Recuperan o patrimonio oral galego-portugués con cancións achegadas por 17 colexios da fronteira

O Consello da Cultura Galega presentou esta mañá o proxecto 'Meniños Cantores 2', 16 anos despois da súa primeira edición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta mañá o proxecto 'Meniños Cantores 2', iniciativa que busca recuperar o patrimonio oral galego-portugués a través da achega de 17 colexios na fronteira entre Galicia e Portugal. Cada centro escolleu unha canción da súa zona e gravouna coa axuda de artistas "consagrados" no panorama tradicional lusófono. As 18 cancións finais quedaron rexistradas nun disco, un libro e unha serie documental de catro episodios.

'Meniños Cantores 2' é un proxecto de Ponche...nas ondas! (PNO!), coeditado co CCG, producido por Casa de Tolos e que conta co financiamento da TVG e o programa 'O teu Xacobeo' da Xunta de Galicia.

No acto estiveron presentes a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora adxunta á dirección xeral da CRTVG, Rosa Vilas; e o presidente de 'Ponche...nas Ondas!', Santiago Veloso, entre outros.

A primeira edición do proxecto lanzouse en 2005 e formou parte da candidatura ao Patrimonio oral e inmaterial galego-portugués para a Unesco. Esta segunda edición, 16 anos máis tarde, coincidiu co 25 aniversario da asociación PNO!, así como coa súa candidatura ao Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial e as axudas 'O teu Xacobeo'.

En palabras da comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, esta iniciativa era a "mellor forma de investimento" que podían ter xa que trata sobre o "patrimonio galego, é interxerenacional, contén aprendizaxe e é de alta calidade". De feito, 'Meniños Cantores 2' recibiu 20.000 euros por parte de 'O teu Xacobeo', a máxima dotación á que se podía acceder.

FOMENTAR O PATRIMONIO ORAL

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou o traballo do proxecto como forma de promoción da lingua "non só dos nenos senón tamén das familias" e como "un exemplo de boas praxes do galego fóra do ámbito escolar".

Seguindo esta liña, o presidente de PNO! indicou que o proxecto "non só recolle patrimonio oral", xa que tamén conta cun glosario onde se recolle o léxico propio de cada municipio, textos de autores galegos e portugueses como Rosa Aneiros e Marco Neves, e debuxos feitos polo propio alumnado.

Desde a dirección da CRTVG, Rosa Vilas explicou que se trata dun proxecto que "encaixa á perfección coa misión da TVG" e avanzou que a cadea pública vai emitir unha serie documental de catro episodios sobre o proxecto estas festas.

Vilas engadiu que 'Meniños Cantores 2' segue a liña doutros programas da TVG como 'Dígocho Eu' no que teñen unha sección comparando o galego e o portugués, como unha forma de achegar a lingua aos mozos.

Presentación de proxecto 'Meniños Cantores 2' no Consello da Cultura Galega.. XOÁN CRESPO
Presentación de proxecto 'Meniños Cantores 2' no Consello da Cultura Galega.. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta