A carne de boi, un exemplo de economía circular en Allariz

Estanse a celebrar as 'X Xornadas de Carne de Boi de Allariz', un evento que pon en valor este exquisito produto local nun contexto de produción sustentable e comercio de proximidade. Falamos con Xosé Manuel Romero, distribuidor.

Por X.M. Fernández | Allariz | 05/10/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Alá polo ano 2011 nacía en Allariz un proxecto de cría e comercialización de carne de boi autóctono. O obxectivo era facer explotacións produtivas, previr os incendios e apoiar á hostalería ofrecendo un produto de calidade. Este plan de dinamización rural ten como orixe os montes comunais de Penamá incentivando dende o concello o cebado para cría de bois na explotación O Rego do Coedo.

Bois de Allariz. Foto: X. M. Romero de Briugu Allariz
Bois de Allariz. Foto: X. M. Romero de Briugu Allariz

Deste xeito, a carne de Boi de Allariz, fundamentalmente raza limiá, é un exemplo claro de economía circular, pois trátase dun produto de proximidade que pon en valor o medio rural e despois comercialízase na contorna aproveitándose todo o animal.

Falamos con Xosé Manuel Romero, distribuidor de carne de Boi de Allariz a través do seu proxecto Briugu Allariz.

Cal é o teu primeiro contacto cos bois?

Hai dez anos. Daquela colaboraba cun produtor como asesor no tema de vendas e distribución.

Reparto de carne de boi no Mercado da Biosfera. Foto: X.M. Romero
Reparto de carne de boi no Mercado da Biosfera. Foto: X.M. Romero

Coñecías xa, entendo, o proxecto do Concello de Allariz?

Si. Foi neses anos cando empezaron a promover que a Comunidade de Montes de Penamá non se quedara na venda de tenreiros, se non que os cebara e criara para ter bois. E así, despois, comercializar a súa carne na contorna, como proxecto de economía circular.

E cando te pos pola túa conta como distribuidor?

Hai uns dous anos, cando creo Briugu Allariz, empresa que se encarga de distribuír a carne de boi xa preparada.

Como chega, logo, o boi dende os montes de Penamá ata os pratos?

O cebado e cría faise neses montes. A continuación os bois son sacrificados no matadoiro do Carballiño e de aquí chegan a Cárnicas JR Requeno en Ourense, que se encarga de facer o despece dos animais, o traballo de manexo da carne. A partir de aquí xa me encargo eu de que chegue a carne ao Mercado da Biosfera de Allariz e á hostalería da vila.

O que se cría en Allariz non sae de Allariz. Esa é a idea?

A intención do proxecto de economía circular é o aproveitamento total na contorna. Pensa que os animais nacen e críanse en Allariz e despois chegan aos pratos sen ter percorrido máis de 10 quilómetros. Quen queira comer carne de boi que veña comela aquí.

"Os animais nacen e críanse en Allariz e despois chegan aos pratos sen ter percorrido máis de 10 quilómetros"

As Xornadas do Boi de Allariz, un excelente evento para promover e darlle saída a esta carne?

En Allariz pódese pedir boi de xuño a decembro. Ata antes da Semana Santa baixa o consumo tamén porque os animais están en cebo e resulta máis complicado que haxa oferta. Pero as dúas semanas das xornadas é cando máis saída ten, por suposto. Se quitamos a pandemia, onde se freou o consumo, pasamos, por exemplo, de matar 3 bois para as xornadas na primeira edición a matar 6 para as deste ano.

Do boi, coma do porto, aprovéitase todo?

Todas as pezas de carne do boi (chuletón, picaña, solombo, croca, xarrete, etc) aprovéitanse estas dúas semanas para os menús e as tapas das xornadas que cociñan profesionais da hostalería local alaricana que lle dá valor ao produto coa súa alta cociña, con preparacións novidosas…

Unha cousa, notas nestes anos máis consumo local, tamén entre a xente máis nova, e nos pequenos/as da casa?

A verdade é que si. En hamburguesas ten moita saída entre os pequenos e pequenas.

É viable aumentar as explotacións para cría de bois?

Allariz ten actualmente 3 produtores que crían, ademais doutros animais, uns 15 bois ao ano, e con este volume abastécese o comercio local. Os animais teñen que chegar aos catro anos e o custe é elevado. Por agora o enfoque do proxecto é o comercio de proximidade.

"Allariz ten actualmente 3 produtores que crían, ademais doutros animais, uns 15 bois ao ano, e con este volume abastécese o comercio local"

Para rematar, que forma de cociñado prefires para o boi alaricano?

Carne á pedra dunha picaña, cadeira, babilla ou tamén o chuletón.

A información completa das X Xornadas Carne de Boi de Allariz, na web do concello.

Boi de Allariz. Foto: Xosé Manuel Romero de Briugu Allariz
Boi de Allariz. Foto: Xosé Manuel Romero de Briugu Allariz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta