Relacionan as autoestradas coa dispersión da vespa velutina

Unha investigación realizada en Portugal detalla como esta vespa invasora de orixe asiática está a chegar máis rapidamente do que sería natural a áreas próximas a estas vías de circulación. O transporte de mercadorías podería ser a causa. As primeiras colonias da avespa asiática no sur de Galicia entraron por Portugal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/11/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Comprender os mecanismos que potencian a dispersión dunha especie invasora como a vespa velutina é fundamental para desenvolver accións de xestión adecuadas para minimizar os danos á biodiversidade e á sociedade. Con este propósito, investigadores de Portugal veñen de publicar os resultados dun estudo no que atoparon unha relación directa entre a dispersión da velutina e as autoestradas lusas.

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.

O estudo –liderado por Maria João Verdasca, investigadora da Faculdade de Ciencias da Universidade de Lisboa– tivo como obxectivo comprender a traxectoria de expansión da área de distribución da velutina e identificar o papel das variables climáticas, paisaxísticas e antropoxénicas (humanas) nos dous tipos de mecanismos de propagación que esta vespa está a usar para espallarse polo territorio portugués: a dispersión natural e a dispersión por saltos mediada pola actividade humana. Para isto, analizaron a información dispoñíbel sobre a ocorrencia de  vespa asiática en Portugal entre os anos 2013 e 2018.

A vespa velutina está a espallarse por dous mecanismos, a dispersión natural da especie e a dispersión por saltos mediada pola actividade humana

A difusión natural refírese ao mecanismo polo que a poboación de velutinas se vai  expandindo localmente e naturalmente a partir dunha localización inicial, mentres que a dispersión por saltos supón que as velutinas van establecendo novas colonias lonxe da zona de distribución continua e natural da especie, sen ocupar a área intermedia entre as lozalizacións iniciais e as novas.

No caso da dispersión a saltos, os investigadores saben que algúns exemplares poden ter unha capacidade de dispersión por enriba da media, conseguindo afastarse do niño onde naceron máis do que sería natural. Pero existe outra posibilidade, que é que sexan accidentalmente transportadas polo territorio cara a áreas afastadas pola acción do ser humano.

Avespa velutina
Avespa velutina | Fonte: Charles J. Sharp.

“POSTOS AVANZADOS” AO CARÓN DE  AUTOESTRADAS

Ao analizar a dispersión da  vespa asiática no territorio portugués, os investigadores  observaron que existen colonias que se atopan moi afastadas da zona de distribución continua da especie. Estas colonias son coñecidas como ‘outposts’ (“postos avanzados”).

A metade dos postos avanzados da especie están nos primeiros seis quilómetros arredor das autoestradas e se se amplía a 12 quilómetros, a porcentaxe aumenta ao 75%

E cando buscaron que podería estar a influenciar a aparición deses ‘outposts’ de  vespa asiática, observaron que hai unha relación directa coas autoestradas do país, mais non coas estradas convencionais. É dicir, a dispersión da velutina correlaciónase mediante eses ‘postos avanzados’ correlaciónase coas  vías rápidas e de alta capacidade. Pero, como?

Os investigadores atoparon que a metade dos postos avanzados da especie encóntranse nos primeiros seis quilómetros arredor das autoestradas. E ao ampliar esa franxa a 12 quilómetros, a porcentaxe aumentou ao 75% do total de ‘outposts’ analizados polos científicos.

Isto tería unha explicación: os medios de transporte humanos. A hipótese que manexan estes investigadores é que existe unha relación entre a aparición deses ‘postos avanzados’ da velutina co transporte terrestre de mercadorías, que se fai maioritariamentre por autoestradas. Ese transporte accidental podería ser a causa da aparición de focos de invasión en zonas onde as vespas por si soas non chegarían tan rapidamente, segundo estes científicos.

“O feito de que as autoestradas sexan preditores importantes de postos avanzados da vespa velutina é un indicio de que puideron ser o resultado da dispersión mediada por humanos”, expoñen estes investigadores.

“O establecemento de postos avanzados de vespa velutina está probablemente mediado pola circulación de vehículos e mercadorías”

Para defender esta hipótese, argúen que “o establecemento de postos avanzados de vespa velutina está probablemente mediado pola circulación de vehículos e mercadorías”, entre as que inclúen produtos de madeira e cortiza ou de xardinería. “Estes produtos proporcionan refuxios axeitados para a hibernación das raíñas de velutina inseminadas; de feito, esta foi a vía de incursión máis probable da vespa velutina en Europa, en macetas importadas da China costeira, preto de Shanghai”, apuntan. De feito, sábese que as vespas fecundadas, que van dar orixe a novos niños e colonias, hibernan durante o inverno, ás veces en buracos de árbores cuxa madeira pode ser transportada para pasar á cadea industrial e, con ela, esas vespas.

Con todo, tamén consideran “plausible” que algún exemplar en dispersión puidese “introducirse nun coche que despois percorre unha boa distancia e inicia un niño alí”.

