Galicia editou un total de 2.213 títulos en 2019, o 40'4% en galego

Sitúase como a quinta comunidade autónoma con máis publicacións. Supón un 10,8 máis que o exercicio anterior.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 20/12/2021 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

A comunidade galega editou un total de 2.213 títulos no ano 2019. Este montante representa o 3,4 por cento da produción do Estado e rexistra, á súa vez, un incremento do 10,8 por cento respecto dos datos rexistrados no exercicio anterior.

Así se desprende dos datos da estatística da produción editorial de libros do ano 2019 publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), na que Galicia se situou como a quinta comunidade autónoma con máis publicacións ademais de Comunidades de Madrid, Cataluña, Andalucía e Comunitat Valenciana.

A maioría destes títulos editáronse nas provincias da Coruña e Pontevedra, en concreto uns 1.300 e 724, respectivamente, seguidas de Ourense con 96 e Lugo con 93.
Un total de 1.814 destas publicacións tratáronse de libros e 399 folletos. Por temas e categorías, unhas 1.060 correspondíanse con obras de literatura, historia ou crítica literaria, 299 de ciencias sociais, 265 de xeografía e historia e 232 sobre artes, entre outros, mentres que 329 tratáronse de publicacións oficiais e 321 de publicacións infantís e xuvenís.

MÁIS DO 40% EN GALEGO

Fronte ao 47,5 por cento dos editados en castelán, o 40,4 por cento dos títulos en Galicia editáronse en lingua galega, uns 1.048,que á súa vez representa o 1,6 por cento das obras e publicacións de todo o Estado.

Outros 130 títulos editáronse en galego e castelán, dentro das pezas impulsadas en dúas ou máis idiomas, un 0,3 por cento en catalán e un 3,8% noutras linguas.

Do total de títulos editados no idioma propio de Galicia, a práctica totalidade editouse nesta comunidade (o 85,2%), aínda que destaca o 9,4 por cento impulsado na Comunidade de Madrid e o 2,7% en Cataluña editado nesta lingua.

O 23,4 por cento destes libros foron publicacións infantís e xuvenís, o 18,4 por cento publicacións oficiais e o 8,7 por cento libros de texto.

DATOS ESTATAIS

Os datos estatais, pola súa banda, reflicten un total de 64.154 títulos durante o ano 2019, o que supuxo 1,4 por cada 1.000 habitantes. Deles, o 82,5% foron libros e os 17,5% folletos. O volume de títulos editados aumentou un 3,2% respecto de 2018. No caso dos libros, o tamaño máis habitual dos títulos situouse entre as 101 e as 200 páxinas (o 27,2% do total). Os títulos editados neste formato descenderon un 2,1% respecto de 2018.

Por detrás situáronse os de 49 a 100 páxinas (17,6%) e os títulos de 201 a 300 páxinas (o 17,4% do total). Pola súa banda, os volumes máis extensos (máis de 1.000 páxinas) representaron o 0,7% dos títulos. Do total de títulos editados, o 96,2% corresponderon a primeiras edicións e o 3,8% a reedicións.

O tema máis editado en 2019 foi Literatura (co 41,6% do total de títulos e un aumento do 5,1% respecto ao ano anterior). Seguíronlle Ciencias Sociais (co 14,5% do total e unha subida anual do 6,6%) e Ciencias Aplicadas (co 10,1% do total e un descenso do 14,3% respecto de 2018).


Arquivo - Imaxe de arquivo de libros nun andel.. EUROPA PRESSQ - Arquivo
Arquivo - Imaxe de arquivo de libros nun andel.. EUROPA PRESSQ - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta