GC Aberto

Por que Galiza é o mellor país do mundo

Por admin | GC ABERTO | 26/01/2022

Comparte esta noticia

Galiza é o mellor país do mundo porque ten unha explicación para calquera problema. Non me mal interpreten, non é que foramos quen atoparlle a súa causa a cada problema, iso pode facelo calquera. O mérito está en explicar todos os problemas coa mesma causa: o minifundismo.

Panorámica da aldea de Naraído.
Panorámica da aldea de Naraído.

Pénseno un pouco: que non se desenvolve axeitadamente o sector agrario, a causa é, o minifundismo. Que temos un problema na estrutura empresarial, a causa é o minifundismo; que o sistema universitario non é suficientemente competitivo, a causa é o minifundismo; que as comunicacións aéreas non son eficientes, a causa é o minifundismo; que non se forman clusters: obvio, a causa é o minifundismo; que temos un problema na enerxía, a causa é o minifundismo.....Ai non, perdón, os oligopolios son cousa moi respectable.

Se non acaban de ver o ridículo do argumento proben o seguinte: dirían que o baixo peso na infancia nunha determinada rexión se debe a unha preferencia cultural? Poren, repasando sisudos informes mentres empezaba a esbozar este artigo, sorprendía a cantidade de veces que un atopaba que o problema fundamental da economía galega é o “minifundismo por causas idiosincráticas”.

Deixando de lado o feito de que o minifundio lonxe de ser unha irracionalidade incomprensible respondía á razóns de eficiencia, o abuso do tópico é realmente convinte: as consultoras poden traer as conclusións precociñadas da casa, os medios de comunicación teñen nel un recurso fácil e ridiculizador e o goberno galego pode seguir confortablemente instalado no seu laissez faire, pois a responsabilidade non é das políticas nin do marco institucional, é que somos así.

Unha vez que abandonamos as teorías pintorescas a pregunta pertinente é: que é o que fai medrar as empresas? A ciencia económica sigue tratando de respondela sen que de momento se atoparan receitas universais, non obstante a relevancia algúns factores si está solidamente probada. Centrarémonos en tres: a facilidade para expandirse, a facilidade para financiarse e a facilidade para mellorar. Factores que forman parte de un todo, ou se engarzan ou será difícil que o desenvolvemento se produza.

Dispoñer dun mercado amplo facilmente accesible constitúe unha vantaxe natural que facilita o crecemento das empresas nas etapas iniciais e intermedias. Con carácter xeral, os mercado próximos, dos que se dispón de máis información e nos que os custos de transacción son menores son máis fáciles de atender e resultan máis propicios para medrar. No caso galego un mercado ao que se lle presta insuficiente atención é o do Norte de Portugal que, xunto con Galicia constitúe un área con unha demanda formada por 6,2 millóns de consumidores. Non é esta a única vantaxe que pode brindar da euroárea.

O aumento da produtividade necesario para soster maiores niveis de competitividade acádase xeralmente a través de economías internas (economías de escala derivadas do maior tamaño) e de economías externas que proporciona o territorio, e dicir, de factores dependentes da masa crítica acadada que provocan que as empresas poidan producir o comercializar máis eficientemente. No caso galego esa masa crítica so pode acadarse coa colaboración có norte de Portugal. A política que resposta a esta necesidade é a creación de proximidade, non so xeográfica, a través de infraestruturas que faciliten as comunicacións, senón institucional, organizativa, social, lingüística e mesmo informativa. A información cultural, política, económica, etc sobre Oporto ou Braga debería ser igual de relevante que a existente sobre Coruña ou Ourense, pois so deste xeito se pode crear conciencia a ambos lados da raia dos retos e oportunidades compartidas.

Por outro lado, mentres a competencia cós veciños tende a xurdir de maneira espontánea ou a ser facilmente explotada por intereses localistas, os ámbitos de cooperación é necesario organizalos proactivamente con vistas a sumar talento e recursos para retos maiores.

Esa capacidade de mellorar que brinda o territorio debe reforzarse con estímulos á innovación, pois so dese xeito o cambio se produce ao ritmo necesario. Aquí ai un punto que compre entender: acadar un certo tamaño empresarial resulta clave para que as políticas de innovación poidan funcionar. Innovar é unha práctica sistemática que consume tempo e recursos propios, factores tremendamente escasos nas empresas pequenas. De aí que nutrir e facilitar a vida das empresas nas etapas iniciais e intermedias sexa indispensable e previo.

Unha vez que as empresas dispoñen destas condicións o colaborador necesario para dar respaldo e reducir riscos son as administracións. Pois ben, en 2018 (último dado publicado polo INE) Galiza invertía en I+D o 0,94% do PIB, por baixo do modesto 1,24 do conxunto do estado e a unha distancia sideral do algo máis do 2% da media da UE28. E máis, o esforzo en I+D real é, de feito, menor xa que esa cifra é a do gasto orzamentando, non do executado. Por termo medio a xunta ven deixando de executar unha cuarta parte do orzamento en I+D. Ese gasto non realizado responde fundamentalmente a créditos brandos a empresas. Si ano tras ano non se executa e tampouco se reasigna é sinal de que en realidade é un mero truco contable para disimular un gasto paupérrimo. Mentres, quen si ten capacidade e, sobre todo, necesidade: as tres universidades, centros de investigación como o IIM-CSIC e o IEO ou os centros tecnolóxicos, etc., sobreviven a niveis de emerxencia vendo como cada día se perden investigadores por falta de medios para os reter. Se no futuro as empresas gañan en tamaño e demandan máis recursos para innovación será o momento de asignarlle máis fondos e apertar o acelerador, non antes. O de agora é facernos trampas ao solitario.

Por certo, unha das razóns polas que facerse trampas ao solitario é sinxelo é a ausencia de suficiente pluralidade e independencia nos medios de comunicación de masas, a empezar pola RTVG. Sen prensa plural e independente os incentivos para establecer políticas públicas eficaces fraquea.

Para finalizar, efectivamente, o crecemento e a mellora ai que financialos, sendo de especial interese aquel capital que é quen de establecer vínculos de longo prazo. Compromisos como os que nalgúns momentos amosaron as extintas caixas galegas, moi particularmente Caixa Ourense e Caixa Vigo. A entrada de fondos de investimento en sectores estratéxicos, como o do complexo mar-industria, é o reverso do baleiro deixado pola desaparición das caixas e provoca unha substitución de vínculos locais por vínculos globais, así como un maior cortoplacismo nos obxectivos. Certamente sería peor que as empresas non contaran tampouco con esta vía, como tamén sería mellor que puideran dispoñer de outras alternativas de capital paciente.

Tuneando o discurso de Will McAvoy no capítulo inicial de The Newsroon, o primeiro paso para resolver un problema e non entreterse con explicacións magufas. O segundo é facerse as preguntas correctas. Acertar nin é fácil, nin evidente, nin exento de controversias, incluídas as alternativas expostas aquí, pero polo menos xa teremos descartado o erro seguro e o autoflaxelo.

Gonzalo Rodríguez Rodríguez

Prof. do Dpto de Economía Aplicada

Universidade de Santiago de Compostela

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta