Morre o actor cómico Pedro Brandariz tras sentirse mal durante unha actuación

Ocorreu durante un monólogo nun colexio en Teo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/02/2022 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

O actor Pedro Brandariz faleceu este martes tras sentirse mal mentres protagonizaba un monólogo nun colexio en Teo, segundo informou a súa contorna familiar. 

Pedro Brandariz
Pedro Brandariz | Fonte: Concello da Coruña.

Natural do lugar de San Pedro de Nós, en Oleiros, tiña 44 anos e era coñecido na escea galega como cómico, actor, clown, monologuista, contacontos ou cabareteiro, como lle gustaba autodefinirse.

Os servizos de emerxencia que acudiron ao lugar para atendelo non puideron facer nada por salvar a súa vida.

Brandariz iniciouse no mundo da interpretación a finais dos anos 90 no grupo de teatro do seu concello e na actualidade participaba en diferentes programas e producións de Galicia.

Contacontos, actor de teatro ou cómico, son algunhas das facetas nas que destacou ao longo dos anos e ademais tamén era unha cara recoñecida do audiovisual galego, participu en 'O show dos Tonechos' ou no 'Luar' da TVG. No mundo das series formou parte dalgunhas como 'Casa Manola' ou 'Luci'.

A Asocación de Actores e Actrices de Galicia puxo en valor a traxectoria do cómico coruñés, lamentou o seu falecemento e trasladou o seu pesar e apoio aos seus familiares amigos.

As mostras de condolencia sucedéronse durante as últimas horas nas redes sociais. Entre elas, a Consellería de Cultura, que mostrou o seu "pesar" á familia e amigos, e a Academia Galega do Audiovisual, que recibiu con "estupor" a noticia do repentino falecemento do seu compañeiro.

Tamén desde o programa 'Luar', do que era habitual colaborador os venres na TVG, que publicaron en Twitter o seu pesar: "Marchouse Pedro Brandariz e non temos palabras para describir o baleiro que deixa".

Outras institucións culturais e persoas do mundo audiovisual mostraron o seu pesar pola morte do cómico e moitos coinciden en agradecerlle "todo o que nos fixo rir".

Este ano, Pedro Brandariz fora nomeado finalista no Premio Mestre Mateo do audiovisual galego na categoría de mellor actor protagonista polo seu traballo na película 'Jacinto'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta