Inimigos das liberdades

Nas rexionais de Castela e León, o domingo 13-F, Vox sobardou o 18% de votos, acadando máis do 20% nas súas principais cidades (Valladolid e Burgos).

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 20/02/2022

Comparte esta noticia
O fenómeno agravouse substancialmente días despois, coa implosión do PP por mor das denuncias de grave corrupción de Casado e Gª Egea contra Díaz Ayuso, que coincidiron coa actitude refractaria daqueles  e favorábel desta a unha coalición de goberno do PP cos extremistas. Electomanía ven de publicar unha enquisa desenvolvida entre os días 14-F e 18-F que lle da o primeiro posto ao PSOE e o segundo a  Vox (quen seica  lle daría o sorpasso  ao PP) nunhas vindeiras eleccións estatais.
 
Non partillo esa espallada idea  de que Vox sexa un partido fascista. É  un partido de extrema dereita que amorea xente hoxendía xa bastante diversa, mais coincidente nunha corrente central de franquismo sociolóxico. Porque tentan (canda un sector maioritario do PP madrileño, representado por Agirre e Díaz Ayuso) liquidar os avances democráticos do réxime de 1978-dende unha mutación constitucional pilotada polo Deep State- para voltar a unha sociedade española agresiva coa personalidade nacional  galega (e contra calquera plurinacionalidade e pluriculturalidade), coa igualdade de xénero e coa integración das persoas inmigrantes. Poirque tentan voltar a un Estado español que exclúa ás persoas que exercemos unha identidade nacional incompatível coa deles, canda as persoas feministas, ecoloxistas ou simplesmente progresistas.
 
A ideoloxía e a praxe política de Vox é unha ameaza para Galicia e para a economía e a sociedade galegas. Porque representan unha fracción das elites españolas que  i) refugan de Europa como comunidade de dereito e  liberdades e espazo de políticas sociais e económicas comúns  e  ii) queren destruir calquera política autonómica e local que fomente a economía galega e xere oportunidades para as nosas empresas, mesmo impedindo as normativas europeas e galegas que favorezan a contratación de compañías locais para as obras e servizos públicos que precisan as Administracións Públicas.
 
Velaí que Galicia, onde Vox é aínda anecdótico, teña de desenvolver unha acción política e social coordenada para construir un balado contra esta caste de política antidemocrática que quere liquidar tamén o noso autogoberno. Un autogoberno que, malia as súas gravísimas feblezas, podería constituir unha potente ferramenta de defensa da nosa economía.
 
A extrema dereita franquista é inimiga dos intereses da empresa, economía e sociedade galegas, así como do noso autogoberno e mesmo existencia como País. E, tamén, constitúe unha fronte de millóns de persoas que non saben nin queren vivir en democracia e arelan destruir as nosas liberdades. As que nos pertencen como persoa e como cidadanía galega e europea.
 

O presidente de Vox, Santiago Abascal.
O presidente de Vox, Santiago Abascal. | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.