Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/10/2024 | Actualizada ás 20:40
Roberto Figueira (cousasdemadeira.com) é un carpinteiro rianxeiro que leva a súa paixón pola talla en madeira un paso máis aló da ebanistaría habitual, creando figuras con todo luxo de detalles que provocan admiración e cobiza entre aqueles que as ven. Non se conforma coa elaboración de portas, ventás, escaleiras e todo tipo de mobles, senón que aposta por deixar voar a imaxinación naquel tempo que ten libre para crear. Este artesán combina técnicas e ferramentas tradicionais (como cepillos, serróns, serras, escoplos, formóns e gubias), con colas e resinas modernas nas unións, ao que se engaden os seus acabados a base de cera, goma-laca, aceite e vernices modernos e lasures. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, achegámonos á súa arte para coñecer de primeira man como crea as súas esculturas e para reflexionar sobre a saída que teñen estas pezas no mercado a día de hoxe, nun momento no que as grandes superficies como Ikea ou Jysk invaden cos seus mobles de liñas rectas as casas galegas.
O primeiro que nos deixa claro, durante unha feira de oficios tradicionais celebrada a pasada semana no concello de Rianxo, é que "a carpintaría agora mesmo ten moita saída, pero a talla en madeira, xa non tanta". Os mobles en madeira, aínda sendo máis caros que os realizados noutros materiais como o metal ou o plástico, si que seguen tendo os seus afeccionados, pero non así aquelas pezas decorativas talladas en madeira. E iso que, en verdade, labrar unha figura é un traballo que leva moitas horas, moita paciencia e moito agarimo, algo que debería ser moito máis apreciado do que é. "O tempo que empregas depende do tamaño e da complexidade que teña a figura", explica o artesán, que, como exemplo, pon o caso dunha 'morte' esculpida integramente a man, de mediano tamaño e con bastantes detalles, que "facilmente pode levar dous ou tres días rematar". Ademais, Roberto crea as súas obras por inspiración propia, pero conta que "tamén traballo sobre deseños por encargo ou cousas que vou vendo e que me gustan".
Leva máis de 20 anos esculpindo, pois para atopar os seus comezos no mundo da talla hai que remontarse aló ao ano 2000 ou 2021, e, aínda que "na carpintaría como tal, a tradicional, levo toda a vida, dende que tiña uns 13 ou 14 aniños", puido apreciar a evolución da arte de labrar a madeira. "A talla artesanal leva en decadencia xa anos, moitos anos, dende que comezaron os pantógrafos, practicamente", confesa. E que é un pantógrafo? Pois unha ferramenta que pode transferir as medidas exactas dun modelo a un bloque de madeira e, polo tanto, facer copias dunha mesma peza con moito menos traballo, como se se tratase dun replicador de esculturas. Esta composto por unha estrutura articulada, xeralmente de barras de metal, que permite o movementos en dúas dimensións e ten un mecanismo de seguimento nun extremo e unha ferramenta de corte, coma unha fresa ou un 'router', no outro extremo.
Pero non só os pantógrafos son os causantes da perda de interese pola talla artesanal en madeira, senón que tamén houbo "un cambio nas modas", na opinión de Roberto. "Agora xa ninguén quere mobles ornamentais, nin pasamáns tallados", asegura o artesán, que lamenta que, todas estas circunstancias sumadas, fixeron que este oficio "fose morrendo ou quedase practicamente residual", pois "xa só debemos quedar catro carpinteiros que tallamos". Algo do que Roberto se sente moi orgulloso, porque "de familia son carpinteiro, pero a min a talla sempre me interesou e fun un autodidacta". "Como había ferramentas no taller, funlle dando e aprendendo a base de proba e erro", conta ao Galicia Confidencial. Botando a vista atrás, diría que a súa obra máis especial, despois de facer moitas cousas ao levar tantos anos no oficio, foi "un encargo que me fixo moita graza: o frontal dun moble-bar que era estreitiño, pero moi longo, e ao que lle tallei lobos, gaiteiros, unha traineira, unha águia, un dragón, cabaleiros... Aquilo tiña de todo e encantárame facelo".
Sobre se a talla en madeira é complicada para alguén que está comezando, o artesán considera que "é coma todo: se ti tes unha idea do que queres facer, acábala sacando, mellor ou peor", de tal xeito que todo se trata de ter práctica e maña. "A experiencia o que che dá é poder rematar esa idea que tes en menor tempo", apunta. Pero, nun comezo, se de verdade tes interese, "léveche máis ou menos tempo, acabas rematando a escultura". Polo tanto, a falta de relevo xeracional para esta arte non se atopa na súa complicación precisamente, senón neses cambios de percepción social sobre as esculturas en madeira, que xa non son algo desexable para ter nas casas. Agora predominan os mobles con liñas rectas, a decoración minimalista e pouco ornamentada, moi introducida no noso país por grandes cadeas de Europa do norte como Ikea ou Jysk. Obviamente, o seu mobiliario é máis barato que a talla en madeira, pero mesmo para aqueles que poden permitirse pagar por mobles de deseño, "que ao final tamén consisten en liñas rectas e que custan grandes cantidades", tampouco apostan por mobles tallados. Así as cousas, a talla para Roberto quedou reducida "ás feiras e a encargos", pois, "para vivir, teño moito máis traballo como carpinteiro que como escultor".
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Esculturas talladas en madeira por Roberto Figueira | Fonte: GC¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O Consello da Cultura Galega creará un foro participativo tras unha reunión sobre lingua coa Xunta
- A Comisión de Cultura do Parlamento aproba o ditame de Lei de cultura inclusiva de Galicia
- A Xunta di que se compromete a fomentar o ensino do portugués en Galicia
- A Deputación da Coruña promove 'Arte no Camiño', un conxunto de murais artísticos no Camiño Inglés e Fisterra
- A Diocese Mondoñedo-Ferrol farase cargo da biblioteca da poeta Julia Uceda
- Volve o Culturgal con máis de 200 propostas entre o venres 29 de novembro e o 1 de decembro