Denuncian a instalación de máis de 70 eólicos entre a Serra do Larouco ata o Parque do Xurés

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova indica que habería catro polígonos de explotación eólica entre os concellos de Cualedro, Baltar, Calvos e o portugués Montealegre.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova denuncia que unha liña de máis de 70 aeroxeneradores -un cada 380 metros- cubrirá os cumios da Serra do Larouco ata o Alto do Candal, no Parque Natural do Xurés. "Unha pantalla visual con severas afeccións para a avifauna pechará o sur de Galicia cunha liña de muiños, con 4 polígonos de explotación industrial eólica entre os concellos de Cualedro, Baltar, Calvos e o portugués Montealegre", indica a plataforma nun comunicado.

As 9 máquinas do polígono de Cabeço Alto, que bordea o Parque Natural do Xurés, desde a estrada de saída de Calvos cara o Couto Mixto - cedida
As 9 máquinas do polígono de Cabeço Alto, que bordea o Parque Natural do Xurés, desde a estrada de saída de Calvos cara o Couto Mixto - cedida

A reactivación dos proxctos Tramontana e Mistral no concello de Baltar, con 15 aeroxeneradores en conxunto e separados por menos dun quilómetros darán continuidade á liña do megaparque que Iberdrola implementou sobre o Larouce, en Cualedro, onde xa hai 49 aeroxeneradores. Mentres, na parte oeste, o desenvolvemento da explotación de Mistral enlazaría co polígono portugués do Cabeço Alto. Este polígono linda co Parque Natural do Xurés.

De concretarse os plans empresariais, a liña entre Lucenza, ao pé do Larouco, e o Alto do Candal, uns vinte quilómetros ao suroeste, tería 73 aeroxeneradores. "Mais destes proxectos de Tramontana e Mistral apenas hai máis información púbica que o mapa da Rede Galega Stop Eólicos", recalca a plataforma. Ademais tamén indica que se foron enterando da información sobre o parque eólico a través das redes sociais de diferentes organizacións contra os proxectos e que "consultará con diferentes expertos para presentar as correspondentes alegacións  ao tempo que irá facilitando información sobre os impactos". O prazo para as alegacións remata o 16 de setembro e Stop Eólicos Xurés-Celanova confía en ter lista a resporta á empresa antes do 4 de setembro, canso se celebrará en Celanova a I Marcha en Defensa da Casa da Neve. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta