A mocidade ante a problemática ambiental... non quere ou non pode ter un consumo responsable?

Un estudo levado a cabo pola asociación Amigas da Terra demostra o gran interese que teñen os universitarios por temas mediambientais, sobre os que están moi concienciados. Porén, non sempre se lles dan os recursos necesarios para levar a cabo un consumo máis responsable co medioambiente.

Por Carlota Álvarez | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Xente nova e leña verde todo é fume", adóitase dicir. Porén, este refrán non sempre é de todo certo se se fai referencia a temas medioambientais. Os mozos e mozas demostran o seu compromiso co ecoloxismo máis alá das palabras, pero os seus medios non sempre son os suficientes para alcanzar os seus obxectivos. 

Arquivo - Unha muller reciclando un residuo de envase de vidro no colector verde. ECOVIDRIO - Arquivo
Arquivo - Unha muller reciclando un residuo de envase de vidro no colector verde. ECOVIDRIO - Arquivo

A figura de Greta Thunberg ou o movemento Fridays for Future, creado no 2018 por estudantes que se manifestaba contra o cambio climático son exemplos de como o mediambiente e o porvir do noso planeta preocupa á xente máis nova. 

Así o demostra un recente estudo elaborado pola asociación ecoloxista Amigos da Terra, que recolleron datos entre máis de 1000 persoas das 3 universidades galegas, nos Campus de Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo, sendo o 77% dos enquisados alumnos e alumnas. O estudo, levado a cabo entre febreiro e xullo do 2021, céntrase nos hábitos de consumo dentro da comunidade universitaria e das propias facultades.

Destacan os bos resultados con respecto á concienciación sobre diferentes hábitos de consumo responsable, e en específico sobre o residuo cero, mais tamén se demostra unha carencia por parte das universidades á hora de ofrecer alternativas que axuden a que isto sexa posible. A falta de colectores que permitan a reciclaxe ou que non haxa a posibilidade de levar un vaso de café propio, no lugar dun de usar e tirar, son algunas das eivas nas que coinciden os enquisados.

O PAPEL DAS ADMINISTRACIÓNS

“As Universidades teñen ese compoñente de innovación, polo que deberían ser pioneiras en canto aos hábitos responsables co medio ambiente”, afirma Patricia Iglesias, responsable de participación de Amigas da Terra. Tanto ela como a súa compañeira María Durán coinciden na importancia de que as administracións actúen e satisfagan as demandas cidadáns.

Cando levaron a cabo o traballo de campo do estudo sobre residuo cero, sorprendéronse do papel activo e da involucración de moitas e moitos estudantes. “Pero as universidades deberían ser máis proactivas”, critica Durán. Neste sentido, comentan que en moitas ocasión as diferentes iniciativas en canto a un comportamento responsable co medio ambiente dentro deste ámbito proveñen do alumnado.

Aínda así, tamén observan que cando as Universidades ofrecen alternativas, non sempre dan a visibilidade necesaria ou non saben como achegar esa información á súa comunidade estudiantil. Relacionado con isto, Iglesias e Durán analizan como, ao distribuír as enquisas do estudo, foi máis efectivo cando se fixo entre o propio estudantado que dende a propia administración da Universidade.

Héctor Santórum é estudante universitario, e dende a súa posición considera que se houbese máis facilidades, tanto dentro como fóra das facultades, se fomentarían máis os hábitos entre a xente que está concienciada. É membro do movemento Fridays For Future, XRGaliza e Movemento Galego polo Clima. Isto supón un exemplo da implicación xuvenil, máis alá dos estereotipos que poidan relacionar á xente nova coa irresponsabilidade, o que Santórum considera "minoritario". "En xeral tense moito respecto pola dedicación que poñemos no traballo", comenta. 

UNHA COMPRA RESPONSABLE

Máis alá do ámbito dunha facultade, os estudantes tamén reflicten o seu compromiso ecoloxista na súa compra diaria. O desexo de reducir os residuos contraponse ás posibilidades e facilidades que se ofrecen. A isto súmanselle os recursos económicos da xente nova, que moitas veces non se poden permitir algún gastos. Por outro bando, Santórum recorda como o consumo da xente nova tamén está ligado ao da unidade familiar, non só no que se refire á alimentación, se non tamén noutros produtos como a vestimenta. "Fóra da unidade familiar os problemas que ten a xente nova son principalmente o descoñecemento de alternativas ou a falta de tempo para avaliar en profundidade e realizar cambio sobre o consumo"

Con todo, Durán e Iglesias insisten en que os elevados prezos de ter unha vida responsable co medio ambiente son estereotipos que cómpre desbotar: “Co tempo ves que a inversión que fixeches nun principio é a opción máis económica. O residuo cero axuda ao peto”, comenta Durán. "Nalgúns caso implica máis diñeiro, por exemplo se queres consumir unha hamburguesa vegana, mercala sae caro, pero se a fas na casa é moi barata, pero require tempo", exemplifica Santórum. 

Cando se fala de consumo responsable, unha das principais opcións é o comercio local. “A industria fixo un traballo mezquino, promoveu que nos alonxaramos dos nosos centros de compra e fomentou o individualismo”, explica Iglesias. A ecoloxista critica os cambios que se fixeron máis habituais durante a pandemia, como a compra por Internet, que se populariza cada vez máis, opoñéndose así ao comercio local. 

Por outra banda, tamén están en auxe os productos calificados como “bio”, que máis alá dos seus beneficios, son un falso espello do que se consome. “O verdadeiramente bio é o local e de proximidade”, argumenta Iglesias, quen explica como estes productos, moitas veces ensalzados por influencers, non sempre son a mellor alternativa se o que fan é incitar a un maior consumo.

A visibilización do ecoloxismo nas redes sociais é unha maneira máis de acercar aos cidadáns modos de vida alternativos que sexan máis respetuosos. Aínda así, tanto Iglesias como Durán destacan o rural galego: “Os verdadeiros influencers deberían ser os nosos avós, que tiveron unha vida gastando o menos posible e reciclando todo. Nas aldeas todo se aproveita, e é un estilo de vida diferente”.

A IMPORTANCIA DA EDUCACIÓN

A educación ambiental non é só reciclar, que é o que che ensinan na escola, é moito máis”. Máis alá de saber en que colector se debe depositar o lixo, é necesario coñecer como producir menos residuos e crear unha conciencia medio ambiental, como explica Iglesias. Coñecer as froitas de temporada ou a procedencia dos produtos resulta fundamental cando se fala de producir menos residuos. Santórum coincide nisto: "falta coñecer máis a fondo cousas básicas como de que xeito comportarse no medio para non causar prexuízos. Temos que coñcer causas, consecuencias, as interaccións e solucións para que a xente comrpenda a súa conexión coa natureza". 

A educación é fundamental á hora de establecer uns hábitos que seguir tamén cando es adulto. “Está demostrado que a xente quere facer cousas, pero faltan ferramentas e información”, critica Iglesias.

Dende a asociación traballan a prol do medio ambiente, pero consideran que é importante unha maior implicación das administración para botar abaixo estereotipos e facilitar diferentes comportamentos que sexan responsables co medio que nos rodea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cicais deberan preguntarlles cantas veces cambiaron de smartphone na súa vida ? Supoño ca Ministra de Medioambiente será das que ten o récord en mercar tablets e demáis aparellos para calcular mellor o coste que supón a súa "descarbonización unilateral" ? O único que non se toca son ás Empresas do Plástico ! http://gamela00.blogspot.com/2020/0...