Os científicos aclaran tamén que, aínda que se sabe que as velutinas poden voar longas distancias e xerar unha propagación semellante aos patróns resultantes da dispersión mediada por humanos, “o efecto global detectado das autoestradas, independentemente do grupo de distancia considerado, xunto coa tendencia decrecente da abundancia a medida que se vai afastando das autoestradas, son difíciles de explicar só a través da autodispersión” destes animais.

Estes achados, din, “corroboran un estudo previo realizado en Italia, onde se rexistraron un elevado número de observacións e capturas de vespa velutina en trampas de cebo preto de autoestradas, destacando que o tráfico de mercadorías pode contribuír ao transporte desta especie lonxe da fronte de invasión”.

Fronte a este problema, os investigadores portugueses cren necesario incluír os profesionais do transporte de mercadorías nas accións de sensibilización sobre a vespa asiática, aplicando medidas de bioseguridade, especialmente dirixidas para o transporte de madeiras e doutros produtos asociados ao comercio de xardinaxe, debido ao seu potencial para poderen acoller vespas fundadoras en hibernación.

Estes expertos consideran que a implementación de medidas de control nas compañías de transporte de mercadorías podería axudar a previr que a rede de autoestradas europeas se converta nunha ruta de entrada da vespa velutina noutras áreas. Así, propoñen o control de posibles puntos de entrada, tendo en conta que as introducións accidentais derivadas de actividades humanas están consideradas a principal causa de invasións biolóxicas.

A velutina chegou a Europa por Francia en 2004, polo transporte de mercadorías desde Asia

Como lembran estes científicos, foi precisamente nun cargamento de madeira como chegou a especie a Portugal, en 2011. E antes, en 2004, crese que foi introducida por primeira vez en Europa, concretamente en Francia, por produtos de xardinaxe, dando orixe ás invasións que se sucederon no continente desde entón. Neste primeiro caso, sábese que unha única femia fecundada por varios machos fora transportada accidentalmente desde a China até Francia: en 2004, un barco de mercadorías procedente do país asiático arribou no porto de Bordeos cargado de contedores con recipientes de cerámica para o cultivo de bonsáis, e neles, viaxaba unha reina velutina en  hibernación fecundada; a partir de aí, este insecto invasor espallouse por Europa; o primeiro niño achado en continente europeo deste insecto, foi localizado en 2005 a uns 100 quilómetros dese porto francés, en Lot-et-Garonne e logo, a especie colonizou toda Francia e expandiuse a outros países, detectándose colonias en Italia, Bélxica, Países Baixos, Suíza Alemaña, España e Reino Unido.

En definitiva, xa se sabía que esta especie pode chegar a novas localizacións de forma natural ou pola acción do ser humano. De maneira natural calcúlase que pode colonizar entre 50 e 100 quilómetros de terreo cada ano. Con todo, semella que o transporte humano determina que a expansión desta avespa agresiva sexa máis rápida, e mesmo poida chegar a localizarse en calquera punto do globo ao viaxar oculta en barcos e vehículos terrestres, principalmente camións para o transporte de mercadorías.

A VELUTINA AVANZA RAPIDAMENTE CARA AO SUR

A velutina entrou en Portugal en 2011, nun cargamento de madeiras importadas de Francia que chegou a Viana do Castelo, a tan só uns 20 quilómetros de Galicia, onde se detectou pouco despois. Desde entón, foi colonizando outras zonas do país luso, principalmente carao ao sur, até chegar á área de Lisboa.

“Desde a propagación inicial localizada no norte de Portugal (preto da costa), a dispersión automediada foise producindo máis rápido cara ao sur que cara ao leste”, explican os autores do estudo.

A velutina avanza máis rápido en Portugal de norte a sur (uns 45 quilómetros por ano) que cara ao leste (uns 20 quilómetros por ano)

O estudo dos científicos portugueses constata, polo tanto, unha expansión da área de distribución da velutina en Portugal máis rápida desde o norte cara o sur (arredor de 45 quilómetros por ano) que cara ao leste, o interior do país (uns 20 quilómetros por ano).

Iso explícase porque as zonas máis próximas á costa atlántica presentan condicións máis favorables para esta especie que as áreas máis interiores, segundo os científicos.

No estudo non atoparon diferenzas significativas na distancia do establecemento de novos niños entre as dúas direccións, Norte-Sur e Oeste-Leste; porén, si observaron unha “diferenza substancial no número de niños novos, xa qeue “os establecidos cara ao sur eran o dobre dos establecidos cara ao leste”, apuntan os investigadores, que resaltan “a importancia do clima para a taxa de expansión desta avespa”. “De feito”, engaden, “a área de expansión non está aumentando exponencialmente como se esperaría se a dispersión se producise por igual en todas as direccións”.

COMO CHEGOU A VELUTINA A GALICIA?

Polo leste, percorrendo a franxa cantábrica desde o País Vasco e Navarra, e polo sur, desde Portugal, a vespa velutina foi invadindo case toda Galicia desde que se fixo oficial o primeiro rexistro deste insecto invasor no noso país, en 2012. Dúas vías distintas e con diferentes características, xa que se polo norte chegou por expansión natural, desde o país veciño a colonización comezou polo transporte humano.

