Cambio climático e inacción, en cinco actos...

Mirando ao mar. O primeiro acto é relativo ao pasado... E que xa vai un tempo desde que a comunidade internacional terminou de encaixar no que desde a ciencia levábase tempo insistindo: a actividade humana é responsable da mudanza do clima e as poboacións máis vulnerables van ser as que máis sintan as súas consecuencias, sendo urxente un novo paradigma, con amplas miras e unha visión a moito maior prazo do que consideramos nunca ata o de agora.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 05/11/2021

Comparte esta noticia
O segundo acto desenvólvese no presente, nestes días. E localízase en Glasgow, cidade na que se celebra ata o próximo 12 de novembro a COP-26, reunión de alto nivel, organizada por Nacións Unidas, para revisar o estado da cuestión e tratar de avanzar en ideas, políticas e feitos relacionados con este eido. De aquí sairán proclamas, promesas e moitas fotos... E pouco máis, porque os que se retratan son os mesmos que non estiveron a altura ata o de agora, traizoando os seus propios compromisos nun longo percorrido que vén de tempo atrás. Non sempre as mesmas persoas, pero si os partidos políticos e as correntes ideolóxicas que os sustentan. Xentes que se xuntan, falan e... deixan o tempo correr mentres non hai nin acordos, nin perspectiva de acadalos.
 
O terceiro acto é máis complexo, porque trata de afondar nas causas de que isto sexa así, propoñendo como primeira a existencia de dous tipos de visións a curto prazo que, neste tema concreto, concaténanse. Unha delas, coñecida por todos, é a propia das cousas da política democrática, na que o que vai máis alá de dous o tres anos dificilmente concita o interese dos actores en liza, case sempre cun trepidante ritmo electoral que marca os seus tempos, axendas e inquedanzas. Para ser de outra forma, hai que traelo de casa, e estar nunha posición tal que che deixen facer, e iso non é nin habitual nin sinxelo. Pero vaites que aquí intervén tamén o segundo chanzo da visión a curto prazo, non menos evidente. Para min este é o que ten que ver coa propia percepción do importante para cada un de nós, tendo unha existencia tan limitada no tempo. Algúns cren -ou cremos- nisto, sabendo que serán de varias xeracións máis adiante as e os que recollan os posibles froitos de tal traballo. Outros, directamente, non se implican no que vaia acontecer moito máis aló do seu pasamento. 
 
O cuarto acto segue coas causas, abundando nas responsabilidades da actual situación de parálise. Porque aínda que todos miremos aos responsables políticos, aos que o propio secretario xeral de Nacións Unidas lles espetou nesta ocasión que non podemos seguir convertendo a Natureza nun váter (sic), eles non son máis que o reflexo da sociedade que os elixe. Un grupo humano que, asolagado nas súas propias teimas, pasa moitas veces “de puntillas” por estas cuestións globais e de verdade importantes. A loita contra o cambio climático non está na axenda cidadá e, por tanto, é difícil que o estea nas propostas dos seus dirixentes, ou nos cantos de sirena dos mesmos para continuar na súa burbulla de poder. E máis porque, con moita frecuencia, non coñecen nada desta materia e, ademais, moitas veces teñen a percepción de que unha excesiva incidencia en temas así, dolorosos polo que van supoñer en termos de restricións, van restarlles popularidade e poden supoñer unha desfeita para os seus intereses.
 
E o quinto acto, finalmente, fala de contradicións. Porque os mesmos que virán agora a dicirnos que viron a luz en Glasgow, como xa pasou coa anterior convocatoria en Madrid, insistirán dúas roldas de prensa despois na necesidade de moito máis turismo -incluído o dos enormes cruceiros tan contaminantes- ou seguirán baseando a súa equivocada receita económica en crecemento, crecemento e máis crecemento, o cal é tan falaz como moitos outros postulados do considerado ben pensante hoxe. A loita contra o cambio climático, nos poñamos como nos poñamos, ten unha derivada que implica directamente certo decrecemento, certa volta a esquemas menos aglutinadores da riqueza e que espallen máis as accións e as oportunidades, e unha moita maior eficiencia en multitude de procesos, para o que a tecnoloxía é unha aliada indispensable. Se non é así, podemos seguir falando do que queiramos, pero o incremento da temperatura media do globo non só será de 1.5 ou 2 graos, senón francamente maior. E as súas consecuencias de todo tipo, incluída a suba do nivel do mar -que xa leva uns 13 cm en 30 anos, e que cada vez é máis rápida-, ou a proliferación de fenómenos climatolóxicos adversos máis violentos ou unha importante muda nos ecosistemas, serán importantes e xeneralizadas. 
 
Así as cousas, téñenme aquí, mirando ao mar, mentres trituro restos de poda, para non queimalos producindo CO2 e estragando o importante labor de fixación do carbono dos vexetais. E pensando no ben que nos viría unha especie de instancia mundial de goberno, con mando en praza, para os temas verdadeiramente importantes, sexan virus, cuestións do clima ou cousas da complicada xeoloxía do noso planeta. E si, xa sei que isto ten outros problemas, e que afasta a acción de goberno e que pode devir en malas cousas xa retratadas nos libros. Pero, se non que facemos? Imos seguir finxindo que hai un bo plan, para que cada un logo tire polo seu e, a casa sen varrer, todo siga igual? Porque para iso é mellor dicir aquelo tan ferinte e sincero de “Sálvese quen poida!” e non facer nada. Polo menos saberiamos o que hai. Porque o de hoxe, non mo negarán, ten moito de humor negro e pouco de estratexia ben levada...
jl_quintela_j@telefonica.net

Cambio climático
Cambio climático | Fonte: WWF España
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.