Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2021 | Actualizada ás 09:00
A asociación PETRA Maternidades Feministas vén de presentar un recurso potestativo de reposición contra a resolución da Secretaría Xeral de Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral. Estas poderán solicitarse por parte dos traballadores que se acollen á redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade. Se ben a asociación considera estas axudas "acertadas", critica que "tal e como están formuladas ata agora, resultan discriminatorias por bonificar exclusivamente os homes".
Por este motivo, xa comunicaran o pasado 14 de xullo, e mediante escrito ao Parlamento de Galicia, o seu desacordo coas bases de ditas axudas e a súa petición para modificalas e chegar, así, "a todas as persoas traballadoras con crianzas" de Galicia. "Resultarían igual de discriminatorias incluso no caso no que homes e mulleres se atoparan en iguais situacións laborais e salariais, pero sabemos que as mulleres soportan peores condicións de traballo, máis temporalidade e máis contratación a tempo parcial", proseguen no comunicado. Detectan "enormes necesidades das mulleres nais" e indican que "non podemos permitir que queden excluídas das axudas públicas á conciliación".
Deste xeito, explican que "como asociación que representa os intereses das nais, asumimos a nosa obriga de denunciar situacións de discriminación nas que aparentemente se implementa unha acción positiva, e porén na súa proxección incrementan a discriminación que pretenden solucionar". Tras 15 anos implementando esta medida por parte da Xunta de Galicia, PETRA Maternidades Feministas considera que "é o momento de revisar as condicións en que as administracións incentivan a corresponsabilidade e a conciliación". Polo de agora, indican, son medidas "parche" que resultan "insuficientes". "Precisamos un modelo integral de coidados e crianza", sentenzan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.