A comunidade científica sitúa en Francia, no ano 2004, o primeiro rexistro de velutina en Europa. Desde entón, o insecto invasor expandiuse polo territorio galo e cruzou a outros países. En 2010 chegou a España e en 2011, a Portugal. Un ano despois, rexistrábase o primeiro exemplar en Galicia e tamén en Liguria, Italia.

A poboación de velutinas introducida en 2011 na rexión portuguesa de Minho expandiuse rapidamente cara ao norte, adentrándose en Galicia

Un estudo científico realizado no Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) xa indicara en 2019 que a propagación da Vespa velutina nigrithorax desde Francia aos países da contorna aconteceu de dúas maneiras diferentes. Mentres que a avespa asiática penetrou en Italia e no norte de España (a través do País Vasco) por dispersión natural local, o proceso invasivo en Portugal comezou con raíñas fundadoras que ingresaron a través dun salto mediado por humanos (os informes apuntan ao transporte terrestre de madeira), como aconteceu tamén en Reino Unido.

Por esas vías, foi avanzando de leste a oeste desde País Vasco e Navarra, até alcanzar o norte galego, mentres que a poboación de fundadoras introducida en 2011 na rexión portuguesa de Minho expandiuse rapidamente cara ao norte, adentrándose en Galicia, e cara ao sur do país veciño. Actualmente, a velutina está distribuída ao longo da maior parte da costa atlántica ibérica, desde o Cantábrico até a Gran Lisboa.

Andreia de Oliveira Quaresma, autora do estudo, salienta que a expansión cara ao oeste desde o País Vasco introduciu unha nova diversidade en Galicia e, máis recentemente, en Portugal, como o revelan seis exemplares migrantes identificados no seu traballo. 

"Como en calquera evento de fundación, houbo unha severa perda de diversidade. Con todo, esta perda non foi suficiente para evitar unha colonización exitosa de grandes extensións dos territorios portugueses e galegos. A xeneralización da dieta e a preferencia dos sitios de anidación ampla, así como, as condicións climáticas similares ás atopadas no rango nativo, facilitaron o establecemento exitoso e rápido da avespa asiática", engade a investigadora do Instituto Politécnico de Bragança.

As análises xenéticas mostraron que as poboacións de avespa asiática en Europa se separan en dous grupos: un que contén as poboacións de Francia e Italia, e outra cos individuos portugueses. 

"A expansión da vespa asiática difire nos tres países. España e Italia mostran unha propagación natural da vespa, mentres que a poboación portuguesa mostrou unha dispersión mediada polo ser humano, xuntamente cunha expansión natural da especie invasora", esclarece a científica.

"Das tres poboacións estudadas, a española posúe a maior diversidade xenética", salienta Oliveira Quaresma, quen remarca a existencia de dúas introducións independentes en España: unha, que ocorreu en 2010, cando a avespa asiática se estendeu naturalmente polos vales do norte dos Pirineos, e a segunda introdución, en 2012, a través da expansión da poboación portuguesa.

"A agrupación e os patróns de diversidade (haplotipos e alelos compartidos), xunto coa baixa diversidade xenética observada na poboación portuguesa, suxiren a aparición dun efecto fundador en Portugal orixinado nunha poboación de orixe francesa", engádese no estudo.

A Galicia occidental e costeira é a máis castigada por esta infesta, sendo as provincias da Coruña e de Pontevedra as máis afectadas

Deste xeito, a colonización da velutina en Galicia produciuse pola mestura de poboacións distintas: a entrada natural polo leste e a invasión polo sur mediada pola acción humana, desde o norte de Portugal.

Outro traballo realizado por científicas do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, publicado tamén en 2019, motrou como a Galicia occidental e costeira é a máis castigada por esta infesta, sendo as provincias da Coruña e de Pontevedra as máis afectadas, aínda que a distribución da velutina avanza tamén cara as zonas interiores e "a ameaza socioeconómica está a aumentar". 

Os mapas presentados polas investigadoras evidencian a rápida expansión da velutina no territorio galego. Se en 2013 era apenas anecdótica a súa presenza, focalizada na zona da Mariña luguesa (vía de entrada polo leste) e escasa na zona sur da ría de Vigo (vía de entrada desde Portugal), un ano despois a súa presenza xa era significativa no norte da provincia de Lugo e no sur de Pontevedra, pero tamén comezaba a expandirese por outras comarcas próximas da Coruña e puntos do interior de Galicia.

En 2015, a velutina xa era unha praga en todo o norte galego e en toda a franxa costeira e sur da provincia pontevedresa. Un ano despois, os niños de avespa asiática xa ocupaban practicamente toda a provincia da Coruña, case toda Pontevedra e a especie expandíase cara as zonas interiores de Galicia.

E en 2017 pódese dicir que xa era un problema nacional, unha praga, con A Coruña, Pontevedra e norte de Lugo totalmente colonizados, e avanzando por Oursense e o interior lugués, sendo as terras ourensás máis orientais as únicas limpas desta infesta, o cal corroboraría a hipótese dos investigadores portugueses de que a velutina se aclimata mellor ás zonas costeiras que ás máis interiores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta