en zooloxía que traballa no IMIB en Oviedo. "Calculan que máis da metade das plantas de todo o Reino Unido aparecen nas beiravías das estradas, e iso é moi similar na Península Ibérica e máis aquí no norte", engade. As orquídeas salvaxes, por exemplo, están na Península Ibérica directamente vencelladas a estas zonas.

Toda esa flora leva parella toda unha fauna, explica. Animais que están directamente ligados a esas plantas porque son dependentes deses ambientes: os polinizadores. Abellóns, abellas, escaravellos ou mariposas, que á súa vez serven de alimento para pequenas aves, que usan estas zonas para reproducirse. Desas aves, di Germán Orizaola: "sábese que son un dos grupos en maior declive agora mesmo en toda Europa porque as campías están a transformarse de maneira intensa e hai unha pérdida moi importante dese hábitat".

E di dos polinizadores: "sábese que a nivel mundial están nun declive moi importante, por exemplo no caso das mariposas, que precisan desa vexetación para alimentarse e manterse e se ti eliminas esa vexetación, eliminas tamén a posibilidade de que eses animais completen o ciclo biolóxico".

Pero moito molestan esas herbas altas que tanto se cortan e cando non teñen que cortarse. Porque o problema deses traballos, que son necesarios, é que se fan xusto no momento no que no teñen que facerse: "ademais está recollido na lexislación, que as administracións incumpren á lixeira, pero que impide facer esas segas nas épocas máis vulnerables para as especies, as épocas de primavera e principios de verano". O experto en zooloxía explica que é cando florecen as plantas, cando os insectos as usan e cando crían as aves, e "se fas estes traballos en primavera e verano pois estaste a cargar toda a flora e fauna asociada", zanxa.

Estas zonas, ademais, non son só importantes pola flora e fauna que albergan, senón que funcionan como corredores naturais para as especies."Son das poucas zonas de hábitat natural que ofrecen boa cobertura a moitas especies para que se poidan desprazar en larguísimas distancias", di Germán Orizaola. "Aínda que soe moi raro, porque non deixan de ser as marxes dunha estrada e ninguén mira para elas, son das poucas zonas que conectan hoxe en día os hábitats naturais". Porque as zonas "boas" en canto a biodiversidade se refire adoitan estar illadas por rúas ou vilas ou polígonos industriais.

O investigador experto en zooloxía concreta que o ideal sería que estas segas non se chegaran a producir pero que como "non é unha opción", hai outras dúas: "unha sería facer estes traballos en setembro, pasada a época sensíbel, e a outra sería facer unha en  febreiro/marzo e a segunda en setembro/ outubro". Non é só cando ten que facerse senón tamén cando a lexislación di que ten que facerse e sobre porqué non se fai, di: "eu creo que é deixadez ou costume, hai xente que di que é xustamente cando máis medra a vexetación pero unha vez máis os ingleses teñen densenvolvido uns protocolos que nos din cando se teñen que facer estes traballos".

"Se cadra é unha percepción miña demasiado persoal, pero teño a sensación de que estas segas cada vez se fan peor. Cada vez a maquinaría é mellor e con máis capacidade, e cada vez estraga máis estos ambientes en lugar de conservalos. E cando pasas por unha zona recén segada non é que se cortara un pouco a vexetación, é que arruinaron a maioría de árbores." 

Germán Orizaola conta que esta mesma situación acontece noutros espazos como parques, rotondas ou pequenas zonas de herba entre os edificios. "Que son zonas que se deixaramos de cortar tanto terían unha biodiversidade de flora e fauna moi alta". Que é algo que se está a facer fóra de España máis que en España, di. Aquí non hai apenas exemplos pero, segundo comenta, "na cidade de Santander teñen xa un protocolo para non segar as súas zonas verdes e o cambio, o aumento de biodiversidade, é fabuloso". E que aínda que se está a ver en Cantabria noutros lugares tamén se viu coa pandemia porque "ao non haber traballos de sega a vexetación puido florecer e a fauna asociada medrar".

Animais que normalmente estarían nos pastos grazas á vexetación que podería medrar, agora a causa de tratamentos agresivos de pesticidas e similares, están nas marxes das estradas e pequenos refuxios de hábitats. De perderse, di Germán Orizaola, para empezar estariamos a perder toda a biodiversidade que se refuxia neles (algunhas especies mesmo quedaron reducidas a vivir aí). E estariamos a perder a posibilidade de contacto entre as zonas, a súa función de corredores naturais: "as poboacións naturais da especie cada vez estarían máis illadas e fragmentadas, e iso sabemos que sería moi negativo para a súa conservación, porque pequenas poboacións fragmentadas non serían capaces de recuperarses fronte a calquera suceso medianamente adverso que puideran ter".

O investigador experto en zooloxía analiza: "son zonas que moitas veces se consideran, digamos, marxinais. Zonas aparentemente pobres que nunca pensariamos que se convertirían en importantes. O que nos conta isto é ata que punto estragamos os hábitats naturais que agora mesmo as marxes dunha estrada se convirten en zonas importantes para a conservación da biodiversidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta