CCOO convoca folga no Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS en decembro "ante o caos organizativo"

CCOO asegura que "existe un conflito polo tratamento persoal e profesional" entre o xefe de servizo e a maioría dos facultativos, que "foi aumentando en número de traballadores afectados".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2021 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras convocou folga do persoal facultativo especialista do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para decembro ante a "incapacidade" e "pasividade" da xerencia para solucionar os problemas que o sindicato denuncia desde xuño.

Segundo informou a Federación de Sanidade de Comisións Obreiras, este paro comezará o día 1 de decembro e terá continuidade os días 10, 13, 21 e 29 do mesmo mes.

CCOO asegura que "existe un conflito polo tratamento persoal e profesional" entre o xefe de servizo e a maioría dos facultativos, que "foi aumentando en número de traballadores afectados", así como, engade, "na intensidade das faltas de respecto, humillacións e menosprezo".

Para Comisións Obreiras "a actitude da Xerencia é de complicidade" dos "graves feitos denunciados", agrega, porque os "coñece desde hai meses e ten competencia para dar unha solución". "Polo momento a resposta é lavar as mans e mirar para outro lado", reprocha este sindicato.

"Se a Xerencia prefire antepor os intereses individuais dunha persoa aos de todo o colectivo, a única saída que queda ao persoal é ir á folga", explicou.

Así mesmo, critica que "a organización imposta polo xefe de servizo" provoca un "caos organizativo" con "cargas de traballo moi desiguais para os distintos profesionais", matiza CCOO, tanto en canto ás axendas como as intervencións cirúrxicas.

"CALIDADE GARANTIDA"

Sobre as críticas de Comisións Obreiras, fontes da Xerencia sanitaria compostelá aclararon que "a calidade da atención sanitaria aos pacientes está garantida".

As mesmas fontes sanitarias puntualizaron que, debido ás diferenzas internas rexistradas no servizo e despois de diversas reunións "elevouse a inspección".

Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo
Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta