O 'Villa de Pitanxo' afundiuse polos golpes de mar, tras pararse o motor durante a manobra de virada

É o que lle contou o patrón Juan Padín á armadora Grupo Nores, segundo a propia empresa.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 21/02/2022 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

O pesqueiro 'Villa de Pitanxo' afundiuse polos golpes de mar que o escoraron, despois de sufrir unha parada no motor principal durante unha manobra de virada do aparello, segundo trasladou a armadora Grupo Nores, á que pertencía o barco.

O Villa de Pitanxo faenando en augas do Atlántico
O Villa de Pitanxo faenando en augas do Atlántico | Fonte: seguridadmaritima.com

A empresa sinala que, "conforme co trasladado polo patrón", Juan Padín (un do tres superviventes do naufraxio), "o accidente produciuse durante a manobra de virada do aparello".

Nese momento, produciuse "unha parada de súpeto do motor principal", que deixou o 'Villa de Pitanxo' "sen motor nin goberno, exposto ao vento e as ondas, sufrindo golpes de mar que o escoraron e afundiron de forma moi rápida".

O naufraxio deste pesqueiro, con base en Marín, produciuse o pasado 15 de febreiro a uns 450 quilómetros de Terranova. Dos 24 tripulantes da nave, tres foron rescatados con vida, Juan Padín, o seu sobriño Eduardo Rial Padín e o mariñeiro de orixe ganesa Samuel Kwesi), e recuperáronse os cadáveres doutros 9 mariñeiros: Rogelio Franco, Miguel Lumbres, Diego Andrés Moré, Daniel Fernando Moré, William Arévalo Pérez, Ricardo Alfonso Cruz Flores, José Antonio Cordero, Fernando Santomé e Apaanah Pelungo Zure.

O balance da traxedia arroxa tamén a cifra de 12 tripulantes desaparecidos, e as familias pediron este luns, unha vez máis, que se renoven os labores de procura canto antes, xa que hai previsión de temporal na zona a partir do mércores.

Precisamente, responsables da armadora tiveron este luns un encontro con estes familiares dos mariñeiros desaparecidos (o primeiro convocado formalmente con todos eles) no Porto de Marín, e trasladáronlles o seu "apoio e total disposición" para impulsar a continuación das "tarefas de rastrexo", "e para pescudar as posibles causas do tráxico accidente".

A PROCURA, "PRIORIDADE HOXE"

Á saída dese encontro, que se prolongou por máis de dúas horas, a filla do xefe de máquinas, María José de Pazo, explicou que as familias demandaron á armadora que apoie a súa petición de retomar a procura "dos 12 que faltan", porque é "a prioridade hoxe".

Na mesma liña, Julio Torres, achegado de Samuel Kwesi, explicou que a empresa se comprometeu a manter a "presión a todos os niveis" para renovar eses labores, que "agora mesmo é o principal" e que, xa posteriormente, haberá que abordar a investigación das causas do sinistro "ata as últimas consecuencias".

Este pastor evanxélico reiterou que "as familias teñen información fidedigna de que hai un tempo relativamente bo, para o que é a zona" e que debe tomarse "xa hoxe, non mañá", a decisión de buscar os desaparecidos.

NON EXPOR "CONXECTURAS

Con todo, os familiares explicaron que, na reunión coa armadora, "preguntóuselles expresamente" se falaran cos sobreviventes, entre os que está o patrón, "e eles dixeron que non", polo que trasladaron a súa "sorpresa" polo comunicado feito público, no que Nores fala das posibles causas do naufraxio.

De feito, Julio Torres apuntou que "hai moitas cousas abertas" con respecto ao accidente e as responsabilidades, que a empresa "non elude", pero sinalou que a armadora "quere que cheguen os sobreviventes". "Ao final, máis que expor conxecturas e posibilidades, é mellor, dado que é algo tan grave, falar sobre realidades. Niso coinciden eles e as familias", apuntou, e insistiu en que "a investigación está noutro plano, e agora o plano primeiro é a procura".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta