UU.AA. critica a prohibición da caza do lobo: "Temos en Galicia o dobre dos que hai en Francia"

Roberto García advirte de que estes animais "cada vez baixan máis ás casas" e anima aos gandeiros a usar os seus servizos xurídicos para que a Xunta pague polos danos, tras anunciar que non o fará.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2021 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, animou este luns a todos os gandeiros a que utilicen os servizos xurídicos do sindicato para denunciar os ataques do lobo.

García manifestou que a prohibición da caza "é unha medida totalmente desproporcionada, porque non existe risco de desaparición do lobo en Galicia". "Temos en Galicia o dobre de lobos que toda Francia", destacou. Seguidamente denunciou que "se toman unhas medidas para prexudicar a gandaría extensiva no catro comunidades que teñen o 97 por cento da poboación do lobo en España".

Este dirixente agrario acusou ao Goberno central de "crear un problema artificial". "Déixanos indefensos e non na caza do lobo que en Galicia nunca foi un deporte e nunca tivo demanda, senón que é unha ferramenta que se emprega cando unha manda presiona de forma moi persistente nunha zona, como é neste momento Viveiro", subliñou.

"Así quedamos sen ferramentas para desprazalos a outros lugares", afeou. "A Xunta agravou o problema, nesa batalla entre administracións nós xa pedimos a dimisión da vicepresidenta de Transición Ecolóxica Teresa Ribeira, e a Consellería decreta que non vai pagar polos danos", manifestou.

"Iso non ten base legal", desafiou, para apelar a que teñen "centos de sentenzas doutras zonas do Estado onde os tribunais declaran que a responsabilidade patrimonial é da Xunta de Galicia, por iso é polo que tomamos a decisión de pór todos os avogados (de UU.AA.) ao servizo daqueles gandeiros que teñan problemas co lobo, porque reclamaremos á Xunta".

"As sentenzas obrigarán á Xunta a pagar os danos, si os pagaba antes cando non estaba protexido ao cento por cento, imaxinemos agora que é o Estado o que decide que non se pode cazar lobos", augurou.

MÁIS PERIGOS

As zonas que presentan máis perigos, debullou o secretario xeral de Unións Agrarias, son "A Mariña de Lugo, Ortigueira, a comarca do Deza e a montaña de Ourense". Tanto é así, que nalgún punto, en concreto citou o caso de Guitiriz onde unha veciña "denunciaba que o lobo lle matou ao can no patio da súa casa". Este exemplo serviulle para advertir de que os lobos "cada vez baixan máis ás casas".

Distribución aproximada do lobo en España (2017). EPDATA
Distribución aproximada do lobo en España (2017). EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta